Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 18:18
Os tres grupos da oposición volveron a pedir no pleno do Parlamento de Galicia un plan de mellora da atención primaria que inclúa a contratación de máis persoal e máis recursos para esta área mentres que o Partido Popular defendeu as medidas iniciadas pola Consellería de Sanidade para tentar mellorar o actual modelo.
En Marea, PSdeG e BNG defenderon senllas iniciativas na Cámara a través das que abordaron a situación deste servizo sanitario, unhas proposicións que foron rexeitadas polo PPdeG, cuxo portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeo, apoiou a xestión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para chegar a acordos co sector para a configuración do novo modelo.
En concreto, rupturistas e nacionalistas presentaron senllas proposicións non de lei, que foron debatidas de forma acumulada, nas que pedían a posta en marcha de plans de mellora desta área da sanidade. As dúas foron apoiadas polo PSdeG, que presentou senllas emendas que foron integradas en forma de transacción polos autores.
Con todo, as dúas propostas non saíron adiante ao ser rexeitadas polo grupo maioritario. Así, o parlamentario do PPdeG Aurelio Núñez defendeu que "primeiro hai que terminar de deseñar o plan de mellora da atención primaria, que xa incorpora 175 medidas e que está aberto a novas achegas por parte dos profesionais, para despois axustar os orzamentos ás necesidades reais".
TRANSPORTE SANITARIO URXENTE
Por outra banda, na sesión plenaria, o parlamentario do PSdeG Julio Torrado defendeu outra iniciativa na que instaba á Xunta a convocar, de forma inmediata, unha reunión da mesa sectorial que trate os problemas específicos dos colectivos de profesionais de PAC, servizos de urxencia e transporte sanitario urxente, co obxectivo de conseguir melloras para os profesionais.
A proposición non de lei, que foi rexeitada polo PPdeG aínda que contou co apoio de En Marea e BNG, tamén reclamaba abrir "o máis axiña posible" canles de diálogo específicos cos representantes dos colectivos en conflito coa Consellería de Sanidade, o da asistencia sanitaria urxente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.