Piden prohibir a presenza infantil en cacerías tras a morte dun neno de 4 anos en Andalucía

Asociacións animalistas demandan unha reforma da Lei de Caza para impedir que os menores de idade poidan ir de acompañantes ás batidas (ou mesmo participar directamente, no caso dos maiores de 16)

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2019 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber reiteran a necesidade de prohibir a presenza de menores de idade nas batidas tras o falecemento este sábado dun neno de catro anos nunha cacería celebrada en Guillena (Sevilla).

Tiro ao pichón. ARQUIVO/FEDERACIÓN DE CAZA C-LM / Europa Press
Tiro ao pichón. ARQUIVO/FEDERACIÓN DE CAZA C-LM / Europa Press

Ambas organizacións recordaron a través dun comunicado que "supón a segunda morte dun menor de idade en España no marco desta actividade no que vai de tempada cinexética", xa que o pasado mes de outubro tamén faleceu un neno de trece anos na provincia de Valladolid.

Libera e Franz Weber sinalan que nos últimos tempos desenvolveron unha campaña específica baixo o lema 'Non é un xogo' a través da cal, con máis de 76.000 firmas recollidas ata agora, promoven unha reforma da Lei de Caza de Galicia de 2013.

O obxectivo é impedir a participación de calquera menor de idade en batidas, posto que na comunidade é posible que participen de forma directa desde os 16, pero poden estar presentes antes como "espectadores ou acompañantes" sen restricións.

Os animalistas advirten que "a caza é unha actividade de risco" e que o marco normativo "consente, de forma inexplicable", que menores poidan presenciar e incluso tomar parte de todo tipo de modalidades, "incluso aquelas perigosas para os propios participantes, como demostra o fatal desenlace na montería sevillana ou os accidentes que se repiten cada ano en Galicia e que permanecen en silencio absoluto por parte do lobby procaza".

Tamén recordan que "no seu momento", o Valedor do Pobo cargou contra o proxecto da Xunta de rebaixar a idade de 16 a 14 anos "cunha dura recomendación" na que pedía que se afastase os menores de actividades que puidesen vulnerar a súa integridade física e moral. Deste xeito, destruía "o argumentario dos escopeteros, que intentan esta rebaixa lexislativa ao non existir suficiente substitución xeracional".

Por outra banda, ambos colectivos afirman que tras divulgar a data e a localización da nova "pseudocompetición organizada polos escopeteros e autorizada polo executivo autonómico", miles de persoas xa enviaron as súas mensaxes de protesta ao gabinete da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Franz Weber e Libera mostraron ademais o seu "rotundo apoio" a todas as accións que os concellos de Muros e Carnota poidan desenvolver para non prestar soporte algún a "quen trata de camuflar de deporte unha macrocacería inxustificada e contaminante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta