Os galegos xa poderán facer todos os trámites ligados ao agro na Oficina Virtual de Medio Rural

Ata o de agora, os distintos servizos e contidos informativos estaban dispersos na web. A plataforma tamén permitirá a comunicación de queimas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

A Oficina Virtual de Medio Rural permitirá a partir deste venres, día 22 de marzo, que os galegos realicen todos os trámites relacionados co agro a través dun mesmo portal web.

Esta ferramenta, presentada este xoves no Consello da Xunta, dará acceso único aos distintos servizos e contidos informativos da Consellería do Medio Rural que ata agora estaban dispersos en diferentes epígrafes da actual páxina web do departamento autonómico. Deste xeito, coa nova plataforma creada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Medio Rural, permitirase realizar numerosos trámites relativos a diferentes sectores agroforestais e incorporar tamén información útil para o cidadán sobre o agro galego.

Así, a través desta plataforma dixital, o usuario poderá acceder á sede electrónica da Xunta e a outras oficinas virtuais como son a de gandaría, a de sanidade vexetal e a do rexistro vitícola. Tamén se incorpora a posibilidade de poder seguir realizando trámites que necesitan identificación, como son o de produtos fitosanitarios, o de terreos forestais de pastoreo e o de maquinaria agrícola, entre outros.

Ademais, os usuarios terán á súa disposición información das actividades formativas que realizan os distintos departamentos da Consellería. Entre elas destacan os ciclos de grao medio e superior, así como a formación continua en materia agroforestal. Tamén está presente a información relativa á obtención de carnés fitosanitarios e distintas xornadas e talleres relacionadas co agro e e co sector forestal.

COMUNICACIÓN DE QUEIMAS

Por outra banda, entre os trámites que permite esta aplicación están tamén o da comunicación de queimas, a inscrición no control lácteo e letra Q, así como a participación nas distintas feiras agrícolas e alimentarias como empresa coexpositora nos postos institucionais da Consellería. T

Paisaxe rural
Paisaxe rural | Fonte: Xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta