A Xunta anuncia máis prazas públicas pero, a maior parte, para a funcionarización do persoal laboral fixo

Aproba a oferta de emprego da Administración xeral galega para 2019, con máis de 2.600 prazas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aprobación do decreto de oferta de emprego público da Administración xeral galega para 2019, con 2.617 prazas, un "18% máis que na convocatoria de 2018".

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, o máximo mandatario autonómico subliñou que Galicia cumpre así o "compromiso de aprobar as ofertas de emprego público no primeiro trimestre do ano" e que, entre todas, alcanzan a cifra máis alta desde 2008, con 6.004 prazas.

Despois de precisar que "outro ano máis" a Xunta utiliza o "100%" da autorización da Lei Básica de Orzamentos do Estado para a OPE de Galicia", Feijóo destacou que esta convocatoria inclúe 1.543 prazas de acceso libre --un 7% máis que en 2018--; 227 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, coas que poderán acceder a postos de maior responsabilidade e retribución; e 847 para a funcionarización do persoal laboral fixo.

Esta nova oferta, aprobada tras recibir o voto favorable na mesa de negociación de CC.OO. e UGT será publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.

Con esta convocatoria, a Xunta destacou que busca o triplo obxectivo de que calquera persoa que cumpra cos requisitos poida opositar para traballar na Administración autonómica, garantir o dereito á promoción interna dos empregados públicos e avanzar no primeiro gran movemento global de funcionarización do persoal laboral fixo, previsto no Estatuto Básico do Empregado Público.

PRAZAS DE ACCESO LIBRE

O titular do Goberno galego puxo en valor que as prazas de acceso libre concéntranse no ámbito social, con máis de 800. Ademais, sinalou que o 10,3% do acceso libre se reserva para persoas con discapacidade, unha reserva maior do que establece a lei, un 7%.

"Conseguimos estar entre as comunidades autónomas con menor taxa de temporalidade, situándonos na contorna de 7%, e en sanidade do 5%", indicou para destacar que con este decreto a Xunta aposta pola estabilidade.

"Xa temos ofertado 13.764 das 15.000 prazas de acceso libre que fixamos cos sindicatos para executar no período 2017-2020, polo que Galicia cumpriu o 92% do obxectivo un ano antes dos previsto", indicou.

Por último, lembrou tamén que se ofertan nove prazas para persoal funcionarial sanitario, que se concretan en prazas de inspector médico, inspector farmacéutico, inspector farmacéutico de saúde pública, subinspector sanitario e ATS/DUE.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta