Aprobado o proxecto da lei de rehabilitación ao tombar o PP a emenda de devolución de En Marea

O PSdeG abstense na votación dunha norma que toda a oposición cre que "beneficia" ao sector privado e "sáltase" a protección do patrimonio

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este martes o proxecto da Lei de Rehabilitación de Galicia despois de que o PPdeG tombase a emenda de devolución presentada por En Marea e que contou cos votos a favor do BNG e a abstención do PSdeG. Esta norma, que continuará a súa tramitación parlamentaria, prevé a "simplificación" de procesos administrativos para recuperar vivendas en centros históricos e zonas rurais, así como a imposición de novas sancións a pintadas contra o patrimonio, que oscilarán entre os 300 e os 150.000 euros en función da súa gravidade.

A encargada de defender esta iniciativa no Pazo do Hórreo foi a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen insistiu en alcanzar o "máximo consenso" cos grupos da oposición para sacar adiante a lei. Durante a súa comparecencia, Vázquez valorou que a norma, que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de xaneiro para ser remitida ao Lexislativo, responde "directa e oportunamente a tres grandes obxectivos", que son a "redución e simplificación de trámites" para rehabilitar, novas medidas de financiamento para acometer as actuacións e un novo réxime sancionador de ataques contra o patrimonio.

Ademais, incidiu en que "se amplían" os supostos para a concesión de licenzas directas por parte dos concellos, sen autorización da Administración autonómica, para acometer traballos como o cambio de cuberta ou actuacións en carpintarías exteriores, fachadas ou interior de edificios de núcleos con algún tipo de protección, sempre que non afecten a valores protexidos.

Tamén se "intensificarán as axudas a particulares e concellos" por parte do Executivo autonómico, por mor dos fondos Rexurbe -préstamos sen interese a proxectos municipais- e novos métodos de ingresos como o establecemento dun tributo autonómico sobre inmobles en estado de abandono, do que estarán "exentos" os cidadáns que non poidan atendelo "debido á falta de recursos económicos".

Tal e como resumiu a conselleira, a finalidade da nova lei é "eliminar todo tipo de barreiras que poida ter" a rehabilitación "desde un punto de vista lexislativo, administrativo e tamén de xestión", o que permitirá que a Comunidade galega sexa "referente estatal" nesta materia. "Non hai peor deterioro que o abandono. (...) Este proxecto de lei é o que necesita a Galicia do presente, pero tamén do futuro", asegurou.

"CONFUSIÓN NORMATIVA"

Por parte do Grupo de En Marea, que presentou unha emenda de devolución do proxecto, a deputada Julia Torregrosa denunciou a "confusión normativa" que crea a lei e a "inseguridade xurídica" que deixa nun ámbito no que xa "había un baleiro regulamentario".

Así mesmo, a parlamentaria afeou que a lei de rehabilitación "abre a veda a saltarse as normas de protección" do patrimonio galego, xa que, entre outras cousas, "preténdese permitir o uso de subsolos" de zonas históricas para a construción de aparcadoiros, tal e como advertiu.

Torregrosa tamén lamentou que a norma "beneficia o investidor privado con medidas que pretenden saltarse a protección" dos edificios históricos "para facer máis atractiva a oferta". Seguidamente, censurou que o texto non inclúa "nin o concepto de vivenda baleira, nin de reacollo de veciños afectados, nin plans de aluguer social".  "Máis que unha lei de rehabilitación, renovación e rexeneración, parece unha posta a punto para a saída ao mercado dos bens. Dálles igual a quen van vender Galicia", esgrimiu Torregrosa.

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará, quen adiantou que apoiaría a emenda de devolución de En Marea, alertou que políticas como as incluídas no proxecto de lei de rehabilitación "levan ao despoboamento das zonas rurais" e á "degradación de centros urbanos históricos".

Así mesmo, o parlamentario criticou que a Xunta "reduciu" nos últimos anos o gasto público en vivenda mentres "agora se fala da importancia da rehabilitación". Á súa vez, explicou que houbo unha "confrontación moi dura" entre os distintos departamentos da Xunta para a redacción do proxecto de lei, sfinalmente a Consellería de Medio Ambiente quen o desenvolveu "pasando por encima" da Consellería de Cultura e, máis concretamente, a Dirección Xeral de Patrimonio.

"DEBERÍA REORIENTARSE"

O grupo do PSdeG, que finalmente se abstivo na votación da emenda de devolución promovida por En Marea, tamén mostrou o seu rexeitamento ao proxecto lexislativo. "É moi mellorable e debería reorientarse", apuntou a deputada socialista María Luisa Pierres. E é que, tal e como afirmou, a lei "fala moito da responsabilidade dos galegos, pero pouco das responsabilidades políticas". "Abandona á súa sorte á cidadanía, á que se culpabiliza en moitos dos seus artigos polo estado de deixamento dos espazos públicos", lamentou, achacando esta situación á "perda de calidade urbana e de servizos" e á "falta de axudas" para a rexeneración.

Pierres tamén censurou que a norma deixa "un camiño aberto para moitos investidores privados" e suxeriu que a simplificación de trámites para a rehabilitación pase por "dotar de máis medios e recursos" humanos a estes servizos para "liberalos" da sobrecarga de traballo.

"NON É CERTO" QUE A LEI SEXA "PRIVATIZADORA"

Por parte do PPdeG, o deputado Jaime Castiñeira lembrou que en novembro de 2017 aprobouse unha iniciativa, cos votos a favor de populares, PSdeG e BNG, para que a Xunta levase ao Parlamento unha lei de rehabilitación. "E agora é curioso que vén aquí a lei nas directrices que se demandaban e critícase que se traia", espetou.

O parlamentario dixo que "non é certo" que a lei sexa "liberalizadora, privatizadora e que subordine o público ao interese privado", senón que outorga a "planificación" e "tutela" das actuacións de recuperación ás administracións. "A confusión, realmente, está nas bancadas da oposición", esgrimiu.

Seguidamente, Castiñeira valorou a "coordinación exquisita" da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa Dirección Xeral do Patrimonio e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e mesmo con axentes sociais como o Colexio de Arquitectos, que "valora positivamente" o proxecto, tal e como indicou o deputado popular.

Ademais, desmentiu que se agreda a autonomía dos municipios: "Na propia proposición de 2017 pedíase transferir competencias aos concellos, todo o contrario. Os técnicos dos concellos non son menos que os técnicos da Xunta. (A lei) non invade competencias nin ataca, para nada, a autonomía municipal".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, intervi. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, intervi. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta