Trece plataformas denuncian en Bruxelas os "problemas ambientais" de Galicia

A eurodeputada Lidia Senra esixe "non subvencionar" proxectos que consistan en "encher de lixo" canteiras abandonadas do rural. Ademais, critican a falta de inspeccións para avaliar estas situacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Un total de 13 plataformas galegas trasladaron en Bruxelas as súas denuncias ante "problemas ambientais" como a instalación de parques eólicos, a reapertura de minas ou a súa reutilización a modo de vertedoiros.

Estes colectivos recibiron asesoramento de responsables da Comisión Europea en materia ambiental da man da eurodeputada Lidia Senra, que esixiu "non subvencionar" proxectos que consistan en "encher de lixo" canteiras abandonadas no rural.

En declaracións a Europa Press, a integrante da Coordinadora contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes e membro de Salvemos a comarca de Ordes Jessica Rey valorou as reunións que mantiveron coa Dirección Xeral de Medio Ambiente, que lles deron "ferramentas" para seguir coa súa "loita".

Acompañados tamén pola deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, os participantes nos encontros foron representantes das plataformas Non á ampliación da depuradora de Lourizán (Pontevedra), Veciñal de Sanxenxo, Casalonga Limpa de Residuos (Teo), Salvemos Catasós (Lalín), Mina Touro-O Pino Non, Pola recuperación do río Sar, Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural (Coristanco), Afectados polo Vertedoiro de Lesta, Salvemos a Comarca de Ordes, Comisión de Seguimento da minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, Afectados pola destilería de Contimunde (Rois), Sindicato Labrego Galego e ContraMINAcción.

INSPECCIÓNS

Rey viu "moi rechamante" que os responsables comunitarios lle comunicasen que carecen de inspectores para avaliar este tipo de situacións, punto no que tamén fixo fincapé Senra. "Choca co que ocorre coa PAC (política agraria común), para a que si se fan inspeccións que afectan as explotacións gandeiras galegas", destacou a eurodeputada galega en declaracións a Europa Press.

Lidia Senra tamén lamentou que, coa visita deste mércores, "constátase algo que é terrible e duro", xa que "unha das vías para que se cumpra a lei ten que ser recorrer aos tribunais", o cal depende da capacidade económica para afrontar o custo da xustiza.

En canto á economía circular, opinou que "en principio" a ve como un concepto "positivo", pero advertiu de que non pode significar na práctica que "cantos máis recursos, mellor". Agregou que "outro problema que se ve é como un mesmo proxecto se fraccionara para saltarse a normativa", cuestión que asegurou que ocorre na eólica ou na minaría.

Agora, as 13 plataformas, coordinadas para xerar "sinerxías", en palabras da portavoz de colectivos de Ordes, estudarán o transmitido pola Comisión e continuarán "nas rúas", mobilizándose para tratar de frear os proxectos que denuncian.

Manifestación en Santiago de Compostela contra a minaría
Manifestación en Santiago de Compostela contra a minaría | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta