"Eu non estou pola miña cara, senón pola miña capacidade": as reflexións sobre a muller no mundo da comunicación

María Varela, redactora xefa do Diario de Pontevedra; Anxos Fazáns, directora de cine; e María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, participaron nun debate no que condenaron os "micromachismos" que atopan "a diario" e o teito de cristal que nega espazos de poder. Coidan, ademais, que hai unha "dupla e tripla" discriminación cara ás mulleres novas galegas.

Por Silvia López | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Mulleres. Mulleres novas. Mulleres novas galegas. Cada un deses chanzos supón un nivel de discriminación que se vai sumando ao anterior. Esta foi unha das ideas máis repetidas nun coloquio que tivo lugar na mañá deste xoves 14 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación. Precisamente, de comunicación e mulleres ía o asunto: María Varela, redactora xefa no Diario de Pontevedra; Anxos Fazáns, directora de cine; e María Obelleiro, directora do Sermos Galiza, foron as tres convidadas a compartir a súa perspectiva ao respecto. 

Apertura de 'As mulleres que opinan' en Pontevedra.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Apertura de 'As mulleres que opinan' en Pontevedra.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Este evento, organizado por Anega (Asemblea Nacional de Estudantes Galegas), conclúe a serie de ciclos formativos cara ao 8-M. Nesta ocasión o foco púxose nas figuras femininas dentro da esfera mediática: cal é o lugar que ocupan e a que situacións teñen que facer fronte. 

Se ben as tres participantes admitían que no seu caso non atoparan grandes trabas neste senso, María Varela apuntaba a resposta dunha compañeira súa ao falaren do tema: "claro, iso é porque ti non está nos despachos seleccionando persoal", dicíalle. Canto máis arriba na escala de poder, máis visible é o machismo, materializado na ausencia de mulleres con capacidade de decisión ou nas "reticencias para contratalas". "Está no horizonte o tema da maternidade", lamentou Varela.

Esa cuestión, que prexudica principalmente as mulleres máis novas, foi o punto de partida para encadear críticas a un sistema que supón "unha dupla discriminación", tal como sinalou a directora de Sermos, María Obelleiro. "Parece que es nova segundo lles preste", ironizou a fío disto Anxos Fazáns, quen confesou atopar dificultades para que a "tomaran en serio" durante o proceso de distribución do seu filme, 'A estación violenta'.

MICROMACHISMOS A DIARIO

“Eu nunca percibín unha discriminación ou situación de machismo, pero atopo micromachismos cada día”, sostivo María Obelleiro, que se formulou se os seus compañeiros homes se terían visto na tesitura de ser presentados a alguén e que o primeiro comentario que recibisen fose acerca do seu aspecto físico. "Seguro que non", resolveu, crítica. "Eu non estou pola miña cara, senón pola miña capacidade".

Presentación do colectivo Xornalistas Galegas, que procura a inclusión da perspectiva de xénero nos medios de comunicación
Presentación do colectivo Xornalistas Galegas, que procura a inclusión da perspectiva de xénero nos medios de comunicación

Pola súa parte, Anxos Fazáns apuntou á "pregunta diabólica" presente en case todas as entrevistas que lle fixeron dende que estreou a cinta. "A ningún home lle preguntan como é ser home e dirixir unha película", mentres que no seu caso é unha cuestión á que ten que enfrontarse decote. Sobre este punto, noutro coloquio recollido por Galicia Confidencial en novembro, Fazáns dicía: "É moi triste que se sinale tanto cando unha muller fai unha gran produción. Iso significa que non estamos no mercado".

De feito, coida que as mulleres están máis presentes en cinema autoral e documental ca naqueloutras producións máis achegadas ao 'mainstream'.  “Canto máis te achegas aos núcleos de poder e de diñeiro, é onde ves que segue sendo máis difícil”, pero xusto por iso avogou por "conquistar" eses camiños e ocupar eses espazos. "Nós mesmas temos que ser conscientes de que podemos facer o que queiramos".

MULLERES OPINADORAS

A conversa tamén abordou a necesidade de introducir e visibilizar as voces femininas nas seccións de opinión dos medios. Nalgúns casos, esas páxinas son un "auténtico campo de nabos", en palabras de María Obelleiro. Cómpre rachar coa predominancia de firmas masculinas e integrar a perspectiva de xénero "todo o ano, non só durante a semana do 8-M ou do 25-N".

Ademais, Obelleiro introduciu no debate a cuestión lingüística, un terceiro nivel de discriminación, aos seus ollos. Asegurou que as mulleres que escriben en galego, “nunha lingua que teñen minorizada”, non teñen tanto oco nos medios de comunicación.

Con todo, quixeron lanzar unha mensaxe positiva.  María Varela, por exemplo, sinalou que o Diario de Pontevedra "abriu o abano a máis opinadoras" e resaltou o labor das integrantes do colectivo Xornalistas Galegas, que "xa están mudando as cousas nos medios que traballan, teñan máis ou menos responsabilidade": insisten en aplicar a perspectiva de xénero nos contidos, no proceso de produción, na escolla da linguaxe...

As tres comunicadoras coincidiron no papel que xoga cada individuo, dende o seu compromiso e responsabilidade individual. Apoiar a medios ou plataformas que fagan unha aposta verdadeiramente decidida pola igualdade e "castigar", por exemplo, "aqueles que teñan entre as súas páxinas anuncios clasificados de prostitución", como propuxo Obelleiro, serían algúns aspectos encamiñados cara ao cambio.

E esa mudanza é xa "imparable" e "inevitable" a ollos de Anxos Fazáns, que agradece que a educación comece a beber da idea de igualdade. Malia que "arredor de nós aínda existen pantasmas", como lamentaba ao inicio María Varela, consideran que hai razóns para ser optimistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta