Por Xurxo Salgado | Santiago | 01/08/2011 | Actualizada ás 00:04
O Concello de Muíños participa dun proxecto do INORDE, financiado con fondos do Programa Operativo de Xestión Transfronteriza España-Portugal (POCTEP) dentro dunha convocatoria do programa de cooperación transfronteiriza que conta cun importante apoio ecónomico dos fondos FEDER (Fondos de desenvolvemento rexional da UE).
Este programa está dotado de case medio millón de euros co obxectivo de "desenvolver e valorizar productos endóxenos". O Concello de Muíños aproveitou parte destes cartos para promocionar a festa do galo 'pica no chan' e festa das sopas 'do burro canso'. Sen embargo, tamén utilizou estes fondos para promocionar, tamén, unha tourada na que participará Julio Benítez 'El Cordobés', tal e como se pode ver no cartel das festas, no que aparecen os logos do INORDE e do FEDER.
Este municipio tamén se beneficia de 400.000 euros doutro proxecto europeo para a valorización do Parque Transfronterizo do Xurés.
INORDE e FEDER
O INORDE é un organismo autónomo de carácter administrativo dependente da Deputación Provincial de Ourense que foi creado en 1987. O seu obxectivo é o desenvolvemento económico da provincia de Ourense, tendo en conta aspectos ambientais e sociais que contribúan ó desenvolvemento sostible de toda a provincia.
Pola súa banda, a finalidade do FEDER é fortalecer a cohesión económica e social na Unión Europea corrixindo os desequilibrios entre as súas rexións. O seu obxectivo é financiar:
- Axudas directas aos investimentos realizados nas empresas (en particular a PEME) para crear empregos sustentables.
- Infraestruturas vinculadas especialmente á investigación e a innovación, ás telecomunicacións, ao medio ambiente, á enerxía e o transporte
- Instrumentos financeiros (fondos de capital de risco, fondos de desenvolvemento local...) para apoiar o desenvolvemento rexional e local e favorecer a cooperación entre as cidades e as rexións
- Medidas de asistencia técnica.
A Plataforma Galicia mellor sen touradas denuncia "irregularidades" na utilización dos fondos europeos destes programas xa que non se usan para os fins que son consignados. Por iso, xa traballa na elaboración dunha batería de preguntas no Parlamento Europeo co grupo Verdes/Alianza Libre Europea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.