Rubén Pérez: "É o momento de construír a esquerda alternativa deste país"

EU está a desenvolver unha campaña moi activa na que chama á "rebelión". Rubén Pérez, candidato en Pontevedra, explica os obxectivos deste partido para o 20N.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 16/11/2011 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial (GC). As enquisas dan unha subida espectacular a EU. Confiades vós tamén en obter vos resultados?
Rubén Pérez (RP). Nunca valoramos enquisas porque como moi ben di o noso candidato á presidencia Cayo Lara as urnas están baleiras e todo é posible. O certo é que a proposta programática de EU-OV está chegando a moitos sitios onde facía anos non estábamos os candidatos e candidatas presentando propostas e solucións dende a esquerda. Con moitas limitacións de recursos pero cunha militancia exemplar e case "heroica" e cunha receptividade ás propostas de EU-OV notable.

GC. Sen embargo, en Galicia, a cousa segue difícil porque non hai perspectivas dun escano. A que credes que se debe isto?

RP. A lei electoral é perversa con EU. O propio Martín Villa, ponente da lei recoñece que buscou que os partidos, como no seu tempo o PCE con representación en todo o estado, tivesen una paridade votos-escanos moi desproporcionada. En Galicia o BNG usou ademais as crises da esquerda para usurpar un espacio electoral que era da esquerda, non do nacionalismo, que cando di "Galicia" refírese a unha idea de que patronal e traballadores temos os mesmos intereses ante os poderes fácticos do estado (o que eles chaman Madrid). É o momento sen dúbida de construír a esquerda alternativa deste país desenmascarando algunhas posicións oporturnistas pero confluíndo tamén con moita xente do ámbito do soberanismo.


GC. Credes que o BNG vos quita votos aquí?.

RP. Como dicía o BNG apropiou un espazo orfo dunha esquerda alternativa e plural. En Vigo por exemplo estamos recuperando ese espazo, incluso a nivel municipal nos barrios obreiros como Navia ou Teis EU está sendo a terceira forza en moitas mesas. Hai unha recomposición do espazo da esquerda e un desprazamento do BNG ao único espazo que é capaz de defender de xeito críble que é o modelo CIU-PNV e non o de esquerda alternativa.

O "sorpasso" en Ferrol

GC. Pregúntocho porque en Ferrol comprobouse que cando o BNG se afundiu, foi EU quen triplicou resultados.
RP. Ferrol é un exemplo pero tamén Vilagarcía. O BNG tocou moito poder municipal e autonómico para facer o mesmo que os outros partidos do "bipartidismo". Algo terá que ver neste "sorpasso" o feito de que podemos afianzar en Galicia que esa xestión do BNG non fose identificada como esquerda anticapitalista polos traballadores e traballadoras.
 

GC. Cales son as claves de EU nestes comicios?
RP. Financiar todo o programa de EU (sanidade, educación, emprego, desenvolvemento sostible...) require esencialmente ir a onde están os recursos, e dicimos que saen da alta taxa de fraude fiscal (maioritariamente do gran capital) que equivale ao 23% do PIB, pero tamén sae dunha fiscalidade xusta que equipare as rendas do traballo ás do capital evitando que sexamos os traballadores e traballadoras os que paguemos á crise. Hai unha aposta por crear 3 millóns de postos de traballo partindo do fin do proceso de acumulación de capital en mans dunha minoría. EU considera que foi demencial ser o país da OCDE onde o beneficio do capital foi máis alto entre 1980 e 2010 e os salarios creceron moi por debaixo deste capital, e por enriba aumentou o desemprego. Iso explica perfectamente o que Marx chamou "proceso de acumulación capitalista".


GC. E os obxectivos?
RP. O grupo parlamentario sen dúbida e un obxectivo prioritario pero EU quere que este sirva para dar a voz á mobilización social que fai falla neste país para mudar o modelo de desenvolvemento económico. Un grupo parlamentario forte pero baixado á realidade das rúas e das asembleas populares como o 15-M é o único camiño.


GC. Rebélate... Ese é o lema co que vos presentades. Un pouco guerreiro, non?

RP. Son tempos duros para os que fai falla rebeldía. A contradición capital-traballo aperta e as vellas fórmulas de loita de clase seguen perfectamente vixentes aquí, en Grecia ou Portugal....

"Revolución ampla e plural"

GC. Que revolución procurades?
RP. Esencialmente o que di a Internacional: "cambiar o mundo de base para os que os nada de hoxe sexan todo", unha revolución ampla, plural e multipolar pero que coincida inequivocamente no anticapitalismo.


GC. E como afectará o 15M á campaña?
RP. Nós estamos asistindo a canto debate ou proposta somos convidados polo movemento. Esta sendo exemplar a súa pluralidade á hora de convidar a tódolos partidos de igual a igual polo que creemos que a súa principal aportación é dotar de pluralidade á política deste pais. Neste aspecto é o que máis agradecemos á súa existencia e por suposto en denunciar o cadudo e inxusto sistema electoral.


GC. Hai quen di que vós seredes os grandes beneficiados dese movemento?.

RP. Do 15M é parte todo o ou a que queira ser parte, independentemente de militancia ou orientación política. Esa pluralidade fai converxer moitas propostas con IU outras non como o das listas abertas que nos consideramos á porta de entrada ao populismo (modelo GIL en Marbella) en política. Pero no esencial o acordo programático e propositivo é moi alto.

Os votantes "volven a casa"

GC. Tamén da previsible devacle socialista. Moitos dos seus votos tamén irán a EU... O iso din os inquéritos.
RP. En 2004 e 2008 o PSOE tomou moito voto de EU, que non era voto habitual do PSOE porque o medo ao PP era terrible, o propio Zapatero no 2008 dicía "que tomaba nota deste (mal chamado) préstamo de votos" e que polo tanto faría políticas de esquerdas orientadas a este electorado. Defraudados polas políticas de dereitas e servís da plutocracia comunitaria o votante de EU volve á confiar na forza que leva anos denunciando Maastrich, as reformas laborais, o sistema financeiro, etc... é un volta a casa que agradecemos ao electorado e que sen dúbida nós saberemos non defraudar.


GC. Con todo, a vosa subida chega no momento de maior fortaleza do PP. Isto non escoce un pouco?
RP. É lamentable que traballadores e traballadoras de este país vaian a votar ao PP pensando en clave de medo ao desemprego e a crise. Os culpables da crise son eles e nos incluso dicimos que 11 dos 14 posibles deputados que se xoga IU neste proceso xóganse co PP polo sistema de Hont, e de caer para o lado noso serían 11 deputados menos do PP, non do PSOE, polo que o voto útil neste caso é IU e quen sabe se eses 11 deputados serán definitorios para configurar unha maioría de esquerdas......


GC. E, persoalmente, como levas a campaña?
RP. Terrible porque teño un ERE temporal na empresa que traballo e non podo ter suficiente tempo como noutros procesos. Ademais o crecemento organizativo de EU lévanos a facer moitos quilómetros e multiplicar os actos e foros. Todo o esforzo se fai cunha ilusión tremenda pero cun esforzo titánico


GC. Sen embargo, non se che ve moito nos medios de comunicación?. Cres que hai monopolio mediatico tamén nos comicios?
RP. Sempre, aínda que agora cremos que a maior dificultade é que os medios recurtan plantillas (hai menos xornalistas e fotógrafos) e a pluralidade vese afectada dobremente xa que non hai plantilla para tanto acto electoral. Pedimos públicamente que se aumentara plantilla aos medios, sobre todo cando reciben cartos institucionais inxentes pero parece que nada se move. O exemplo de pluralidade o estades dando os medios dixitais. O maior instrumento que ten hoxe en día EU é a rede e por suposto o pateo da rúa.

GC. Un desexo para o 20N
RP. Converter a indignación en voto rebelde, nunha forza alternativa modulando o bipartidismo brutal que vivimos neste país. E sobre todo ademais de votar participar activamente na sociedade civil, nos movementos sociais, nos sindicatos de clase e polo tanto en construír un novo mundo.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 98 comentarios

25 Lubre

Non aturo ningún tipo de colonialismo nin de imperialismo nin de mesianismo. IU non deixa de ser, como partido da panoplia española, un absceso, pola esquerda, do máis puro centralismo hispano. Non me digades que CCOO ten algo que ver con Galicia ou que esta desgraciada nación ocupa un simple segundo na mente do señor Lara. A esquerda é imprescindíbel. É a única postura moral que, de cando en vez, agroma na sociedade. Mais, tampouco debe ser un tzunami -como o que nos están embutindo nos miolos-, que asole todas as realidades diferencias dun Estado.

1 Comunista

Cando o PCE era un partido verdadeiro de esquerdas tiña nas nazóns sen estado uns partidos aliados pero totalmente independentes coma o PCG ou o PCUS, agora ca sua deriva revisionista socialdemócrata e colonialista é o que é unha ferramenta mais da burguesia españolista.

2 Xoelho

Non me fagas rir, "Comunista".

3 Comunista

Bueno, agora vasme decir que cando Josep Moix era o segredario xeral do PSUC e facian os seus congresos independentes, non tiñan independenciaaaaaa!!!!1

4 Mozo comunista

Ignorancia é que desprendes, primeiro o PSUC-viu segue a ter a mesma relación orgánica co PCE que cando se fundou o PSUC, son unha organización independente pero que participa na vida do PCE e nos seus órganos. Segundo, a creación do PSUC non ven motivada por cuestións de indole nacional senón por unha conxuntura particular nos anos 30. Terceiro xa que mencionas o PCG, non foron as posicións leninistas as que defendían a súa constitución alí polo 68, todo o contrario, a creación a finais dos 60/principios dos 70 de partidos nacionais foi impulsada por Carrillo e a dirección eurocomunista do PCE, en concreta en Galiza, por Santiago Álvarez. Dicir que o problema de PCE (que trasladas despois a EU) é o sucursalismo precisamente cando é todo o contrario, era mentres o PCE mantiña un modelo centralista democrático e por tanto de máxima unidade orgánica as posicións relativas a cuestión nacional eran máis avanzadas.

5 Mozo comunista

Manter a unidade órganica das organizacións comunistas non é caer en ningún tipo de reformismo.

24 Arenga

Espanholismo, nom graças.

1 Aronga

Imbéciles, non grazas

2 Arenga

Nom dijem eu o mesmo??

3 Aronga

Non dixeche o mesmo xa que hai imbéciles que non son españolistas. Eses que se dedican a pintar os sinais de tráfico, por exemplo. Non serás tí un deses?

23 Antón

Como di o refrán: de Espanha nin bó vento ou movemento nin bó casamento. Unha referencia Marx mal feita, un chisco oportunista os chiripitifláuticos, e ...xa está, xa sodes a alternativa de esquerda, larchán, Cál é o`papel do proletario dos estados dominantes sobre as nazóns colonizadas? non era que era de apoio, solidaridade e non inxerencia? só o enunciaron Marx, Engels, Lenin, Stalin ou Mao, pero esqueciame que só os coñecias de referencias por unha frase mal dita.

22 Comunista

Izquierda Hundida de Lacayo Lara, que vos dean mangantes revisonisto-oportunistas- españolistas.

1 españolista

Xa lles van dar :Unha subida de votos que vai triplicar o seu resultado actual

2 galego coma ti

como nista texitura non hay color somentes che quero dicir unha cousa. si ladras é porque cabalgamos (frase apropiada agora non sei de quén.) saúde.

21 Nilo

Si vamos que este señor é dono de votos de cidadáns e que outros van pola vida roubándollos, ten toda a razón se son propiedade deste señor pois a apandar. E que en España que é onde vivimos, temo que ter unha capital que é Madrid, e entender o país grande e un, e isto por suposto non ten carga nacionalista porque como todo o mundo sabe nacionalista en Galicia so é Beiras. PD: A ver se os partidos nacionalistas do Tibet deixan xa o que están facendo e ocupan o lugar de todos os partidos nacionalistas que é do CIU-PNV

1 Nilo

E tamén a ver se ERC e Amaiur ocupan o lugar que lles corresponde que é o de PNV-CIU que os votos son propiedade propiedade privada de IU, no wait! vale xa me perdín.