O BNG desprega pancartas nun encoro en Ourense para pedir unha tarifa galega e acabar coa pobreza enerxética

Foi no encoro de Velle, onde despregaron mensaxes como "Galiza produce", "Madrid consome" e "Tarifa galega".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Militantes do BNG despregaron este luns no encoro de Velle, en Ourense, tres pancartas nas que se podía ler "Galiza produce", "Madrid consome" e "Tarifa galega" nun acto no que a deputada e portavoz de Industria e Enerxía do BNG, Noa Presas, reclamou a creación dunha tarifa eléctrica galega para pór fin á "pobreza enerxética" e ao "peche de empresas".

Acto do BNG en Ourense por unha tarifa eléctrica galega
Acto do BNG en Ourense por unha tarifa eléctrica galega | Fonte: Europa Press

Noa Presas, que estivo acompañada polo candidato á Alcaldía de Ourense polo BNG, Luís Seara, sinalou que esta iniciativa é a "alternativa" que precisa Ourense para "dar o impulso económico" e "social" e, así, "deixar atrás a preocupante situación en termos de emprego e demografía que deixan as políticas do Partido Popular".

"Unha redución do 30 por cento nas peaxes permitiría reducir en 200 euros anuais a factura dos particulares e un abaratamento en todo o tecido industrial. Esiximos que o noso papel de produtores de enerxía, que fai que Galicia exporte máis do 35 por cento da enerxía que producimos, se converta nunha oportunidade para finalizar coa pobreza enerxética e co peche de empresas", destacou Presas.

Así mesmo, a portavoz de Industria e Enerxía do BNG subliñou que as comarcas de Ourense "son as máis castigadas polas políticas do PP e do PSOE, na Xunta e no Estado", xa que teñen "os peores índices de emprego, maior media de idade e pensións máis baixas, non só de Galicia, senón tamén do Estado".

ABARATAMENTO DO RECIBO

Pola súa banda, Luís Seara apuntou que a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega suporía o abaratamento do recibo da luz para as empresas da provincia e para o comercio local e de proximidade, "que está nunha situación límite e dando sinais de alerta desde hai tempo".

Así mesmo, concretou que esta medida tamén redundará de forma positiva na factura dos veciños da provincia, que teñen "as pensións máis baixas do Estado". "En definitiva, cando falamos de soberanía, falamos de ser donos dos nosos recursos, falamos das cousas para comer", concluíu.

Así as cousas, ambos os representantes esixiron ao PP, ao PSOE e ao resto de forzas do Estado, que "abandonen o seu centralismo" e "deixen de roubar o futuro", posto que unha tarifa eléctrica galega "permitirá abaratar a factura que pagan os galegos e galegas" e "será unha porta de estímulo para construír un futuro con traballo e con poboación con capacidade de crecer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

as pancartas deberan estar á porta do Parlamento de Galicia cando nos botaron abaixo a iniciativa lexislativa popular ! https://i.gal/gamela09 Pero como estamos de eleccións basta con ter unha fotografía para o Instagram... Que triste é viver no pais dos ananos!

1 Benito g.

Patético numerito por parte de iletrados que no saben distinguir los conceptos básicos de la electricidad; por suerte Madrid compra la energía eléctrica producida en Galicia, en bastantes casos muy cara; si fueran entes independientes sería mucho más económico para Madrid importarla de Francia o Marruecos. Para acabar con la pobreza energética de todos lo que hay hacer es dejarse de tanta subvención al carbón y las energías renovables, además de poner coto a las ansias de las eléctricas, o bajar impuestos.