Aproban enmendas do PP e BNG no Parlamento Europeo para evitar a perda de fondos para Galicia

Os novos criterios que aplicaría a UE para os fondos comunitarios deixarían fóra a Galicia que sufiría unha importante diminución de orzamentos ao baixar de categoría por culpa da crise económica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo aprobou emendas presentadas polo Partido Popular e o BNG para reclamar que Galicia non perda fondos de cohesión europeos e manteña as mesmas cifras do período anterior. Desde Esquerda Unitaria Europeoa-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, votou en contra das disposicións dos fondos europeos por "relegar a segunda plano ás persoas e ao medioambiente".

Os eurodeputados populares Ramón Luís Valcárcel e Francisco Millán Mon, presentaron unha emenda, que foi aprobada, dirixida a evitar que as rexións que descenden de categoría perciban menos fondos europeos no próximo período orzamentario de 2021 a 2027. Tamén asinaron esta emenda en nome do Grupo Popular o co-relator do informe, o eurodeputado búlgaro Andrey Novakov, e o coordinador do Grupo na Comisión de Desenvolvemento Rexional, o holandés Lambert van Nistelrooij.

A eurocámara someteu a votación este mércores a proposta da Comisión Europea dun regulamento que contén disposicións comúns ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo Plus e o resto de fondos comunitarios. Aplicando os criterios desta proposta de regulamento, Galicia e tamén Asturias poderían sufrir unha importante redución de fondos, a pesar de descender de categoría debido á crise económica, apunta o PP.

Debido a isto, o eurodeputado galego Francisco Millán Mon mostrou a súa "satisfacción" pola aprobación da emenda, que presta atención a "un pequeno número de rexións, entre elas, Galicia", que sufrirían unha importante redución de fondos. "Isto é contrario ao espírito da política de cohesión e a todo principio de equidade", subliñou o eurodeputado galego, que agradeceu o apoio á eurocámara para "evitar unha situación inxusta". No texto finalmente aprobado polo Parlamento Europeo, resalta o PP, increméntanse as taxas de cofinanciamento.

BNG

Pola súa banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou a mellora na proposta aprobada no Parlamento Europeo sobre os fondos de cohesión, tras as emendas presentadas polo grupo Verdes-Ale, no que se integra a formación nacionalista galega, de forma que se mantén a "rede de seguridade" e "ningún territorio perde de golpe financiamento". Conforme a isto, Galicia queda "nunha situación igual ao período anterior", ao cambiarse os criterios para poder apoiar aos territorios con problemas demográficos como o galego, tanto pola emigración da mocidade como pola falta de nacementos e o gran número de persoas maiores.

"Por primeira vez darase un tratamento prioritario ás actuacións contra o despoboamento, que é un problema que afecta a moitas partes de Europa e en especial a Galicia", destacou Ana Miranda, que instou ao goberno galego a "aproveitar esta oportunidade para o retorno da mocidade e para non recortar en servizos públicos, pois ata agora o que fixo coas decisións que tomou foi expulsar mozas á emigración". Por iso, destacou que nas propostas presentadas pola Comisión Europea concrétanse zonas, elegibilidad e criterios dos futuros fondos de cohesión relacionadas coa PAC, o Fondo de Cohesión, o Fondo Social Europeo, os Fondos FEDER e o Fondo Pesqueiro (FEMP).

No entanto, puntualizou que aínda falta a aprobación definitiva no Consello europeo, polo que a baixada de fondos aínda "pode ser considerable". Miranda denunciou que o Goberno galego "non fixo nada para evitar que se perdan 3.500 millóns de euros no período actual cos fondos de cohesión 2014-2020". En consecuencia, fai un chamamento a "evitar triunfalismos" porque Galicia queda na mesma situación pero "tendo en conta que xa perdese moito".

Subliñou que resultan imprescindibles actuacións para "solucionar a precariedade laboral, para que non se recorte a sanidade, para que os fondos europeos non sexan mal empregados, para completar o saneamento e para apoiar ás persoas en situación de pobreza e exclusión social". O BNG considera que esta modificación de fondos, se son ben utilizados, permitirá potenciar a innovación industrial, a dixitalización e apoio a pequenas e medias empresas, e "axudar a que Galicia salga con solvencia da crise económica provocada por políticas neoliberais e crear emprego non precario".

LÍDIA SENRA (GUE/NGL)

A eurodeputada galega do Grupo de Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, votou en contra da proposta do regulamento de fondos europeos por entender que relega a segundo plano ás persoas e ao medioambiente. A pesar da retirada da posibilidade de suspensión de fondos se non se cumpre coas disposicións da UE, "o informe carece de ambición social".

"Non hai un cambio claro na orientación dos fondos, non hai un cambio claro para apoiar os sectores produtivos do país, non hai un cambio claro para apoiar ás pequenas empresas, non hai un cambio claro para apoiar os sistemas públicos de saúde ou ensino", incidiu Senra na quenda de explicacións de voto. A articulación dos fondos no marco das normas financeiras establecidas neste informe continúan "minguando o público para seguir engordando os intereses do capital, como sucederá, por exemplo, co produto panaeuropeo de pensións individuais, que se acaba de acordar nas negociacións tripartitas".

Para Senra, estase "moi lonxe" de que se trate de "un texto que mellore a actual xestión dos fondos europeos". Como exemplo, incide en que a formación votou a favor de que as áreas que descendan de categoría, como Galicia manteñan o mesmo nivel de asignacións, pero puntualiza que "o realmente relevante" é que se trata dunha formulación económica por parte da UE que non só non contempla un posible incremento de fondos a zonas cunha "precarización social xeneralizada", senón que mesmo "propuña reducilos".

Francisco Millán Mon.. EUROPA PRESS - Arquivo
Francisco Millán Mon.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta