En Marea ao BNG: "A sociedade galega pide espazos comúns e non illacionismos"

Luís Villares critica que PSdeG e BNG non quixeron ir nunha candidatura con En Marea ao Senado e defende a "coherencia" da súa formación fronte a EU e Podemos: "Só estamos comprometidos cos galegos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, defendeu a "coherencia" da súa formación nas Cortes xerais fronte a Esquerda Unida e Podemos. "Nós só estamos comprometidos cos intereses da cidadanía galega", manifestou. Tamén asegurou non tender constancia de que persoas que integraban En Marea, especialmente militantes de Anova, se pasaran para o BNG tras os conflitos internos na formación rupturista.

Luís Villares, portavoz de En Marea, e Ana Seijas, membro do Consello das Mareas
Luís Villares, portavoz de En Marea, e Ana Seijas, membro do Consello das Mareas

Tras iso, tamén diferenciou o proxecto político de En Marea do que presenta o BNG para as Cortes xerais. "En Marea é un espazo político mestizo que se dirixe ás maiorías sociais de Galicia, non nos restrinximos a un só sector", apuntou.

Neste sentido, definiu a En Marea como un "movemento político diferente", que escoitou o mandato saído do 15M de defensa dos intereses de Galicia pero partidario de "participar nun espazo común de gobernaza para ampliar os dereitos". "Iso é o que demandaba a cidadanía galega e non illacionismos", sinalou.

Na rolda de prensa, ademais, censurou que tanto o BNG como o PSdeG rexeitasen a súa oferta de construír unha gran plataforma galeguista para o Senado. "Estamos seguros de que a cidadanía vai premiar ás forzas que foron capaces de renunciar a favor dun proxecto político máis amplo", indicou.

A "COHERENCIA" 

Nunha rolda de prensa celebrada este luns e ao ser preguntado pola caída de apoio que as enquisas prevén tanto para En Marea como para En Común-Unidas Podemos --a marca coa Esquerda Unida e Podemos concorrerán ás xerais en Galicia tras a súa ruptura cos de Villares--, o maxistrado lucense en excedencia considerou que a cidadanía "saberá premiar a quen foi coherente".

E é que, segundo indicou, esta mensaxe de "coherencia" calou entre os cidadáns galegos. Todo iso, despois de que o mandato da dirección de En Marea --só respectado no Congreso pola entón deputada Alexandra Fernández-- fora votar en contra dun proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) que recortaban investimento en Galicia.

"Os únicos que mantivemos a coherencia durante este tempo fomos nós", incidiu o político lucense, que insistiu en que outras forzas políticas "non cumpriron cos seus compromisos". "Dixémolo desde o primeiro momento, os partidos só poderían ser motores, o fundamental é o movemento cidadán e non o sometemento ás ataduras", apuntou.

Por iso, de cara á cita electoral do 28 de abril, marcou distancias coas formacións que aínda forman parte do grupo parlamentario de En Marea na Cámara galega --Podemos, EU e Anova-- para subliñar que a súa formación se presenta aos comicios xerais co aval de "estar comprometidos única e exclusivamente" cunha sorte de "contrato social coa cidadanía galega". "E cando uns orzamentos non o cumpren, votamos en contra e non nos treme o pulso", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gustavo

Un partido mestizo: mestura a Cerna+Villares, moi plural, oiga!

3 lóstrego

Bendita sociedá que pide, e non se lle dá. Madura retórica de pasatempos.

2 Gamela

Coherencia = é que a única deputada coherente abandone a política? = que os tres alcaldes foran expulsados da Coordinadora de En Marea? = Que o partido instrumental nado para aglutinar ás forzas políticas galegas se presente por libre ás eleccións É COHERENTE ? Haberá que morra de Coherencia pero de Política Nada de Nada!!! https://i.gal/gamela03

1 sermos mantidos

Señor Villares, por favor, foxen --con razón-- de Podemos e do PcE para entregarse ao P$oEspañol? Arredemo coa coherencia! E ante a indignidade do P$oEspañol diante do 155 ou do 135 pode vostede predicar unidade? Increíble, o que hai que escoitar! Non pretenderá facer de En Marea o mesmo que é hoxe o BNG: outra marca branca do P$oEspañol? Máis postureo, non grazas!