Solo industrial en Galicia: sobreoferta e polígonos baleiros

Un terzo das parcelas industrias están baleiras e a metade dos polígonos teñen unha ocupación por debaixo do 50%. Nalgunhas parcelas a ocupación é nula.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O boom de polígonos industriais en Galicia levou a unha situación absurda: un terzo das parcelas industrias no país están baleiras e aproximadamente a metade dos polígonos galegos contan cunha ocupación inferior ao 50%, dos que unhas 1.500 hectáreas brutas corresponden a unha ocupación nula. Son datos dun estudo realizado no Laboratorio do Territorio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), da Universidade de Santiago de Compostela.

Polígono industrial de A Granxa
Polígono industrial de A Granxa

Os datos presentados indican que existen 6.900 hectáreas de superficie clasificadas como polígono industrial ordenado, repartidas en 135 concellos, con máis de 15.000 parcelas industriais, das que 5.050 están baleiras ou sen edificar, o que equivale a 1.448 hectáreas. 

O estudo evidencia que a proporción de solo executado e ofertado desborda as previsións iniciais de demanda realizadas pola Administración Pública, que actúa como promotora. Os autores do traballo –Julia Vázquez Sánchez e José María Tubío Sánchez– subliñan que a Xunta de Galicia estimaba a demanda de solo produtivo para o período 2006-2015 en 3.429 hectáreas para un escenario de mínimo, e en 4.637 hectáreas para un escenario máximo. Porén, no ano 2011 Galicia xa contaba cunhas 6.900 hectáreas de superficie bruta de solo clasificado como polígono ordenado.

Polo tanto, a cantidade de solo existente superou amplamente o escenario máximo previsto pola Consellería de Vivenda e Solo (case un 50% máis) e desvela a existencia dunha alta proporción de solo sen edificar. 

Por outra parte, o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG), aprobado en 2014, estimou unha necesidade de solo industrial para 2024 de 1.900 hectáreas nun escenario de crecemento económico, xa que os cálculos se realizaron de acordo coas vendas de solo entre 2000 e 2008. No escenario intermedio calculaba unha demanda de solo máxima de 1.400 hectáreas en 2024. Como sinalan Vázquez e Tubío, a oferta desta cantidade xa se produciu unha década antes. 

GRAO DE OCUPACIÓN E DISTRIBUCIÓN POR PROVINCIAS

O grao de ocupación dos polígonos é diferente segundo a promoción. Os polígonos con maior ocupación corresponden aos da promoción estatal, chegando ao 77% de ocupación media por polígono. A Administración autonómica –a maior promotora de solos industriais– e a local mostran un grao de ocupación dos polígonos similar, de ao redor do 50%. Das 6.900 hectáreas clasificadas, a superficie ocupada é de 3.455.

A distribución dos polígonos industriais é diferente entre provincias. A Coruña lidera a clasificación, con 106 polígonos industriais identificados, o 35% do total en Galicia, e cunha ocupación lixeiramente superior á metade. A segunda con maior cantidade de polígonos é Lugo, co 25%, pero é a que presenta o menor grao de ocupación. Pontevedra conta co 16% dos polígonos industriais e unha ocupación lixeiramente inferior á media de Galicia, do 46%. Ourense é a provincia con menor número de polígonos industriais e ten tamén unha porcentaxe de ocupación inferior á media.

SOLO BALEIRO POR PROVINCIAS

Tras analizar a superficie de solo industrial neto (isto é, considerando tan só as parcelas dispoñibles para edificar e non as infraestruturas e demais servizos necesarios do polígono), os investigadores observaron que en Galicia existen máis de 15.000 parcelas industriais, das que un terzo, 5.050, están baleiras.

Os datos mostran que a promoción autonómica e a estatal contan cun número semellante de parcelas edificadas de ao redor de 2.500 parcelas. Porén, os polígonos da Administración autonómica son os que teñen máis parcelas baleiras. De feito, a promoción autonómica conta con máis parcelas sen edificar que edificadas.

O espazo sen edificar total corresponde a 1.448 hectáreas netas. A metade da superficie de solo baleiro total foi desenvolvida por entidades autonómicas, o que corresponde a 754 hectáreas de solos sen ocupar. A promoción estatal corresponde unicamente ao 10% da superficie total baleira.

A Coruña é a provincia con maior cantidade de parcelas baleiras, con 2.099 das 5.050 totais, e coa maior cantidade de superficie neta de solo baleiro, 715 hectáreas, o que se corresponde con case a metade da superficie total de parcelas baleiras de Galicia.

Lugo e Pontevedra contan co mesmo número de parcelas baleiras, 1.239. En cambio, a superficie en Pontevedra, de ao redor de 324 hectáreas de parcelas baleiras, é superior á de Lugo, con 289. Mentres que Ourense ten 473 parcelas non ocupadas que representan 119 hectáreas.

MUNICIPIOS: SANTIAGO, Á CABEZA DO SOLO BALEIRO

Dos 314 municipios galegos, 135 contan con polígonos industriais, concentrándose a metade do solo baleiro total en tan só 15 municipios. O solo industrial distribúese por todo o territorio galego.

Santiago de Compostela é o municipio con maior superficie de solo industrial baleiro neto, con 94 hectáreas, seguido de Curtis, con 78, e Outeiro de Rei, con 65. Seguen nesta lista Narón (58 hectáreas baleiras), Lugo (54 ha.), Carballo (54 ha.), A Laracha (51 ha.), Nigrán (49 ha.), Sanxenxo (45 ha.) e A Coruña (43 ha.).

Os autores do estudo tamén calcularon a superficie de solo baleiro por habitante. O municipio de Curtis, o segundo en cantidade de solo baleiro total, lidera esta clasificación, con 195,90 metros cadrados baleiros por habitante, seguido de Outeiro de Rei, con 128,74 metros cadrados.

TIPO DE PROMOTOR

A Administración con maior número de polígonos promovidos, así como de superficie, é a autonómica, con máis do 40%, seguida da Administración local, cun 26% da superficie, mentres que a estatal ten o 16%. Ademais, ao redor do 70% dos polígonos son de promoción pública (autonómica, local ou estatal), o cal supón máis do 80% da superficie do solo industrial total galego. 

Os datos foron publicados no último número de Administración & Cidadanía, revista da Escola Galega de Adminstración Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 cartos tirados o lixo

GRANDES MELLORAS, CLARO QUE SI.... a cuarta parte da poboación galega o borde da pobreza e douscentos mil galegos na pobreza extrema e alguns na dereita pe$oume e peepiros e adláteres e envelenadores da prensa TODOS TRATANDO DE ARRANXAR VENEZUELAS TEN GRAZA O ASUNTO!!!-

1 A come-lo caldo

Empregar o concello como unidade de medida lévanos ao absurdo. Nas comarcas de Vigo, O Morazo e Pontvedra hai pouco solo industrial. Seino por experiencia.