O Igape elaborará un "test" para comprobar a preparación das pemes para o Brexit

Jesús Gamallo asegurou que se teñen previstas "medidas de continxencia" para todos os sectores en caso de que non haxa acordo de saída

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, concretou este domingo que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través da Consellería de Economía, ten previsto "pór en marcha" unha ferramenta para que as pemes poidan "comprobar a súa preparación para o Brexit".

Segundo Gamallo, trátase dunha especie de "test de tensión" que permitirá "poder adaptar unha pequena ou mediana empresa ao Brexit", tanto se se fai un Brexit con acordo, como espera o titular de Relacións Exteriores, "coma se se fai un Brexit duro".

Deste xeito referíase nunha entrevista en Radio Galega recollida por Europa Press ao anuncio que realizou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que avanzou a intención do Executivo autonómico de crear unha oficina para asesorar ás empresas afectadas en relación ao Brexit e que se meditaba instalar outra en Reino Unido.

Ademais, Gamallo lembrou que a Fundación Galicia-Europa puxo en marcha "desde hai xa meses" unha web na que se está envorcando toda a información que dispoñen "desde case o inicio das negociacións" da saída de Reino Unido da Unión Europea.

SECTORES MÁIS EXPOSTOS

En relación aos sectores máis expostos de maneira eventual aos posibles efectos prexudiciais do Brexit, o director xeral instou a distinguir entre se hai ou non acordo.  Explicou que no sector pesqueiro, se hai acordo, "non hai problema por agora" xa que se manterá o "status quo" e as cousas permanecerán como están. Ademais, engadiu que existe o compromiso de que antes de que finalice o período de transición de 21 meses, antes de xaneiro de 2020, "probablemente en xullo", se peche o tratado pesqueiro entre a UE e o Reino Unido.

No caso de que non haxa acordo, Gamallo lembrou que hai unhas "medidas de continxencia", xa que a Comisión Europea pediu unha reforma do Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro para contribuír ao financiamento das perdas que vai supor isto.

Con todo, engadiu que non están satisfeitos con iso porque o diñeiro do Fondo Marítimo-Pesqueiro xa lles corresponde. Por iso indicou que o que están a pedir son "fondos adicionais" no caso de que non houbese acordo para a frota galega.

OUTROS SECTORES

En canto a outros sectores, Jesús Gamallo insistiu en que teñen as medidas de continxencia que se pacten se non hai acordo de retirada e que "están suxeitas á reciprocidade" por parte dos británicos.

Jesús Gamallo asegura que haberá unha ferramenta para que as pemes de Galicia co. RADIO GALEGA
Jesús Gamallo asegura que haberá unha ferramenta para que as pemes de Galicia co. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

Con respecto aos cidadáns galegos que residen en Reino Unido, o director xeral afirmou que "no que ten que ver cos dereitos dos cidadáns", el transmitiría "unha mensaxe de tranquilidade" a pesar de admitir que se está falando "sempre de futuribles". Deste xeito, indicou que a Comisión Europea articulou outra "medida de continxencia" sobre o Erasmus, que permitirá que os 14.000 estudantes europeos que están a estudar este ano en Reino Unido poderán seguir cobrando as súas axudas e os 4.000 británicos que estudan en universidades da Unión Europea, o mesmo.

Con todo, tanto se hai saída con ou sen acordo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea admitiu que nestes momentos "hai moita incerteza" en relación ás decisións que se están tomando no Parlamento británico. Gamallo engadiu que todos están "atónitos" ante o que vai pasar, mentres que se está á espera dunha nova votación prevista para este mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Este foi um dos chiringuitos nos que estivo o Sr. Feijoo. E segue existindo? Para que? Para fazer um teste que não serve para nada!!