Médicos de Atención Primaria reclaman ao Sergas máis orzamento e prazas

Denuncian unha "sobrecarga crónica" e a existencia de listas de espera.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/02/2019 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

Médicos de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña fixeron entrega ao Sergas das firmas recollidas en 35 centros de saúde en demanda de máis orzamento e o incremento de prazas de facultativos. Esta recollida de sinaturas forma parte das actuacións levadas a cabo no marco da Coordinadora Galega de Atención Primaria para reclamar melloras.

Entrega de firmas médicos de atención primaria. COLECTIVO DE MÉDICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA
Entrega de firmas médicos de atención primaria. COLECTIVO DE MÉDICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA | Fonte: Europa Press

Ramón Beiras, un dos médicos que participou na entrega de firmas, denunciou a "sobrecarga crónica" nestes centros. Sobre o escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que demandan, entre outras cuestións, "recuperar a estrutura de xestión da Atención Primaria que, coa creación das xerencias de xestión integrada, desapareceu".

A este cambio, atribuíu parte dos "problemas organizativos" nestes centros. Ademais, reivindicou que o orzamento actual do que dispón a Atención Primaria, que, segundo dixo, chega ao 12%, se sitúe nun 15% para ilo aumentando, de forma progresiva, ata un 25%.

"Con estes anos de recortes, estamos nunha caída continua", dixo en alusión a unha "sobrecarga" que leva "listas de espera, que se acumulan".

Ademais, cuestionou o contrato estable para persoal eventual anunciado por Sanidade. Do mesmo, pediu a súa retirada e que se negocie un novo, "que realmente sexa atractivo" para os profesionais.

No seu escrito, reclaman modificar a Lei Galega de Saúde para que na estrutura de xestión da área haxa unha dirección de atención primaria do mesmo nivel que a atención hospitalaria. Tamén piden "pór fin á política de precariedade laboral", mentres mostran o seu apoio ás reivindicacións dos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta