Por E.P. | OURENSE | 26/02/2019 | Actualizada ás 12:13
Axentes da Policía Nacional detiveron en Ourense un home de 31 anos de idade como presunto autor dun delito continuado de estafa. Atribúeselle a apropiación de 2.335 euros de 15 vítimas mediante o 'timo do parente'.
Segundo informou a Policía Nacional, os feitos comezaron a mediados do ano 2018 cando o Grupo de Investigación observou un "incremento considerable" na comisión de estafas mediante o engano coñecido como 'timo do parente'. Segundo relatan as mesmas fontes, este timo consiste en "dirixirse a persoas de avanzada idade facéndose pasar por familiar dalgún coñecido da vítima á que pretende enganar, normalmente con persoas que teñen o seu domicilio nalgunha localidade próxima a Ourense".
Unha vez que solicitou datos relativos a nomes e parentesco de familiares ou amigos da vítima, o autor dos feitos -natural de Ourense- diríxese á persoa coa escusa de que tivo un accidente ou de que lle levou o coche o guindastre municipal. Así, solicita unha cantidade económica non moi elevada, "que en ningún caso supera os 400 euros, sabedor da responsabilidade penal", matiza a Policía.
Xa conseguido o diñeiro, afirma que lle devolverá o prestado proximamente, pero non aparece "nunca máis polo lugar", abunda a Policía Nacional. Nalgunhas ocasións "mesmo chega a acceder aos domicilios das persoas ás que engana mentres collen o diñeiro e, noutras, acompañou ás propias vítimas ao caixeiro para a retirada de efectivo".
A Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, tras realizar labores para o esclarecemento dos feitos delituosos, solicita información de 15 vítimas de diferentes casos, nos que o presunto autor é o mesmo. "Aproveitou a súa avanzada idade para facerlles crer que se trataba do fillo/primo/familiar para así crear unha relación de confianza entre estafador e a súa vítima, facéndolle saber que a persoa coñecida por ambos tivera un accidente, pai ou nai, dependendo a quen estea suplantando, e que se atopa hospitalizado".
Por iso, adoita indicar que deixou o seu vehículo mal estacionado ou que o guindastre municipal llo levou ao depósito. Daquela, di que necesita que lle "presten algo de diñeiro para poder recuperar o seu vehículo, oscilando a cantidade entre 50 a 200 euros", indican as mesmas fontes.
ANTECEDENTES
Varias vítimas chegaron mesmo a convidarlo a pasar aos seus domicilios e nunha ocasión, asegura a Policía, subtraeu as chaves dunha vivenda.
O individuo foi detido na mañá deste luns 25 por un delito continuado de estafa con 15 vítimas, un delito leve de furto e outro de roubo con forza. O detido, con dous arrestos anteriores e investigado en 32 feitos pola Garda Civil, pasou a disposición xudicial na tarde deste luns, tras o que quedou en liberdade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.