A creación de empresas sobe un 13% en Galicia, un aumento lixeiramente superior ao dos peches

A taxa de crecemento neto de empresas situouse no 0,54%, por baixo do dato de 2016

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/01/2019 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O número de sociedades mercantís constituídas en 2017 en Galicia aumentou un 13,33% respecto a 2016, ata máis de 24.500 empresas, mentres que as extincións de compañías rexistraron un aumento do 12,79%, con case 23.500 firmas, segundo datos publicados este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa  Press.

Evolución de empresas creadas en Galicia nos últimos anos. EPDATA
Evolución de empresas creadas en Galicia nos últimos anos. EPDATA | Fonte: EP

Desta maneira, 2017 pechou cunha taxa de crecemento neto de compañías na comunidade autónoma do 0,54%, con case 185.300 sociedades, en comparación coas 184.305 empresas que había a inicios dese mesmo ano.

A comezos de 2017, o 77,07% das empresas correspondía ao sector servizos, mentres que o 15,4% á construción e o 7,53% á industria. Durante ese ano, foron tamén as compañías dedicadas a ofrecer servizos as que mellor saldo demográfico empresarial rexistraron, cun aumento do 0,87%, ata máis de 142.200 firmas.

Pola súa banda, o número de empresas de construción descendeu un 0,61% en 2017, así como as compañías industriais, incluídas as de enerxía, que baixaron un 0,45%.

Así mesmo, en todos os tipos de empresas segundo o tamaño, agás na mediana empresa, o saldo foi positivo. O tipo de compañías con maior dinamismo foi a  microempresa, xa que aumentou nun 0,55%, ata máis de 176.000 compañías.

"Ao analizar a evolución das taxas de nacementos e mortes de empresas, cabe destacar que 2015 foi o primeiro ano desde 2008 no que a taxa de nacementos de empresas superou o das defuncións. En 2017, a taxa neta é positiva; o seu valor sitúase en 0,54%, por baixo da do 2016", sinalou o IGE.

SUPERVIVENCIA

Tal como explicou o Instituto Galego de Estatística, o primeiro ano de vida das empresas é cando se produce o maior número de peches. En 2017, das empresas creadas no 2016, "só permaneceron abertas o 74,35%". Ademais, "se analizamos a permanencia despois de cinco anos, pódese comprobar que o número inicial de empresas queda reducido ao 44,94%", asegurou o IGE.

Así mesmo, as pequenas e medianas empresas (pemes) presentan valores máis altos de supervivencia que o total de empresas e que os autónomos. En 2017, a taxa de supervivencia das pemes creadas no ano 2013 situouse no 70,78%, mentres que no caso dos autónomos foi do 44,61%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta