A Xunta destina 2,5 millóns a reforzar os clústeres como impulsores da competitividade das pemes

Acordou a declaración da incidencia supramunicipal do proxecto de creación de chan industrial para as instalacións de Aserpal, nos municipios de Vilasantar e Mesía

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, destinará 2,5 millóns de euros a reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade das pequenas e medianas empresas (pemes) galega.

Con esta iniciativa, aprobada este xoves polo Consello, a Xunta prevé mellorar a fortaleza das agrupacións empresariais innovadoras e dos clústeres galegos consolidados que, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros, porán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo de Galicia.

Deste xeito, as axudas contribuirán a consolidar os clústeres galegos para que sigan mobilizando recursos e proxectos e reforcen o seu papel activo á hora de definir estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico, ademais de continuar co seu papel fundamental de aceleradores da Axenda Industria 4.0.

O procedemento de concesión dos apoios, cun prazo de execución ata outubro de 2021, farase polo réxime de concorrencia competitiva. Ademais, na avaliación dos proxectos teranse en conta, entre outros criterios, o impacto socioeconómico da iniciativa apoiada, o grao de representatividade do clúster e a importancia do ámbito produtivo.

AMPLIACIÓN DAS INSTALACIÓNS DO ASERPAL

Por outra banda, a Xunta acordou a declaración da incidencia supramunicipal do proxecto de creación de chan industrial para as instalacións de Aserpal, nos municipios de Vilasantar e Mesía. Deste xeito, iníciase a tramitación para que esta iniciativa obteña a aprobación definitiva como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e poida ampliar a súa superficie.

Conforme indicou a Xunta, a empresa, dependente do Grupo Losán, dedícase desde o ano 1991 á fabricación e corte de madeira natural, así como á produción de chapa de madeira tinguida e á elaboración de superficies de madeiras nobres personalizadas e ao corte.

Cunha superficie construída en planta de 14.196 metros cadrados, emprega a máis dun centenar de traballadores e conta cunha facturación anual de máis de 15 millóns de euros e cunha produción orientada, en gran parte, ao mercado exterior.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria. ARQUIVO
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria. ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta