Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 09:22
A partir das 00,00 horas deste luns e ata novo aviso quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais en Galicia debido ás condicións meteorolóxicas que poderían dificultar o seu control.
Así o informa a Consellería do Medio Rural nun comunicado, que especifica que quedarán tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez desde o comezo da prohibición. A decisión foi tomada tras avaliar a evolución do tempo e analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio en tempada de alto risco.
Tamén se tivo en conta a normativa --Decreto 105/2006 polo que se regulan as medidas relativas á prevención de riscos forestais, a protección dos asentamentos no medio rural e a regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais-- que prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Así mesmo, a Xunta pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, xa que desde este domingo e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.
Ademais, a Consellería lembra que se atopa a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.