O voto dividido no Congreso abre unha nova fisura en En Marea coas eleccións xerais cerca

Luis Villares lamentou que a maioría de deputados de En Marea non seguisen as directrices da organización cousa que considera, non debe repetirse.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 21:04

Comparte esta noticia

A división de voto entre os deputados de En Marea durante o debate das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) xerou unha nova fenda interna na confluencia galega que se produce coa convocatoria das eleccións xerais no horizonte tras fracasar o intento do Goberno de Pedro Sánchez de sacar adiante as contas para este ano.

Deputados de En Marea no Congreso, eleccións de xuño de 2016. EUROPA PRESS - Arquivo
Deputados de En Marea no Congreso, eleccións de xuño de 2016. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

E é que só a deputada de En Marea Alexandra Fernández respectou a liña marcada pola dirección do Consello das Mareas --máximo órgano de decisión entre plenarios-- e votou 'non' ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE), cuxa devolución tamén apoiou PP, Cidadáns, ERC, PDeCAT, CC, UPN, Bildu, Foro e outra deputada de En Comú adscrita a Unidos Podemos, Marta Sibina.

O resto dos deputados de En Marea integrados en Unidos Podemos-En Comú-En Marea --Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-- secundaron a directriz do Grupo Confederal que lidera Pablo Iglesias.

Horas despois, o portavoz de En Marea, Luís Villares, comparecía ante os medios para lamentar que estes últimos "non seguisen as directrices da organización", algo que, para o maxistrado en excedencia, "non debe volver repetirse". Con todo, evitou concretar se a dirección que el mesmo encabeza baralla tomar medidas disciplinarias contra os parlamentarios que votaron contra a liña trazada polo Consello das Mareas.

Pola súa banda, Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova --os integrantes da candidatura que se presentou ás eleccións xerais de xuño de 2015-- emitían senllos comunicados nos que critican os rexeitamentos aos orzamentos e marcan distancia coa dirección de En Marea, lembrando que os deputados foron electos por unha coalición electoral previa á constitución do partido instrumental na Asemblea de Vigo, celebrada un mes máis tarde da cita coas urnas.

DIVISIÓN NO GRUPO

Mentres arrincaba a segunda xornada do debate dos presupestos nas Cortes, o Consello das Mareas difundía un comunicado no que ratificaba a súa postura contraria a facilitar a aprobación do PGE por consideralos negativos para Galicia ante o descenso de 19 puntos no investimento estatal para a comunidade.

Minutos despues, só Alexandra Fernández votaba non ás contas, o que constitúe o último episodio da fractura interna na que vive instalada o partido instrumental desde hai meses, cunha dirección do partido liderada en Galicia por Luís Villares que non recoñece o sector crítico, no que se atopan case todos os deputados do Congreso.

De feito, durante o último plenario celebrado en outubro, os deputados que este mércores desatenderon á dirección política de En Marea negáronse a render contas ante o plenario dunha organización que non recoñecen como propia por ser constituída despois das eleccións xerais de xuño de 2016.

Ese día, Alexandra Fernández tomaba a palabra para cargar contra os seus compañeiros no Congreso, aos que chegou a acusar de guiarse por "intereses persoais" e de actuar como "satélite" de Unidos Podemos. Este martes, as diferenzas entre Fernández, membro de Anova aínda que aliñada no sector crítico coa dirección do partido nacionalista, e os seus compañeiros volveron a quedar explicitadas.

LUÍS VILLARES

Durante a tarde deste mércores, Luís Villares abandonou momentaneamente a sesión plenaria que se celebraba na Cámara galega para facer declaracións desde a sede de En Marea, situada nas proximidades do Pazo do Hórreo. "En Marea é un espazo político soberano, non estamos sometidos á disciplina de voto de Podemos. Son os nosos aliados, pero non estamos subordinados a Podemos, nin en Galicia nin no conxunto do Estado. Se Pedro Sánchez tiña negociado algo con Pablo Igresis, fantástico; pero iso non inclúe a En Marea, porque o cinco deputados teñen unha dirección política", aseverou.

Así, ante a desobediencia reiterada de catro do cinco parlamentarios a render contas ante o partido instrumental e a seguir as directrices marcadas polos seus órganos, Luís Villares incidiu en que "a asemblea fundacional de Vigo e os plenarios posteriores" decidiron que a dirección política do grupo no Congreso quedaba en mans dos órganos directivos de En Marea. O rexeitamento do Congreso dos Deputados ás contas aboca ao Goberno central a unha convocatoria de eleccións xerais que chegarían nun momento de profunda división interna de En Marea, cos tres partidos da coalición de 2016 enfrontados abertamente á dirección de Luís Villares.

Cuestionado sobre o escenario de alianzas para unhas eleccións xerais, Luís Villares comentou que En Marea quere "contar con todo o mundo", incluídos os agora deputados en Madrid, e que a fórmula para acudir á cita coas urnas debe ser a actual: a de partido instrumental de adscrición individual. Ademais, engadiu que ha de garantirse que En Marea conte con grupo propio no Congreso, o que non lles foi permitido en 2016 e motivou a súa integración no Grupo Confederal de Unidos Podemos.

ANOVA, EU E PODEMOS

Pola súa banda, os partidos da candidatura En Marea ás xerais de 2016 --Anova, EU e Podemos Galicia-- aproveitaron para marcar distancias coa dirección de Luís Villares a través de senllos comunicados nos que inciden que os seus representantes foron electos como membros dunha coalición e non baixo o partido instrumental. Podemos Galicia censura o "bloqueo" a "uns orzamentos sociais e comprometidos" con Galicia que, ademais, "abren a porta a un adianto electoral" que podería derivar na trasladación do 'modelo andaluz' --PP, Cs e Vox-- ao Goberno do Estado. "Hoxe é un día triste para a cidadanía progresista. Os orzamentos máis sociais da última década foron tombados polo bloque reaccionario", engaden.

A continuación, agradece o traballo dos deputados "electos baixo o mandato da coalición En Marea" que, segundo a organización que lidera o parlamentario Antón Gómez-Reino, "traballaron durante meses para un acordo parlamentario histórico no social e que este mércores foi bloqueado polas forzas conservadoras". Anova, nun comunicado con críticas cara a Pedro Sánchez e o seu goberno, apoia a postura dos deputados que apoiaron as contas, aínda que matizan que este mércores "non se votaban os orzamentos, senón as emendas á totalidade" presentas por PP, CS, ERC e PDCAT.

Ademais, encadra a decisión de facilitar a aprobación do PGE na aposta por "frear o avance da extrema dereita" e, do mesmo xeito que EU e Podemos, lembra que os deputados de En Marea foron electos baixo a fórmula de coalición. "Estamos diante dunha cuestión que non ten que ver con partidas orzamentarias, senón sumar en clave antifascista para frear esta tolemia", di o comunicado do partido que cofundó Xosé Manuel Beiras e hoxe encabeza Antón Sánchez. Esquerda Unida tamén subliña o modelo de coalición empregado en 2016 e nega lexitimidade á dirección de En Marea para marcar as liñas políticas dos deputados electos baixo esa marca. "O acordo de coalición deixa claro e meridiano que as cuestións políticas dirímense nestes ámbitos e non en ningún outro. En Marea como partido instrumental non existía naquela altura nin é un ámbito da súa competencia os acordos subscritos por formacións políticas preexistentes", incide EU, organización liderada pola deputada Eva Solla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

1 Gamela

O partido instrumental constituido na Asemblea de Vigo (semella que todo o que nace en Vigo ten pouco o ningún futuro!) Villares se quere ter dirección política pode comezar por COBRAR as cuotas e moi especialmente as cuotas pendentes de Eva Solla! ¿A ver se tampouco teñen obriga de pagar o que prometeron no seu día? https://cabozo.com/taboext.php?grup... Amén!

1 lóstrego

Qué ben quedades coa bandeira de España detrás.

2 Gamela

Verás que ben lle vai quedar a bandeira a Villares cando volva ao xulgado baixo as leis dos neocons que está a propiciar coa súa teima de ir por libre sen representar a ninguén !!!

3 Centroeuropeo

Todo val contra Villares, mesmo criticalo polo que (non) fan os seus críticos. É dunha lóxica esmagante...

4 Gamela

O que non pode facer Villares é arrogarse o liderazgo dun Grupo Político cando non é quén de facer cumprir as cuestións básicas de pertenza a ese Grupo Político! Ou é que tamén En Marea (fundada na Asamblea de Vigo) non tiñan obriga algunha de abonar as cuotas que excederan o 3 Salarios Mínimos acordados? /// Se fora así por que Villares lles afeaba esta conduta aos membros de En Marea hai só un mes? /// A crítica a Villares é pola súa NULA xestión do Grupo Parlamentar de En Marea !!!