A política urbanística en Galicia, un despropósito con sobreprodución de solo edificable

A proporción de chan urbano por persoa triplícase en Galicia en relación ás comunidades mediterrráneas. A superficie urbana galega é a que máis se incrementou en España, malia o declive demográfico.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/03/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Agás Murcia, a proporción de chan urbano por persoa triplícase en Galicia e Castela e León en relación ás comunidades do arco mediterráneo. O caso galego é especialmente paradoxal, xa que o plan urbanístico non deixou de ser expansivo nos últimos anos malia o declive demográfico. Segundo datos do catastro, a superficie urbana en Galicia (a suma de parcelas edificadas e edificables, exceptuando os núcleos rurais) é a que máis se incrementou en España. Así o constata un estudo realizado na Universidade de Santiago.

Vivendas a medio acabar en Miño, construidas por Fadesa
Vivendas a medio acabar en Miño, construidas por Fadesa

O galego e o de Castela e León preséntanse como “casos anómalos en relación á clasificación de chan urbano e a súa evolución demográfica”. Segundo o estudo ‘Competir por crecer. Un análisis de la política urbanística en Galicia’, estas dos dúas comunidades, malia ser dúas das tres autonomías que están a perder poboación nas últimas dúas décadas, están clasificando máis chan urbano que Murcia, Valencia e Andalucía xuntas, comunidades onde si creceu a poboación.

O estudo mostra que “a clasificación que fan os municipios de chan urbano non parece estar relacionado coa dinámica demográfica presente” en Galicia. Así, afírmase que “os municipios galegos procederon a clasificar chan con dereitos de edificación nunha porcentaxe moi superior ás necesidades  reais que se poden derivar da evolución demográfica na maioría dos casos”.

O declive demográfico en Galicia, e especialmente de moitos municipios da parte oriental, “levou aos gobernos locais a competir polo escaso crecemento e acentuou a proporción de chan urbano por habitante”, afirman os asinantes deste estudo, Julia Vázquez Sánchez e José María Tubío. Sánchez.

Neste senso, afírmase que “neste comportamento, os municipios foron completamente racionais”, xa que “trataron de capturar as externalidades positivas asociadas ao desenvolvemento urbanístico e industrial, clasificando grandes porcentaxes de chan con dereitos de edificación, ao mesmo tempo que diminuían os custos políticos asociados”.

Para iso, din os investigadores, “utilizaron a figura de núcleo rural para dotar grandes superficies con dereitos de edificación, evitando así o conflito de que as cargas de urbanización recaian sobre os cidadáns que gozarían de licenza directa para edificar”.

Os expertos consideran que o obxectivo de crecer dos municipios explica a maior parte do aumento da clasificación de chan urbano. Un obxectivo que se reforzou nun contexto de declive demográfico, no que os municipios están a competir entre eles na oferta de chan residencial a través de plans expansivos.

Ademais, subliñan, a sobreprodución de chan con dereitos de edificación aumenta en determinadas condicións sociopolíticas e físicas, como o nivel de fragmentación dos partidos políticos, a súa orientación política ou a existencia de infraestruturas.

OS PREZOS DE TERRA AGRARIA EN GALICIA, DOS MÁIS ALTOS DE EUROOA

Este “comportamento racional” dos gobernos locais deu como resultado “un mapa rexional de chan con dereitos de edificación bastante irracional”, critican os autores do estudo. O cal “ten consecuencias para o uso do territorio”, xa que a clasificación do chan con dereitos de edificación ten tradución directa no prezo da terra, non soamente daquela com dereitos, senón tamén da que está próxima. Até o punto de que “a día de hoxe, Galicia ten un dos prezos de terra agraria máis altos de Europa”.

A clasificación do chan en territorio galego prodúcese, ademáis, “de forma dispersa, utilizando sobre todo a figura do núcleo rural, consumindo os mellores chans e aumentando o impacto económico e ambiental”.

Os expertos advirten de que as diversas restricións “se foron relaxando nos últimos anos, permitindo delimitacións moito máis xenerosas”.

De cara ao futuro, prognostican que co avance do declive demográfico, "a clasificación de tanto chan con dereitos de edificación, que aínda se adoita considerar como motor do desenvolvemento”, se converterá nunha “barreira máis para o desenvolvemento económico de Galicia e para a súa sustentabilidade ambiental”.

Os autores consideran que estudos coma este poden axudar a reorientar os obxectivos da política urbanística en Galicia e, sobre todo, cuestionar os modelos de desenvolvemento económico que tanto o Goberno autonómico como os locais fomentaron durante as últimas catro décadas. E aconsellan considerar outras formas de desenvolvemento máis eficaces.

CHAN RESIDENCIAL

A clase de chan urbanizable representa un 28% do total de chan con dereitos de edificación, e contén as categorías de urbanizable delimitado e sen delimitar.

Os autores prestan especial atención á categoría de chan de núcleo rural, constituíndose nun “fenómeno urbanístico singular na xeografía española”.

Esta clase de chan representa ao redor da metade de solo con dereitos de edificación e converteuse nun “instrumento que explica as dinámicas urbanas, de escala territorial, observadas en Galicia nas últimas catro décadas”.

Os datos falan por si sós: a clase de chan con máis dereitos de edificación por habitante é a de núcleo rural (con 411 metros cadrados), case dobrando ás clases de solo urbano (213  metros cadrados) e urbanizable (246  metros cadrados).

Os municipios que contan con maior cantidade de chan con dereitos de edificación por habitante corresponden ás áreas menos poboadas e afastadas da costa, pero próximas ao eixo atlántico.

Os municipios próximos ou incluídos dentro das áreas urbanas de Ourense e Lugo son os que clasifican maior cantidade de chans con dereitos de edificación por habitante.

O paradoxal é que o chan urbano por habitante segue un patrón inverso á caída demográfica, pois hai maior superficie de chan urbano por habitante nos municipios orientais, sobresaíndo os municipios do norte da provincia de Lugo, así como na conexión Santiago-Ourense, municipios afastados do occidente galego, que experimentaron un crecemento demográfico nas últimas décadas, saliéntase no estudo.

Respecto á expansión de chan con dereitos de edificación residencial, os expertos afirman que “os municipios galegos non estiveron realmente interesados en capturar os beneficios directos do proceso urbanizador a través de taxas e impostos asociados ao mesmo (licenzas urbanísticas, licenza de primeira ocupación, IBI, etc.)”. De feito, din, demostrouse que “foron tradicionalmente remisos a aproveitar todo o financiamento” que lles outorgaba o marco legal, non cobrando licenzas urbanísticas ou evitando incrementar os impostos á propiedade.

CHAN INDUSTRIAL

En relación ao chan industrial como subclase de chan urbano, os investigadores consideran que “existe unha sensación xeneralizada de que a bolsa de chan ofertado hoxe en Galicia desborda as previsións iniciais de demanda realizadas polas diferentes administracións”.

De feito, o boom de polígonos industriais en Galicia levou a unha situación absurda: un terzo das parcelas industrias no país están baleiras e aproximadamente a metade dos polígonos galegos contan cunha ocupación inferior ao 50%, dos que unhas 1.500 hectáreas brutas corresponden a unha ocupación nula. Son datos doutro estudo realizado no Laboratorio do Territorio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo os datos que se manexan no traballo que asinan Julia Vázquez Sánchez e José María Tubío, en Galicia existen arredor de 300 polígonos industriais, ocupando unha superficie aproximada de 7.000 hectáreas brutas. Os municipios das áreas metropolitanas e de influencia das cidades de Vigo, Santiago, Coruña e Lugo son as que presentan unha maior superficie de chan industrial.

Gran parte deste chan industrial xurdiu como consecuencia da expansión de vías de comunicación. Así, sinalan que o chan industrial localízase principalmente ao longo dos municipios polos que pasa a AP-9, a AP-53 Santiago-Ourense, e obsérvanse os valores máis altos nos municipios que conecta a autoestrada da Costa da Morte AG-55, que une A Coruña con Carballo, e na AG64, que une A Coruña con Vilalba.

A oferta de chan industrial baleiro concéntrase principalmente na provincia da Coruña, alcanzando case a metade da superficie total de parcelas baleiras en Galicia. Pontevedra representa arredor do 22 por cento; Lugo, o 20 por cento, e Ourense, pouco máis do 8 por cento.

As infraestruturas, equipamentos e dotacións xogaron un papel clave. Por exemplo, o municipio de Castroverde, na área de influencia de Lugo, tentou clasificar chans urbanizables próximos á fronteira co municipio lugués cando tivo coñecemento de que se ía construír un hospital provincial nas proximidades.

A construción de autovías tamén fomenta que os municipios adquiran esperanzas de desenvolvemento e terminen programando chan industrial. Así, os autores do estudo destacan o exemplo do concello lugués de Abadín (Terra Chá), que tiña unha congregación de naves que non estaban delimitadas como polígono industrial, pero cando se abriu a autovía o goberno local delimitou a maiores un polígono na saída.

“Este tipo de comportamentos mostra o desexo de crecer do municipio, favorecido polas infraestruturas e dotacións, e este desexo plásmase en plans que adoitan ser moito máis expansivos que a demanda existente ou a potencial”, explican os investigadores.

O obxectivo principal destes municipios en declive demográfico é xerar emprego e atraer poboación a través dos plan urbanísticos. Este comportamento, din os investigadores, “non só se reduce aos municipios que trataron de adaptar os seus plans, senón tamén aos que son remisos a facelo”. Neste grupo inclúen os municipios que tiveron un incremento considerable de poboación, como Ames, na periferia de Santiago de Compostela. Estes municipios puxeron en marcha plans “extremadamente expansivos antes do 2000” e para eles sería agora “moi problemático reducir a superficie con dereitos de edificación, aínda que a actual sexa excesiva”.

No estudo tamén se destaca que os municipios principalmente das montañas orientais de Galicia, cunha poboación escasa e moi envellecida, recoñecen que un novo plan non cambiaría a súa situación..

Os autores destacan, ademais, os casos de dúas comarcas do interior, Terra Chá e Deza, onde todos os municipios teñen chan industrial baleiro. Tamén destacan que malia que A Coruña é a provincia con maior cantidade de chan industrial baleiro, a maior cantidade de solo industrial baleiro por habitante localízase nos municipios próximos a Lugo e na zona interior desta provincia.

ACTUACIÓN "IRRACIONAL"

O estudo conclúe que “a sobreproducción de chan industrial pode ser considerada [...] un síntoma dun escenario de competencia por capturar o escaso crecemento entre os municipios galegos”. Tamén, que “a cor política dos gobernos municipais inflúe substancialmente á hora de tomar a decisión nos municipios de clasificar chan con dereitos de edificación”, nun escenario de “baixa competencia electoral (un mesmo partido posúe máis da metade dos escanos a nivel local)”, onde ademais os partidos gobernanates teñen unha “orientación conservadora, sobre todo nas áreas rurais”.

En xeral, “os municipios galegos comportáronse dunha forma irracional, aínda que que a nivel individual o seu comportamento é totalmente racional, na medida que usan as ferramentas das que dispoñen para fomentar o desenvolvemento”, engaden os autores, para os que “a outra cara da moeda” é que a Xunta de Galicia estableceu en varios marcos xurídicos (Lei do Solo, Directrices de Ordenación do Territorio, etc.) regulacións que deberían velar polos principios de desenvolvemento territorial e urbano sustentable, “e estas parecen estarse a aplicar dunha forma moi laxa”. “A negativa do Goberno autonómico a entrar nun conflito cos municipios está detrás da pouca observancia destas regulacións”, sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 monopoly urbanistico coruñeda

non se enteran non foi un-ha actuación irracional, senon outro froito mais envelenado das imaxinerias capitalistas da especulación, e por outra banda da incapacidade de dotarnos dun proxecto nacional galego, moitos polígonos industriais son debidos o caciquismo... sobran a metade dos concellos de Galicia, non existe posibilidade ningún-ha de arranxo pola via pretendida polo PODREMIOS o reformismo! soamente por medio de medidas extremas podrá resolverse a situación... martinsa fadesa deixou un calote de mais de 10.000.000.000 de euros!!! moito foi pura delincuencia capitalista amparada polo duo monoarquico pepe-$oume!!!