A Xunta únese coas grandes multinacionais para atacar o decreto de electrontensivas do Goberno de Sánchez

Francisco Conde acorda catro alegacións para pedir ao Goberno "compensacións fiscais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2019 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse este venres cos representantes das empresas electrointensivas de Galicia para acordar as alegacións que se presentarán este luns ao borrador do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos elaborado polo Goberno, polo que reclamou ao Executivo central "compensacións fiscais" para que estas compañías poidan aforrar na súa factura eléctrica.

Tal como sinalou Conde en rolda de prensa ao termo do encontro, a Xunta reiterará catro peticións que xa lle fixo ao Goberno antes da elaboración do borrador. Entre elas, o titular de Economía destacou a reclamación de que no estatuto se recolla a categorización de "empresa electrointensiva", diferenciando tres grupos: as electrointensivas, as altamente electrointensivas e as hiperelectrointensivas.

Ademais, a segunda proposta centrarase no establecemento de compensacións polo pago de renovables, sobre todo, para as empresas que teñan unha maior carga no seu custo enerxético vinculado aos custos das renovables. A Xunta tamén pedirá "compensacións fiscais", así como descontos "de ata o 90%" no pago das peaxes eléctricas, para estas sociedades.

"Estes dous aspectos teñen unha incidencia directa no custo enerxético que teñen que asumir as empresas electrointensivas e que permitiría un impacto para responder as necesidades do prezo enerxético", explicou Conde.

MÁIS MEDIDAS

A última das medidas que se incluirá nas alegacións está vinculada aos mecanismos de dióxido de carbono (CO2), co propósito de que se introduzan as compensacións que habilita a Comisión Europea derivadas das poxas de CO2. "A finalidade é permitir unha suficiencia financeira para dar resposta a este tipo de compañías", sinalou o conselleiro de Economía.

"Catro medidas centradas na categorización das empresas electroitensivas a través da creación dunha categoría específica, habilitar compensacións por renovables, habilitar a redución de peaxes e impostos e habilitar que os mecanismos de custos de CO2 teñan a suficiencia financeira que habilita a propia Comisión Europea para atender ás necesidades das empresas electrointensivas", explicou Conde.

O titular de Economía e Industria lembrou que estas "medidas realistas" xa foron incluídas, no seu momento, nas primeiras alegacións que reclamou a Xunta, pero agora son reiteradas, xa que o borrador do estatuto que presentou o Executivo central non as contempla.

"RESPOSTAS"

Desta maneira, pediu "respostas" ao Executivo estatal para "máis de 5.000 postos de traballo en Galicia" que dependen destas industrias, polo que subliñou que espera que o Estado sexa "sensible" con estas peticións.

Por último, Galicia solicitará que estas medidas sexan retroactivas desde o 1 de xaneiro "co obxectivo de que as empresas poidan ter unha certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante o 2019".

Xunta acorda catro alegacións para pedir ao Goberno 'compensacións fiscais. XUNTA
Xunta acorda catro alegacións para pedir ao Goberno 'compensacións fiscais. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta