Por Xurxo Martínez | Vigo | 10/10/2011
Algún, como José Luís Pego, faino como prexubilado con 56 anos mentres a meirande parte da poboación remataremos a vida laboral aos 67. Dixeron que agora vivimos máis e mellor (e sen obra social). Ben se deita na realidade.
Bastaría tirar de hemeroteca para rescatar as proclamas patrióticas de Feijoo e os seus defendendo a galeguidade das caixas, as misivas localistas dos socialistas do capital (mentres deixaban que o FROB operase por eles) ou os lemas do unionismo tratando de convencernos que era a mellor opción para garantir a presenza do sector público. Desprezaron e aldraxaron os economistas e a unha parte da sociedade que disentía desta medida. Empregaron un argumento potente: “non é unha cuestión de saber economía senón de sentido común”.
Expropian as caixas e aseguran o seu futuro privado sen que haxa ningunha dimisión, nin responsabilidade política ou un proceso xudicial. Pero acaso poden os executivos das caixas ocultar as súas intencións aos membros do consello de administración? Poden estes conselleiros estar calados se reclamaron tales contas? Poden asinar eses contratos e gardar na faldriqueira esa morea de pesos sen que dean explicacións, sen declarar ante un xuíz, sen seren procesados vía penal? Ah, é que a lei o permite.
Poderían os partidos con representación parlamentar mudar a situación? Poderían, supoño. Mais coñecer as débedas dos tres grupos representados no Parlamento galego coas caixas e bancos pode axudar a comprender un tris a situación. Ao igual que saber que os candidatos á presidencia do goberno do Estado español teñen un feixe de moedas metidas na bolsa que pretenden combater. O raposo coidando do galiñeiro.
Eis o perfil do político privatizador: a querenza pola súa actividade profesional. Se facemos un repaso ao “emprego tipo” dos deputados atopamos: funcionarios, empresarios e políticos profesionais. Funcionarios: administración, saúde ou educación (xa non hai máis sector público); empresarios que teñen accións nas enerxéticas ou na construción; profesionais que remataron a carreira (se a remataron!) e pasaron directamente a vivir da política.
Engadímoslle a isto os beneficios que lles supón pasar pola política e como, tras pasar polas ágoras elitistas en que se converteron os hemiciclos, aparecen ligados a grandes empresas. Poñamos nomes.
Felipe González foi presidente do goberno e amigo da política de privatización tan necesaria para equipararnos economicamente a Europa, a mesma que hoxe treme ante a queda do seu sistema financeiro e o colapso económico. Promoveu, entre outros, a privatización do sector enerxético e hoxe, cobrando un salario vitalicio polo seu cargo político no pasado, é asesor de Gas Natural.
Josu Jon Imaz, portavoz nacional do PNV, foi conselleiro de Industria, Comercio e Turismo do goberno vasco. Hoxe é presidente de Petronor, filial de Repso-YPF.
Rodrigo Rato, ministro de economía con Aznar, preside a nova Bankia (que naceu tras unha privatización das caixas). No seu equipo enganchou a Ángel Acebes, tamén ministro durante o aznarato, e agora vogal conselleiro de Bankia.
Javier Dorado, todo un mozo feito e dereito que sen rematar os estudos universitarios entrou como asesor da Consellaría de Economía e Industria da Xunta. Un aliciente para esa mocidade sen futuro laboral. Un exemplo! Os investigadores das universidades públicas obrigados a emigrar tras o peche de axudas á investigación, que se marchen coñecer mundo, que carallo! Javi Dorado queda en Galiza para salvar a economía cos seus habilidosos consellos mentres o seu patrón (e amigo, abofé) mantén empresas da súa propiedade fóra desta terra para que nin tributen aquí nin paguen un salario xusto. E logo ten o papo o goberno da Xunta de pretender incentivar con vantaxes fiscais o afincamento das empresas no noso territorio. As mesmas vantaxes que favoreceron a esquilmar as arcas públicas cun desangrado a eito. E dálle coa austeridade que nin crea empregos nin incentiva o consumo. Nin con toda a austeridade do mundo Grecia se vai poder salvar. Pero continúan coa receita: austeridade, austeridade, austeridade.
Alegarán na súa defensa: teño dereito á actividade privada e a lei abéirame. Teñen toda a santísima razón. Tamén a lei e o dereito estaban a carón dos absolutistas, das ditaduras feixistas ou dos gobernos derrubados nos países do norte de África. Mais a eles bástalles dicir isto. Non precisan máis. E a que non lle preste, que se foda.
Algún día haberá que retratar, e poderíamos comezar polos de Galiza, os banqueiros que se relamben coa pobreza, os deportistas con contas en paraísos fiscais ou os xornalistas tan comodamente situados falando do que queren que falen. A pela é a pela, como se di no meu barrio.