O galego, o autogoberno e a precariedade, temas aos que terá que responder Feijóo no próximo pleno

A sanidade e a igualdade volverán centrar varias das iniciativas dos grupos parlamentarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

No próximo pleno do Parlamento de Galicia os grupos da oposición centrarán as súas preguntas da sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no idioma galego, no autogoberno e na precariedade laboral.

Así o anunciaron os portavoces dos grupos parlamentarios este martes tras a reunión da Xunta de Portavoces, que marcou a orde do día do pleno que terá lugar os días 12 e 13 de marzo, e que inclúe a comparecencia dos conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

A primeira en comparecer ante os medios foi a líder do Bloque, Ana Pontón, quen avanzou que interpelará a Núñez Feijóo sobre a "proposta estrela" do presidente do PP, Pablo Casado, de "impor a través dunha lei orgánica que o castelán sexa indispensable para acceder a un emprego público pero o galego só un mérito".

"É un disparate, vénnos a dicir que o galego é unha lingua de segunda", manifestou Pontón, que acusou ao Partido Popular de "volver utilizar en campaña" electoral "mentiras contra o galego". "Cremos que é importante que o presidente da Xunta defenda o que di o Estatuto de Autonomía", subliñou Pontón, que preguntou se Feijóo "abraza posicións que se sustentan en infamias sobre o galego".

Tras a intervención da nacionalista, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que centrará a súa pregunta na necesidade de "revitalizar o autogoberno despois dunha década de parálise". Así, entre outras cuestións, afearalle ao presidente que "renuncie a defender" o galego.

"Sabemos que hai visións distintas sobre o que se debe facer cos idiomas propios desde forzas que operan xa en España pero desde a Xunta débese ser absolutamente firme e contundente na defensa do noso marco de convivencia lingüística", considerou Leiceaga, que avanzou que tamén lle dará unha "oportunidade" ao PP para definir a súa posición sobre a transferencia de competencias a Galicia.

PRECARIEDADE LABORAL

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, destacou que aproveitará a súa quenda de pregunta ao máximo mandatario autonómico para denunciar a precariedade laboral, especialmente a que afecta sectores feminizados, en Galicia e puxo como exemplo a situación das traballadoras de Bosch en Vigo.

"A Xunta debe intervir, falamos de Bosch como expoñente dun sector moi precarizado", sinalou Villares, que asegurou que "non existen motivos obxectivos" para que a empresa leve a cabo o ERTE anunciado que afectará a uns "800 empregados".

INICIATIVAS DO PPDEG

Na rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avanzou que a súa formación defenderá, a través dunha proposición non de lei, instar o Goberno central para que o Ministerio de Interior faga os trámites necesarios para ampliar o persoal da Unidade de Policía Adscrita a Galicia da Policía Nacional.

Ademais, segundo apuntou, os populares galegos tamén levarán outra proposición non de lei para reclamarlle ao Concello de Vigo que "volva ao consenso" alcanzado fai "tres anos" para a modificación da Lei da Área Metropolitana e cumpra o convenio asinado en materia de transporte metropolitano.

Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia
Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

INICIATIVAS DE SANIDADE E IGUALDADE

No pleno que terá lugar a próxima semana e que inclúe a comparecencia do conselleiro de Sanidade para abordar a reforma do sistema sanitario galego, os grupos volverán levar iniciativas sobre esta cuestión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta