A Xunta formará "novos talentos" da literatura galega a través de cursos con escritores

Entre os profesionais da escrita que darán estes "obradoiros creativos" estarán Javier Pena, Xabier Quiroga, Miguel Ángel Fernández, Arantza Portabales, Manuel Gago, Antón Riveiro Coello e Diego Giráldez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A Fundación Cidade da Cultura presentou este mércores o 'Obradoiro de Novela Cidade da Cultura', unha actividade pensada para axudar a desenvolver o talento de novos valores na literatura galega.

Obradoiro de Novela Cidade da Cultura. XUNTA
Obradoiro de Novela Cidade da Cultura. XUNTA | Fonte: Europa Press

Os participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegas de referencia, e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, destacou o obxectivo que comparten neste proxecto a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Rolling Words, nun campo "tan relevante para o sector cultural galego" como é o da literatura. "Queremos ser capaces de captar e exportar autores e autoras emerxentes, xerando unha comunidade dinámica onde os referentes compartan o seu coñecemento cos talentos aínda por descubrir", explicou.

Na rolda de prensa de presentación participou tamén a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, así como a directora de Rolling Words, Lourdes Díaz, e os escritores Javier Pena, Xabier Quiroga, Miguel Ángel Fernández e Arantza Portabales.

O abaratamento dos custos de impresión, as plataformas de auto-edición, a accesibilidade das ferramentas online e a promoción en redes sociais son algúns dos factores que influíron na "actual proliferación de escritores a nivel global", segundo explicou Lourdes Díaz. "Hoxe en día, o difícil non é xa publicar, senón destacar na lea de publicacións, e a formación especializada axuda a dar o salto ao profesionalismo", sinalou.

Con todo, a diferenza doutras comunidades, como Madrid, Zaragoza, Valencia ou Barcelona, "en Galicia existe un certo baleiro en escolas de escritura creativa, especialmente naquelas dirixidas as persoas adultas", dixo Javier Pena.

O curso está deseñado non só para que os participantes aprendan a manexar os recursos da escritura, senón tamén a moverse no sector. Accederán, así, a contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario destacado, poderán tamén ingresar na nómina de autores representados por Rolling Words.

APRENDER DE QUEN ESCRIBE

Autores cunha traxectoria recoñecida tanto dentro como fose de Galicia forman parte do profesorado do 'Obradoiro de Novela Cidade da Cultura', que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 7 de xuño na Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás.

Ademais de Javier Pena, Xabier Quiroga, Miguel Ángel Fernández e Arantza Portabales, participan no curso os escritores Manuel Gago, Antón Riveiro Coello e Diego Giráldez.

A experiencia desde o mundo da edición virá da man de Lourdes Díaz e do consultor editorial Siscu Pérez. Todos eles serán os encargados de fornecer aos aspirantes a novelistas as ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus proxectos literarios.

Ao longo de 9 sesións teóricas, os escritores compartirán os seus coñecementos sobre o estilo, os xéneros narrativos, a creación de personaxes ou a estrutura e tempos da novela. O taller contará tamén con especialistas do mundo editorial, que ofrecerán as claves para penetrarse no mercado literario. Os participantes deberán despois demostrar o que aprenderon dando forma á súa propia novela ou polo menos ás cincuenta primeiras páxinas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta