Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2019 | Actualizada ás 14:24
O Sindicato de Enfermaría (Satse) condena os actos vandálicos contra ambulancias do 061 e lembra que os enfermeiros que van nestes vehículos "son alleos ao conflito laboral" que afecta a condutores e técnicos do transporte sanitario, que reclaman un novo convenio colectivo.
Así o manifestou este sindicato nun comunicado, no que Satse insiste en que a folga convocada polo novo convenio "é do persoal técnico" do transporte sanitario e "non afecta a enfermaría ou ao colectivo médico pertencente ao 061".
"Os profesionais sanitarios, como as enfermeiras/vos que acoden nas ambulancias, non teñen nada que ver co conflito laboral que mantén a folga de ambulancias en Galicia. O conflito pertence ao persoal técnico e condutores do transporte sanitario, non afecta a enfermaría ou ao colectivo médico pertencente ao 061", subliña Satse no seu comunicado tras "comprobar que os usuarios consideran que os profesionais de enfermaría ou os médicos tamén están involucrados no conflito laboral".
Algunhas enfermeiras, explica a central sindical, trasladaron ao Sindicato de Enfermaría "a súa preocupación ante esta situación", pois "a poboación en xeral cre que o 061 é o que está en folga, e que por tanto, son os profesionais quen levan a cabo eses actos vandálicos", explica.
Ademais, o sindicato considera que "non se pode aceptar de ningunha das maneiras que os pacientes se vexan afectados ante a falta de traslado", engade, "queixas que trasladan aos profesionais de enfermaría alleos a este problema laboral dos técnicos". Por iso, o Sindicato de Enfermaría insiste en que o conflito das ambulancias "non ten nada que ver cos profesionais do Sergas". "Pertencen a empresas privadas e loitan por intereses propios", apostila.
NEGOCIACIÓN
Aínda que Satse recalca que "respecta plenamente o dereito dos traballadores a manifestarse e reivindicar melloras laborais", non pode compartir, "en ningún caso, os actos vandálicos que se están levando a cabo nas últimas semanas contra os vehículos de transporte sanitario", deixándoos "inutilizados para dar servizo aos usuarios", critica.
Doutra banda, Satse empraza a ambas as partes "a chegar a un punto de encontro retomando as negociacións e o diálogo", subliña, "para que se pacifique a situación que está a provocar problemas aos usuarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.