Pilar Cancela, Sonsoles López, Olga Alonso e Juan C. Francisco Rivera, favoritos para liderar as listas do PSdeG

Gonzalo Caballero destaca a "conexión plena" coa dirección federal do PSOE para elaborar as listas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/03/2019 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O xefe de filas dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, destacou que o PSdeG ten "conexión plena" coa dirección federal do PSOE para elaborar as listas que os socialistas presentarán polas distintas provincias galegas para as eleccións xerais do próximo 28 de abril.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o portavoz parlamentario, X
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o portavoz parlamentario, X

Así se pronunciou o secretario xeral do PSdeG sobre o proceso de elaboración de candidaturas que culminará o próximo 17 de marzo coa aprobación de todas as listas por parte do Comité Federal do PSOE.

Respecto diso, destacou que o Partido Socialista "está a traballar con total normalidade". En concreto, ao longo das últimas semanas, as distintas agrupacións locais formularon as súas propostas, trámite que este fin de semana farán as distintas estruturas provinciais a través dos seus respectivos comités provinciais. Ademais, a próxima semana será a quenda para a dirección galega.

"As agrupacións locais e as provinciais fan propostas pero correspóndelle aos órganos nacionais e federais construír as mellores candidaturas", precisou o secretario xeral do PSdeG, quen precisamente é membro da comisión federal de listas.

Despois de recoñecer que "é normal" que nunha organización "ampla" haxa distintas propostas, subliñou que os socialistas elaborarán as "mellores" candidaturas nas distintas provincias para axudar a que Pedro Sánchez continúe sendo presidente.

"CAUSA COLECTIVA"

Respecto diso, lembrou que el mesmo contribúe ao partido desde a súa praza de profesor universitario. "Temos a lexitimidade para que os demais compañeiros poidan entender que a causa colectiva sempre está por enriba de calquera apetencia persoal e a causa colectiva é facer que Pedro Sánchez teña un magnífico resultado", indicou.

Con toda probabilidade, a que fora presidenta da xestora do PSdeG e actual integrante da executiva federal do PSOE, Pilar Cancela, será a cabeza de lista ao Congreso pola Coruña; un posto que na provincia de Pontevedra poderá ocupar a edil de educación do Concello de Vigo, Olga Alonso.

Por Lugo, a candidata máis apoiada como aspirante a Cámara baixa na asemblea local foi a deputada provincial Sonsoles López, un posto ao que tamén se postula a edil do Concello de Lugo Ana Prieto.

Ademais, por Ourense, o secretario de Organización do PSdeG na provincia, Juan Carlos Francisco Rivera, así como a concelleira no Carballiño e integrante da executiva galega, Mariña Ortega, son nomes que soan como posibles aspirantes e que recibiron o respaldo de órganos locais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta