Máis de 40 empresas presentan ofertas á Xunta para construír infraestruturas por case 4,5 millóns

Boa parte das intervencións céntranse na eliminación de tramos de concentración de accidentes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2019 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

Un total de 44 empresas presentaron as súas ofertas á Xunta para a construción de infraestruturas por case 4,5 millóns de euros, entre as que se inclúe a eliminación dos tramos de concentración de accidentes na estrada PO-552, en Vigo.

Un accidente na estrada Po-552, na Guarda.
Un accidente na estrada Po-552, na Guarda. | Fonte: La Sexta

Tal como asegurou a Xunta nun comunicado, 20 empresas presentaron as súas ofertas para executar unha nova senda peonil e ciclista no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra), en dous tramos das estradas autonómicas PO-307 e PO-549, na contorna da Ponte da Illa e de Terrío, cun investimento de dous millóns de euros.

Así mesmo, segundo a Administración galega, esta intervención prevé a mellora das paradas de autobuses, a instalación dos sistemas de recollida de augas de drenaxe e a colocación das canalizacións que permitan "nun futuro" a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.

Pola súa banda, segundo datos da Xunta, 13 compañías presentaron as súas ofertas para a eliminación dos tramos de concentración de accidentes na estrada PO-552, en Vigo. Cun investimento dun millón de euros, esta obra "ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nun trazado de 4,5 quilómetros", entre a intersección coas estradas de Matamá e Muíños e a estrada de San Miguel de Oia, no municipio olívico.

Ademais, un total de 11 empresas presentaron as súas ofertas para mellorar a seguridade viaria na estrada autonómica PO-190 no concello pontevedrés de Valga, cun gasto de case 358.000 euros. Segundo a Xunta, as obras previstas teñen un prazo de execución de cinco meses e abarcan un tramo de 1,3 quilómetros, onde se executarán novas beirarrúas e ampliaranse as existentes, "mellorando a mobilidade e a seguridade dos peóns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta