Rubén Pérez: "É o momento de construír a esquerda alternativa deste país"

EU está a desenvolver unha campaña moi activa na que chama á "rebelión". Rubén Pérez, candidato en Pontevedra, explica os obxectivos deste partido para o 20N.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 16/11/2011 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial (GC). As enquisas dan unha subida espectacular a EU. Confiades vós tamén en obter vos resultados?
Rubén Pérez (RP). Nunca valoramos enquisas porque como moi ben di o noso candidato á presidencia Cayo Lara as urnas están baleiras e todo é posible. O certo é que a proposta programática de EU-OV está chegando a moitos sitios onde facía anos non estábamos os candidatos e candidatas presentando propostas e solucións dende a esquerda. Con moitas limitacións de recursos pero cunha militancia exemplar e case "heroica" e cunha receptividade ás propostas de EU-OV notable.

GC. Sen embargo, en Galicia, a cousa segue difícil porque non hai perspectivas dun escano. A que credes que se debe isto?

RP. A lei electoral é perversa con EU. O propio Martín Villa, ponente da lei recoñece que buscou que os partidos, como no seu tempo o PCE con representación en todo o estado, tivesen una paridade votos-escanos moi desproporcionada. En Galicia o BNG usou ademais as crises da esquerda para usurpar un espacio electoral que era da esquerda, non do nacionalismo, que cando di "Galicia" refírese a unha idea de que patronal e traballadores temos os mesmos intereses ante os poderes fácticos do estado (o que eles chaman Madrid). É o momento sen dúbida de construír a esquerda alternativa deste país desenmascarando algunhas posicións oporturnistas pero confluíndo tamén con moita xente do ámbito do soberanismo.


GC. Credes que o BNG vos quita votos aquí?.

RP. Como dicía o BNG apropiou un espazo orfo dunha esquerda alternativa e plural. En Vigo por exemplo estamos recuperando ese espazo, incluso a nivel municipal nos barrios obreiros como Navia ou Teis EU está sendo a terceira forza en moitas mesas. Hai unha recomposición do espazo da esquerda e un desprazamento do BNG ao único espazo que é capaz de defender de xeito críble que é o modelo CIU-PNV e non o de esquerda alternativa.

O "sorpasso" en Ferrol

GC. Pregúntocho porque en Ferrol comprobouse que cando o BNG se afundiu, foi EU quen triplicou resultados.
RP. Ferrol é un exemplo pero tamén Vilagarcía. O BNG tocou moito poder municipal e autonómico para facer o mesmo que os outros partidos do "bipartidismo". Algo terá que ver neste "sorpasso" o feito de que podemos afianzar en Galicia que esa xestión do BNG non fose identificada como esquerda anticapitalista polos traballadores e traballadoras.
 

GC. Cales son as claves de EU nestes comicios?
RP. Financiar todo o programa de EU (sanidade, educación, emprego, desenvolvemento sostible...) require esencialmente ir a onde están os recursos, e dicimos que saen da alta taxa de fraude fiscal (maioritariamente do gran capital) que equivale ao 23% do PIB, pero tamén sae dunha fiscalidade xusta que equipare as rendas do traballo ás do capital evitando que sexamos os traballadores e traballadoras os que paguemos á crise. Hai unha aposta por crear 3 millóns de postos de traballo partindo do fin do proceso de acumulación de capital en mans dunha minoría. EU considera que foi demencial ser o país da OCDE onde o beneficio do capital foi máis alto entre 1980 e 2010 e os salarios creceron moi por debaixo deste capital, e por enriba aumentou o desemprego. Iso explica perfectamente o que Marx chamou "proceso de acumulación capitalista".


GC. E os obxectivos?
RP. O grupo parlamentario sen dúbida e un obxectivo prioritario pero EU quere que este sirva para dar a voz á mobilización social que fai falla neste país para mudar o modelo de desenvolvemento económico. Un grupo parlamentario forte pero baixado á realidade das rúas e das asembleas populares como o 15-M é o único camiño.


GC. Rebélate... Ese é o lema co que vos presentades. Un pouco guerreiro, non?

RP. Son tempos duros para os que fai falla rebeldía. A contradición capital-traballo aperta e as vellas fórmulas de loita de clase seguen perfectamente vixentes aquí, en Grecia ou Portugal....

"Revolución ampla e plural"

GC. Que revolución procurades?
RP. Esencialmente o que di a Internacional: "cambiar o mundo de base para os que os nada de hoxe sexan todo", unha revolución ampla, plural e multipolar pero que coincida inequivocamente no anticapitalismo.


GC. E como afectará o 15M á campaña?
RP. Nós estamos asistindo a canto debate ou proposta somos convidados polo movemento. Esta sendo exemplar a súa pluralidade á hora de convidar a tódolos partidos de igual a igual polo que creemos que a súa principal aportación é dotar de pluralidade á política deste pais. Neste aspecto é o que máis agradecemos á súa existencia e por suposto en denunciar o cadudo e inxusto sistema electoral.


