Os Franco a xuízo pola devolución das esculturas do Pórtico da Gloria

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega: “penso que a familia Franco ten medo que este xuízo sente precedente e se poda recuperar moito máis patrimonio”.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2019 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid celebrará este venres, día 1 de febreiro, o xuízo contra a familia Franco pola titularidade das estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que reclama en Concello compostelán nun proceso que dura xa máis dun ano.

“O Concello de Santiago espera que este primeiro paso sente precedente para recuperar o patrimonio que é de todos e todas” apunta Martiño Noriega antes da celebración do xuízo pola recuperación das dúas estatutas do Mestre Mateo en posesión dos Franco. O alcalde compostelán tamén destaca que “é a primeira vez que unha institución presenta unha demanda pola vía xudicial para recuperar o que é patrimonio público”. Preguntado sobre as expectativas do xuízo “espero que haxa xustiza e que poidamos levar o que foi patrimonio expoliado por unha familia nun contexto de ditadura”.

O alcalde de Santiago diante dos xulgados en Madrid
O alcalde de Santiago diante dos xulgados en Madrid | Fonte: Miguel Penas

Sobre os impedimentos que puxeron por diante a familia Franco, Martiño Noriega contesta que detrás estaría o medo ante a posibilidade de crear xurisprudencia que permita recuperar máis patrimonio roubado en todo o Estado e especialmente en Galicia.

A base para a demanda por parte do consistorio compostelán estaría, como di a documentación presentada polo Concello, en que “nos arquivos da Corporación non constan trazas de ningún acordo ou resolución “en virtude do que as obras pasaran a mans das persoas citadas (familia Franco). Pola súa banda, os herdeiros de Francisco Franco alegan a que “segundo a tradición oral da nosa familia, os nosos avós mercaron (as esculturas) a un particular a través dun anticuario”.

Esta será a terceira vez que o caso que enfronta ao Concello de Santiago coa familia Franco, chegue aos tribunais. Xa o pasado 13 de outubro, o tribunal madrileño fixou a audiencia previa inicial do caso. Esta sesión tivo que aprazarse por mor das alegacións presentadas polos descendentes do ditador, que aseguraron que aínda non "herdaran o patrimonio" da súa nai, Carmen Franco, falecida en decembro de 2017, uns meses despois de arrincar o proceso. A vista foi entón trasladada a novembro de 2018 para analizar as alegacións. Finalmente, celebrouse, pero non houbo acordo, polo que o xulgado convocou para este 1 de febreiro o inicio do xuízo.

As dúas esculturas motivo do xuízo, representan aos profetas Abraham e Isaac, orixinalmente pertencentes á fachada situada ante o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e que foron retiradas durante as obras do século XVI. Ambas as pezas foron incluídas en 2017 nunha exposición dedicada ao Mestre Mateo como pertencentes a unha "colección particular". Foi neste momento cando o Concello de Santiago detectou que a documentación na súa poder atribuía ao patrimonio público a propiedade e iniciou as xestións para reclamar a devolución das pezas.

As estatuas dos profetas Abraham e Isaac, foron adquiridas polo concello en 1948 baixo a premisa de permaneceren sempre en poder público. Con todo, por un proceso do que non consta ningunha documentación, as dúas pezas patrimoniais, en vías de ser declaradas BIC, pasaron a mans da familia Franco nos anos 60. En setembro de 2017, o consistorio compostelán iniciou un proceso para reclamar a súa devolución, que chegou a sede xudicial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta