Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 12:15
O número de hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou un 2,8% en 2018 en Galicia en relación co ano anterior, ata sumar 11.414, a súa cifra máis alta desde 2012, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Nos anos anteriores, as vivendas hipotecadas na comunidade galega foron 11.099 (2017), 10.107 (2016), 9.789 (2015), 8.552 (2014), 9.028 (2013). Mentres, en 2018, o capital prestado polas hipotecas sobre vivendas ascendeu a 1.115 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,2% en variación interanual.
En total, o pasado ano contabilizáronse 17.395 hipotecas constituídas sobre leiras, por 1.685 millóns: a maior parte correspondéronse con leiras urbanas, 16.781 por 1.608 millóns; e as restantes 614 foron sobre rústicas por 76 millóns.
Das hipotecas en leiras urbanas, 11.414 foron sobre vivendas, 209 sobre solares (por 38,6 millóns) e 5.158 sobre outro tipo (por 454 millóns). Houbo 20.254 cancelacións, 12.604 delas de hipotecas sobre vivendas e 2.359 cambios rexistrais, 2.077 por novación, 45 por subrogación do debedor e 237 do acredor. Das modificacións, 1.356 fixéronse en hioptecas sobre vivendas.
DECEMBRO
En canto a decembro, constituíronse en Galicia 722 hipotecas sobre vivendas, un 11% menos que en novembro e unha baixada do 7,9% respecto ao mesmo mes do ano anterior.
O capital prestado para este total de operacións situouse en 73,88 millóns, o que representa unha caída do 10,8% en taxa mensual e do 2,1% en anual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.