Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 15:32
Os deputados de En Marea Antón Sánchez e Julia Torregrosa tacharon de "moi perigosa" e "privatizador" o proxecto da Lei de Rehabilitación e Rexeneración de Galicia —levada pola Xunta ao pleno desta semana no Parlamento galego—, xa que "desprotexe" o patrimonio mirando "só polo interese privado" e introduce "inseguridade xurídica".
Os representantes de En Marea manifestaron a oposición do seu grupo a esta normativa, que ademais "marxina" os núcleos rurais, "os grandes esquecidos". "Feijóo só ten oídos para os 'lobbies' promotores", esgrimiu Sánchez.
Neste sentido, o tamén portavoz nacional de Anova referiuse ás declaracións da conselleira de Infraestruturas, quen este fin de semana aseguraba, segundo Sánchez, que "se se recibían axudas non tería cabida ter a vivenda desocupada". Para o deputado de En Marea, isto é "totalmente falso", xa que "non hai ningún precepto" no proxecto de lei que o contemple.
Seguidamente, sinalou que a ausencia dunha mención ao concepto de vivenda baleira é "precisamente una das grandes carencias do proxecto". "Por tanto, En Marea presentará unha emenda para arranxar esta cuestión", anunciou, á vez que esperou "o apoio" da conselleira en vista das súas declaracións.
"Se a Xunta está preocupada agora por mobilizar vivenda desocupada, non entendemos como rexeitaron as iniciativas que En Marea presentou desta forma reiterativa", subliñou Sánchez.
"ORIENTACIÓN LIBERALIZADORA E PRIVATIZADORA"
En todo caso, asegurou que a lei "ten unha orientación liberalizadora e privatizadora, na que o público se subordina ao interese privado", mentres que criticou que engade "confusión normativa". "En ningún caso fala do patrimonio público de chan e nos casos que fala da venda forzosa establece dúas poxas públicas na que a Administración non concorre cunha redución de ata o 50 por cento na segunda", censurou.
"Só despois destas dúas poxas a Administración podería facerse co inmoble, o que supón unha oportunidade perdida para reforzar o parque público de vivenda", alertou.
Pola súa banda, a parlamentaria Julia Torregrosa coincidiu en destacar os "graves perigos" da lei para Galicia, como a "falta de protección de edificios non catalogados nos centros históricos que si que o son", así como a "axilización de trámites", no que apostou por "arranxalo con máis recursos e persoal" e non cun "descontrol" do patrimonio.
Así mesmo, Torregrosa considerou que as expropiacións forzosas deberían ser en casos "extraordinarios", á vez que reclamou á Xunta "iniciar políticas activas orientadas á conservación do patrimonio con axudas e orzamentos específicos".
"Trátase dunha lei pensada máis con espírito especulativo que de respecto ao patrimonio e ao coidado que debe ter a Administración por preservar o patrimonio do noso país, xa bastante desfeito e desprotexido", sentenciou a deputada de En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.