GC. Hai quen di que vós seredes os grandes beneficiados dese movemento?.

RP. Do 15M é parte todo o ou a que queira ser parte, independentemente de militancia ou orientación política. Esa pluralidade fai converxer moitas propostas con IU outras non como o das listas abertas que nos consideramos á porta de entrada ao populismo (modelo GIL en Marbella) en política. Pero no esencial o acordo programático e propositivo é moi alto.

Os votantes "volven a casa"

GC. Tamén da previsible devacle socialista. Moitos dos seus votos tamén irán a EU... O iso din os inquéritos.
RP. En 2004 e 2008 o PSOE tomou moito voto de EU, que non era voto habitual do PSOE porque o medo ao PP era terrible, o propio Zapatero no 2008 dicía "que tomaba nota deste (mal chamado) préstamo de votos" e que polo tanto faría políticas de esquerdas orientadas a este electorado. Defraudados polas políticas de dereitas e servís da plutocracia comunitaria o votante de EU volve á confiar na forza que leva anos denunciando Maastrich, as reformas laborais, o sistema financeiro, etc... é un volta a casa que agradecemos ao electorado e que sen dúbida nós saberemos non defraudar.


GC. Con todo, a vosa subida chega no momento de maior fortaleza do PP. Isto non escoce un pouco?
RP. É lamentable que traballadores e traballadoras de este país vaian a votar ao PP pensando en clave de medo ao desemprego e a crise. Os culpables da crise son eles e nos incluso dicimos que 11 dos 14 posibles deputados que se xoga IU neste proceso xóganse co PP polo sistema de Hont, e de caer para o lado noso serían 11 deputados menos do PP, non do PSOE, polo que o voto útil neste caso é IU e quen sabe se eses 11 deputados serán definitorios para configurar unha maioría de esquerdas......


GC. E, persoalmente, como levas a campaña?
RP. Terrible porque teño un ERE temporal na empresa que traballo e non podo ter suficiente tempo como noutros procesos. Ademais o crecemento organizativo de EU lévanos a facer moitos quilómetros e multiplicar os actos e foros. Todo o esforzo se fai cunha ilusión tremenda pero cun esforzo titánico


GC. Sen embargo, non se che ve moito nos medios de comunicación?. Cres que hai monopolio mediatico tamén nos comicios?
RP. Sempre, aínda que agora cremos que a maior dificultade é que os medios recurtan plantillas (hai menos xornalistas e fotógrafos) e a pluralidade vese afectada dobremente xa que non hai plantilla para tanto acto electoral. Pedimos públicamente que se aumentara plantilla aos medios, sobre todo cando reciben cartos institucionais inxentes pero parece que nada se move. O exemplo de pluralidade o estades dando os medios dixitais. O maior instrumento que ten hoxe en día EU é a rede e por suposto o pateo da rúa.

GC. Un desexo para o 20N
RP. Converter a indignación en voto rebelde, nunha forza alternativa modulando o bipartidismo brutal que vivimos neste país. E sobre todo ademais de votar participar activamente na sociedade civil, nos movementos sociais, nos sindicatos de clase e polo tanto en construír un novo mundo.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 98 comentarios

10 Esquerdaunidista

¿Como era aquela cita de Groucho?: Partindo da nada, acadamos as máis altas cotas de miseria. Seguimos nas mesmas.

1 galego coma ti

atinache compañeiro é unha lastima atoparse con tantos traballadores "opperarios confundidos", non é outra coussa.Nos dan polo.... e dicimos que chove. saúde

9 Ricardito

Grazas aos votos estragados por estas mantidas do PP, goberna Conde Roa en Santiago.

1 antiburradas

Hai que ser moi ignorante pra dicir esta tontería. Mantidas do PP? En que? Hai que ser un tolo falabarato pra aseverar idioteces. En primeiro lugar, a cada organización vótalle quen quere; en segundo lugar, cómpre ter en conta o escenario e non perder de vista que o abultado voto en branco apareceu en escena perxudicando non ao PP, por suposto, senón aos demais concorrentes e, polo tanto limando votos na beira esquerda (tanto na reformista do PSdG, como na nacionalista do BNG ou na alternativa de EU); non esqueza este iluminado que en Compostela houbo outras organizacións que se presentaron (algunhas cun ideario próximo ao nacionalismo e próximas ao reformismo)que tamén limaron votos; e, burradas a parte, se temos en conta a Lei d'Hondt, de entrar EU quitaríalle un concelleiro ao PP. E, maís burradas a parte, Conde Roa, ao igual que Feijóo, están aí porque nas urnas alguén os votou.

2 Ex votante

Burradas á pate, coa lei D'Hont, IU obtivo nas eleccións xerais de 1996 21 deputados. Se pasou deses 21 aos dous que ten agora, tamén será porque a xente preferiu votar a outros, verdade?

8 aaaaaaag

Construirmos la alternativa de Extremadura con el PP.

1 tipicos topicos

É que como o PSOE de Extremadura é de esquerdas! E as troitas andan polo monte e as lebres polo río! Nótase que no BNG hai negocio, e mesmo apuros para mantelo...

