Os retos da loita feminista no sector audiovisual

O teito de cristal, a falta de políticas que apoien as figuras femininas, as actitudes machistas ou as eivas na educación foron algúns dos temas que abordaron Tamara Canoso, María Ruido, Anxos Fazáns e Jaione Camborda nun coloquio sobre mulleres creadoras.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 23/11/2018 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

"A sociedade está cambiando -xa era hora!-; estamos surfeando unha onda, pero o océano é moi grande. E, niso, o audiovisual vai moi por detrás da sociedade". Unha mirada tinguida de pesimismo, pero aínda con folgos esperanzados, foi a que se expuxo esta mañá nunha mesa redonda sobre a situación das mulleres no audiovisual galego. Nela participaron profesionais do sector como Tamara Canosa, Jaione Camborda, María Ruido e Anxos Fazáns. Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, foi a encargada de moderar este debate, enmarcado na programación de Cineuropa, e celebrado no Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela).

Olaia Sendón, Cruz Piñón, Xisela Franco e Ánxela Caramés no Teatro Principal nunha xornada dedicada á etnografía, muller e cinema
Olaia Sendón, Cruz Piñón, Xisela Franco e Ánxela Caramés no Teatro Principal nunha xornada dedicada á etnografía, muller e cinema

A reflexión coa que se inicia esta peza foi, precisamente, unha das ideas nas que máis se incidiu. Pronunciouna a actriz Tamara Canosa case ao comezo do coloquio, e a ela se sumaron as outras compañeiras. "O audiovisual non se dá por aludido", dicía Canosa, "e é difícil curar a enfermidade se o enfermo non recoñece o problema". Segundo ela, non se acaba de admitir e asumir a parte de responsabilidade no machismo existente no sector. 

"Infantilízante todo o tempo, tentan ligar contigo...", exemplificou María Ruido, artista visual, produtora cultural e profesora na Universidade de Barcelona. Para ela, no audiovisual español hai un contexto moito máis desfavorable para a muller ca noutros países de Europa, onde se dá " outro respecto cara a elas". Aposta por "construír xenealoxía nas aulas", é dicir, por darlles visibilidade ás figuras femininas e rachar coa "educación visual patriarcal" imposta. 

Anxos Fazáns, directora do filme 'A estación violenta', recoñeceu ter certas facilidades a maiores grazas á loita doutras. Con todo, as experiencias machistas non lle son alleas nin moito menos. "Sempre me preguntan como é facer cinema e ser muller, e eu nunca sei que contestar a iso", comentaba indignada ante esta práctica tan habitual nos medios de comunicación. De feito, unha das reflexións vertidas dende o público apuntaba a este mesmo aspecto: "É moi triste que se sinale tanto cando unha muller fai unha gran produción. Iso significa que aínda non estamos no mercado".

Pola súa banda, a directora Jaione Camborda, que vén de gañar o premio Push Play Work in Progress no Festival de Cine de Gijón, considera que "os problemas comezan cando precisas cartos, cando dependes do sistema de poder". É doado facer cousas autofinanciándose, dicía ela, pero faltan tamén políticas que apoien as mulleres creadoras.

De esquerda a dereita, Anxos Fazáns, María Ruido, Jaione Camborda, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez
De esquerda a dereita, Anxos Fazáns, María Ruido, Jaione Camborda, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez

Nese sentido, debateuse sobre a importancia de establecer cuotas de xénero nas axudas públicas. "As medidas que corrixen desigualdades fomentan o talento", comentou Tamara Canosa. Todas elas reivindicaron o dereito das mulleres a equivocarse, a confundirse, a "facer basura", a "ser malas"... "Os homes tamén o fan mal e ninguén lles tuse", dicían en relación a ese teito de cristal que impide a chegada das mulleres a postos de responsabilidade. "Claro que non basta con que sexa unha muller, fai falla unha perspectiva feminista, pero o problema é que non chegamos aí". 

O FEMINISMO É UNHA CUESTIÓN TRANSVERSAL

Durante o desenvolvemento da mesa redonda, outro dos asuntos máis repetidos foi a obriga de implementar unha educación feminista. "Eu perdín a confianza en loitar contra señores. Prefiro traballar cos nenos", intervía unha asistente neste debate aberto. Á fin, todo leva a este punto: mudar o sistema educativo pode mudar a sociedade. 

Amais diso, afondouse na transversalidade do feminismo. "Non só é unha cuestión de xénero, senón tamén de clase", explicou María Ruido. Non chega co capital simbólico que supón o recoñecemento do traballo, "tamén hai que pagar o piso!". E é que a loita feminista non debe esquecerse de dirixirse cara a transformación do sistema dende as raíces. 

E cal é o papel dos homes neste proceso? "Teñen que ceder os seus privilexios. É unha cuestión de xustiza social. Para que unhas deixemos de cobrar o 16% menos, outros teñen que deixar de cobrar o 16% máis", defendeu Tamara Canosa. Se ben agradeceu a axuda necesaria daqueles homes aliados a esta loita, Canosa engadiu que "un home feminista ten que facerse a un lado, deixar os seus privilexios, e ocuparse de facer feminista o seu espazo. O liderado do feminismo é das mulleres".

Bastante reveladoras foron tamén outras verbas que saíron da boca de Jaione Camborda. Jaione arela o momento no que se convide a mulleres a falar de cinema en xeral, e non só de cinema de muller. Ese matiz -polo de agora aínda necesitado de proxección social- será o indicador de que as cousas avanzan positivamente. Malia todo, hai espazo para certo optimismo. Xa o dixo María Ruído: "o poder nunca é compacto; sempre ten fendas. Temos que coarnos e contaminar esas fendas". Entrar por eses ocos e anchealos. Chegar ao centro e á cúpula.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta