O estafador do 'timo do parente' volve actuar en Ourense

Conseguiu apoderarse doutros 1.365 euros, polo que se lle imputa un delito continuado de estafa e outro de roubo con intimidación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional volveron deter a noite deste mércores ao home que xa arrestaran a finais do pasado mes de febreiro por seguir estafando co "timo do parente". Actúa sobre todo con anciáns da zona de Ourense.

A este home, de 31 anos de idade e natural de Ourense, cónstanlle tres detencións anteriores e foi investigado 32 veces pola Policía Nacional. Esta ocasión, pasará a disposición xudicial por un delito continuado de estafa e un delito de roubo con intimidación.

A Policía Nacional informa nun comunicado de que co "timo do parente" conseguiu estafar a un total de nove vítimas, das que obtivo ilegalmente unha cantidade que ascende aos 1.365 euros.

O individuo xa fora detido o 25 de febreiro por 15 estafas con este mesmo método, que consiste en dirixirse a persoas de avanzada idade facéndose pasar por familiar dalgún coñecido. Normalmente a vítima á que pretende enganar ten o seu domicilio nalgunha localidade próxima a Ourense.

DESDE MEDIADOS DE 2018

As súas estafas comezaron a mediados do ano 2018, cando a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría Provincial de Ourense observou un incremento considerable na comisión de estafas mediante o "timo do parente".

O 'modus operandi' do autor dos feitos é o seguinte. Unha vez solicita  datos relativos a nomes e parentesco de familiares ou amigos da persoa á que pretende enganar, diríxese a ela coa escusa de que tivo un accidente ou lle levou o coche o guindastre municipal. Así, solicita unha cantidade económica non moi elevada en ningún caso supera os 400 euros, posto que coñece os límites da responsabilidade penal—. Logo de conseguir o diñeiro, afirma que odevolverá proximamente, pero non aparece nunca máis polo lugar.

Coche da Policía Nacional
Coche da Policía Nacional | Fonte: Michel Curi.

Nalgunhas ocasións, o estafador mesmo chega a acceder aos domicilios das persoas ás que engana mentres collen o diñeiro e, noutras, acompaña as propias vítimas ao caixeiro para a retirada de efectivo.

ACTITUDE MÁIS VIOLENTA

A Policía Nacional apunta que, debido a que carece de medios de vida ou ingresos económicos cos que sufragar as súas necesidades, este individuo converteu o engano e a argucia no seu modo de vida. No entanto, alerta de que "cada vez se está volvendo máis violento" e chegou a mostrarse ameazante para lograr máis diñeiro que o ofrecido pola vítima.

Así, apunta que se chegou a producir unha situación de medo real da vítima mentres retiraba diñeiro do caixeiro, ante a actitude hostil do presunto autor. A Policía Nacional relata que se chegou a dar "tal situación de 'shock' na vítima" que nunha das ocasións foi o propio estafador o que premeu a tecla de aceptar do caixeiro, xa que o estafado quedara bloqueado polo medo e nerviosismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta