Campaña de adoutrinamento? O 'lobby' mineiro métese nos colexios galegos da man da Xunta

A Cámara Oficial Mineira de Galicia e o Goberno galego presentarán a campaña “Minaría Sostible de Galicia”, dirixida ao ensino infantil, primario e secundario. A Rede Contraminacción denuncia que se trata dunha campaña de "enxeñaría social" que "oculta" aos cativos a "grave contaminación e destrución da paisaxe e do patrimonio".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/02/2019 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

A Rede ContraMINAcción denuncia a "agresiva campaña de enxeñaría social" que veñen de lanzar a Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Xunta para realizar un “lavado de cara” dos "graves impactos ambientais da minaría e a enorme repulsa social que veñen xerando proxectos como os de Corcoesto, Touro, San Finx, ERIMSA ou Triacastela". Así o expón esta rede de colectivos, que censura o acto que o 'lobby' da minaría realizará o próximo día 12 de febreiro na Cidade da Cultura de Galicia, no que presentará un 'kit' de materiais supostamente educativos destinados a nenas e nenos de infantil, primaria e secundaria.

Campaña do 'lobby' mineiro dirixida aos estudantes de Infantil en Galicia.
Campaña do 'lobby' mineiro dirixida aos estudantes de Infantil en Galicia.

No acto prensetarase tamén a marca “Minaría Sostible de Galicia” coa que se enmarca esta acción. Trátase, segundo a Rede ContraMINAcción, dun "intento máis de lavado de cara" do sector.

O acto contará coa participación da Cámara Oficial Mineira de Galicia, representada polo seu director Diego López, a Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, representada por Natalia Caparrini, e o Colexio Oficial de Xeólogos, representado por Pablo Núñez, que estarán acompañados polo Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

O 'lobby' mineiro presentará publicamente a campaña “Minaría Sostible de Galicia”, que suscitou o rexeitamento frontal dos colectivos integrados en ContraMINAcción, que veñen denunciando repetidamente como "administracións públicas e mineiras miran para outro lado ante as vulneracións legais das explotación que deixan un regueiro de contaminación e destrución polo país".

"A problemática ambiental causada pola actividade mineira irresponsábel conseguiu permanecer até hai moi pouco tempo silenciada polas empresas concesionarias en conivencia con diferentes administracións públicas. Desde hai algúns anos, coincidindo co abrollar de grupos sociais críticos e reactivos ante o incumprimento da lexislación ambiental, o 'lobby' mineiro presente na Galiza, co apoio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (entre outros organismos públicos), ven orquestrando unha campaña de enxeñaría social que procura xerar un estado de opinión favorábel á minaría, ocultando os desastres ambientais causados até a actualidade e a falta de aplicación efectiva da lexislación en materia de medio ambiente. Esta campaña de alienación tende a atacar os sectores mais vulnerábeis da nosa sociedade, entre os cales se atopan as crianzas e adolescentes", argúen os colectivos integrados na Rede ContraMINAcción.

Exemplo claro disto, din, é a elaboración e intención de difusión destas proxeccións audiovisuais destinadas a educación infantil, primaria e secundaria, que presentarán no acto do 12 de febreiro:

CAMPAÑAS DE PROPAGANDA E FALLA DE TRANSPARENCIA

A Rede ContraMINAcción denuncia que "mentres a Administración dedica grandes esforzos e recursos públicos a estas campañas de enxeñaría social, ducias de explotacións mineiras continúan sen restaurar ou, o que é peor, se converten en focos agravados de contaminación. como ilustran as minas-vertedoiro de Miramontes, Casalonga ou Touro, na contorna da capital galega".

Especialmente crítica, recordan, é a afección por augas ácidas de mina e metais pesados que afectan explotacións como as de Monte Neme, San Finx, Barilongo, Fontao ou Touro, e nas que "a Xunta ven intervindo con campañas de propaganda —como os carteis de Turismo de Galicia sobre as balsas tóxicas de Monte Neme— ou os museos mineiros de San Finx ou Fontao, aos que cada ano se levan nenas e nenos en actividades escolares dirixidas a promover esta imaxe distorsionada da minaría".

Estes colectivos civís tamén lamentan a "falla de transparencia" no outorgamento das axudas que recibe o sector para estas actividades divulgativas. Así, lembran que a Orde do 15 de marzo de 2018, establecía as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e procedíase á súa convocatoria para o ano 2018.

"Sen embargo, a falla de transparencia na concesión destas axudas é tan evidente que non existe nin rastro das persoas beneficiarias nin das actividades que se realizaron cos fondos públicos de todas as galegas e galegos, tanto no DOG como na web da Consellería de Industria e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas", sosteñen. Isto, engaden, agrava o “escurantismo” que envolve o sector.

Desde a Rede Contraminacción indican que, hai que ser “cínicos” para falar de “Minaría sostible”, tendo en conta o actual estado das minas de Touro, San Finx, Monte Neme ou Santa Comba, por citar algúns exemplos, onde a drenaxe ácida de mina ten impacto sobre os sistemas fluviais e marítimos, como se ten demostrado.

Existen actualmente investigacións en curso tanto no Parlamento Europeo como nas Nacións Unidas sobre os efectos destas explotacións mineiras e o papel ocultador da administración galega.

No caso de Monte Neme, a Rede ContraMINAcción subliña que baixo o nome de “lago de intenso azul” ou “hermosas aguas turquesas” ou “paraíso”, estanse a apoiar desde a Xunta de Galicia as “bondades” de balsas tóxicas de residuos mineiros, que acumulan gran cantidade de metais pesados e que son froito da minería extractiva e contaminante.

Este non é o único exemplo de degradación ambiental e paisaxística. Por citar algúns, sinalan os casos da Poza de Cartelle, en Ourense, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Ventoxo, no municipio de Forcarei (Pontevedra); a Poza da canteira de Pedras Miúdas, en Catoira, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Nantón, Cabana de Bergantiños (A Coruña), afectada pola drenaxe áceda da minería; a Balsa tóxica da minería no Monte Neme, en Carballo, acentúada polo drama desta, que incluso foi obxecto de publicidade institucional por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

"Non é a primeira vez que o 'lobby' mineiro tenta facer un 'lavado de cara', pero non convence a ningúen", aseguran os activistas.

Tamén lembran que "a desesperación do 'lobby mineiro' por ser aceptado socialmente levouno a reunirse con anterioridade en Santiago de Compostela, baixo o lema 'Compromiso coa sociedade'", no marco do V Congreso Nacional de Áridos organizado pola Federación de Áridos, o 24 de outubro pasado.

Daquela, "contou co apoio institucional e de altos cargos da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago, do Ministerio de Transición Ecolóxica, de Adif e da entidade ambiental Seo Bird Life para 'un lavado de cara' sen precedentes da minaría galega", lamentan os colectivos contra as minas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mina non

Vergonha!