Aforrar, para quen?

Nestes tempos de necesidade que nos toca vivir estase a usar de xeito moi maniqueo a apelación ao aforro en contraposición co malgasto. Úsase para iso a analoxía da familia que non debe gastar o que non ten e bótase man dunha serie de símiles pretendidamente aleccionadores. Xa está ben de vivir por riba das nosas posibilidades! Hai que frear o consumo aloucado!

Por Farruco Graña | Ferrol | 12/11/2011

Comparte esta noticia

Ben esquecen quen isto din que, ata o de agora, todo estaba encamiñado para que fixeramos iso. Desde as entidades de crédito incentivábanse as sobrevaloracións dos pisos (máis comisións para elas nas taxacións) e despois dábanche todas as facilidades para conseguires hipotecas polo 100% do valor. O piso custábache 80, valorábancho en 120 e convidábante a pedir entre 100 e 120. O malo é que agora custa a penas 60 e aínda che queda por pagar 90 ou 110. Que agora nos veñan coa milonga de que non se pode gastar máis do que se ten…! Que os que crearon a burbulla inmobiliaria queiran ser agora os salvadores… vaia cara!

Pero retomemos a analoxía da familia. Dis que non se pode gastar máis do que tes, que se hai que acostumar a estes tempos de carencia e aguantar, que outra non queda. Como se o conxunto das familias non se decatara de que non pode gastar o mesmo que hai un ano. É espabilado o barbas de moito coidado! E todo isto viralle ao maxín entre faria e faria? En todo caso: non gastar máis do que tes, deberíase facer sempre. Outra cousa é que, para cuestións de envergadura (mercar casa, por exemplo) teñas que te endebedar. Ben distinto é que te empeñes por adquirir unha segunda ou terceira vivenda en primeirísima liña de praia. Ou por ter o último berro en modelos de Porsche.

Que no canto dun mes de vacacións ou vinte días haxa que ir quince ou dez! Pois si. E comer de bocata e non ir de restaurante todos os días! Pois tamén. E teremos que aproveitar máis a roupa. E aprender aos nosos fillos e fillas a aproveitar a dos seus irmáns. E acostumarnos, uns e outros, a uns hábitos de consumo máis racionais. Pero non porque o diga un paspán, senón porque nolo vai impoñer a propia realidade.

Pero négome a ter que admitir que, como non hai diñeiro, haxa que poñer á nosa mocidade a traballar aos dezaseis anos (a ver onde, na Suíza, claro!) e renunciar a unha formación académica seria, a ter que deixar a nosa saúde ao chou. Ou que os que conseguiron estudar teñan que emigrar porque aquí non se potencia a investigación e a innovación, senón que se soña con tesoiras xigantes tamén na Universidade. Négome a admitir que moitas persoas maiores se vexan condenadas á máis absoluta soidade e abandono porque, disque, non se pode gastar o que non se ten (bo exemplo ten dado o señor Feijoo cortando, sen previo aviso e xa case rematado o ano, ata un 70% do diñeiro comprometido para a atención a domicilio).

E será certo que aforran tanto? Pois non: recórtase o público e agrándase o sector privado. Aquí o que está a pasar é que, como no século XIX e parte do XX, uns irmáns son condenados a se meter cregos ou monxas, ou a emigrar, para que o fillo mellorado (o sector privado) dispuxera de todo. Non é certo que a débeda pública sexa a causante da crise. En España hai cinco veces máis débeda privada que pública. O problema da débeda foi xerado pola banca e as institucións privadas. Pero quérese aproveitar a ocasión para facer apandar co choio ao sector público. É como se o fillo primoxénito, despois de ter levado á familia a unha situación insostíbel, lograra que todos os irmáns e irmás colleran a maleta e se puxeran a traballar para a casa, que como primoxénito que é, acabará sendo súa. Menos mal que nos queda o consolo de que, coas bombas da OTAN, grazas aos nosos impostos, quizá se recupere a poligamia en Libia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".