7 Breixo

Estou canso dos discursos victimistas de IU-EU, hai que ser algo máis autocríticos e deixar de botar sempre por fóra. Os que perderon a esquerda forón eles/as, non sei se recordarán a ruptura de 1997 pola marcha de Guerreiro a unha alianza co PSdG. O BNG ten o espazo que lle correponde, o do nacionalismo de esquerdas, e saben perfectamente que non é o de CIU ou PNV, por certo estes últimos aliados tradicionais de IU-EB en Euskadi. Semella que os ataques desta entrevista, non son máis que intentos por rascarlle electorado ao BNG, pero ogalla fora un pouco máis constructivo, cando insisto representa a unha forza política capaz de favorecer gobernos nada progresistas (en Euskadi gobernou co PNV varias lexislaturas, Estremadura e Araba provocou gobernos do PP, por non falar da alianza Aznar-Anguita).

1 Ex votante

Inútil tratar de explicar nada. A culpa é do voto útil da lei D'Hont e da nai que a pariu. E cando penso que cheguei a votalos nalgunhas eleccións...

2 Braulio

Claro que o BNG é moi de esquerdas, igualiño que o PSOE co que desexa pactar en complicidade (para ter poder, para colocar...)! Xa está ben de falsear a realidade: o PSOE ten o mesmo de esquerda que o PP (quitado o tinte social: matrimonio mesmo sexo, aborto...), na política económica coinciden PP e PSOE. E cando gobernou o BNG optou por defender os intereses dos empresarios amigos (Tojeiro, Gayoso, Lence, Martínez Nuñez, Jacinto Rey..., até Dorribo), e por apoiar ao PSOE en Madrid e nos bipartitos onde se precisou. Menos lobos co PP, especialmente cando os do BNG estades na mesma política clientelar e "centrista" (para non dicir dereita). E por certo, por que non falas do pacto PP-PSOE no País Basco? Será que cae o argumento do PSOE progre!

3 Breixo

O BNG é un partido de esquerdas, alternativo a PP e PSOE, que chega a pactos de gobernos puntuais en base a programas proresistas para evitar conceder máis espazos de goberno ás políticas do PP. Apoiou na acción de goberno ao empresariado non por amigo senón que por galego, porque mal que nos pese son elemento clave no tecido productivo do país e en proxectos estratéxicos que nunca foron en detrimento da clase traballadora. Por último, o apoio aos orzamentos do PSOE fixose cando estes defendían postulados progresistas (ese tinte social do que falas) e estratéxicos para Galicia, pero nunca apoiou os orzamentos ultraliberais e de axuste deste última época. De feito se mal non recordo IU tamén estivo a favor dos orzamentos do PSOE, cando menos no 2007. Falo da dicotomía BNG-IU e non do pacto PP-PSOE no País Basco porque ese non é o obxeto desta entrevista nin desta entrada.

4 Braulio

Breixo non tes cura, non nos chupamos o dedo. Sabes quen é Lence, o de Leche Río, e tes a cara de dicir "proxectos estratéxicos que nunca foron en detrimento da clase traballadora", pregúntallelo aos labregos! E de paso aos mesmos na Terra Chá e no Eume fálalles das minas, pregunta polo mafioso Martínez Nuñez tamén polas canteiras ilegais no Courel! Sigue polo Gayoso, o que lle permite aumentar as débedas ao BNG en Caixanova, pregunta aos pescadores e aos veciños de Cangas, ou xa respostaron retirando o seu apoio á Clara Millán! Continua por Ferrolterra, con Reganoxo a bomba de Tojeiro, pregunta en Ferrol e en Mugardos! Non te esquezas dos xornalistas, tamén obreiros, que non cobraron do Rey en ANT! E si apoiou IU ao PSOE en 2007, o que lle custou o rexeitamento de moitos militantes aos dirixentes..., e aínda hai quen pregunta por Extremadura! Dura, moi dura tedes a cara os que andades esperando os caldiños quentes do PSOE!

5 Breixo

Non teño cura non, o gran causante dos males de Galicia é o BNG, o amigos dos empresarios evidentemente.Erros cometense como non facer máis ahínco na defensa do cambio de ubicación de Reganosa, pois si e tense pagado por el. Supoño que cando falas de Gayoso por una lado obvias que o representante do Concello de Pontevedra tense oposta ás políticas de gratificacións da Caixa, e por outro, que non por ter débedas cun banco se perde a neutralidade (senón IU nunca falaría do sistema bancario nin do Banco Popular especialmente).Ao respecto de Lence, home proclive á participar na mesa do leite e o contrato homologado etc ... Sabedes que os vosos argumentos son un mantra cansino e demagóxico pero seguide.

6 Ghalleghocomaotoxo

Mentres a esquerda está dividida, mirade como os pepeiros dun lado e do outro (ódianse pero son pragmáticos e conscientes de que se non se entenden, quedan todos sen negocio) arriman o ombreiro todos xuntos: http://www.elpais.com/articulo/Gali...