O BNG arrinca a súa precampaña coa "man tendida" para os "decepcionados"

Ana Pontón resta importancia ás enquisas: "Hai tres anos tamén dicían que o BNG non ía estar no Parlamento galego"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O BNG deu este domingo o "pistoletazo de saída" da súa "longa precampaña" para os próximos procesos electorais cun encontro con militantes e simpatizantes en Santiago de Compostela, onde o seu portavoz nacional, Ana Pontón, subliñou que o Bloque é unha organización "sólida e cohesionada" e que ten a "man tendida" para "todas as persoas decepcionadas co que está a pasar".

Así, Pontón destacou que o BNG ten un proxecto "cohesionado" no que os galegos "poden confiar" xa que saben que "hai unha coherencia, uns principios e unhas ideas democráticas detrás". "O 28 de abril é unha cita moi importante para os galegos. Hai moito en xogo. Moitas persoas van apostar por que Galicia recupere a súa voz propia en Madrid fronte ao desastre que están a deixar no país as forzas políticas estatais", declarou Pontón aos medios de comunicación.

Neste sentido, indicou que "moitos galegos están decepcionados con esta precampaña", na cal, segundo ela, "as forzas estatais parece que están nunha competición por ver quen ten máis bandeiras españolas ou quen ten a bandeira máis grande". "Nesa bandeira non están os problemas de Galicia. Non están as solucións para porlle freo á emigración xuvenil, para acabar coa precariedade, para as baixas pensións, xa que en Galicia temos as segundas máis baixas do Estado", criticou a portavoz nacionalista. Desta forma, Pontón sinalou que o BNG é un "freo de contención" fronte á "discriminación do Estado e a unha involución democrática". "Queremos ser a voz dos galegos e pór Galicia no mapa".

ENQUISAS

Preguntada sobre as enquisas electorais, que non todas elas auguran que o BNG entre no Congreso dos Deputados, Pontón restoulles importancia. "As enquisas levan fallando estrepitosamente nos últimos anos. Dixeron que non ía haber Brexit, que non ía gañar Trump, que ía gañar Susana Díaz. Tamén dixeron que o BNG non ía estar no Parlamento galego hai tres anos", argumentou Pontón.

A pesar de non dar cifras concretas sobre o aumento da militancia do grupo político, Ana Pontón asegurou que "hai unha corrente de simpatía" e que "moitas voces se están sumando ao BNG", polo que afrontarán as eleccións "con optimismo". A portavoz do Bloque indicou que o BNG demostrou que "con convicción, esperanza e facendo unha campaña en positivo" foi capaz de "tirar para adiante". "A enquisa que vale é a electoral", destacou, e engadiu que "non hai que ir votar nin con medo nin por un mal menor".

BNG arrinca a súa precampaña como unha organización 'sólida e cohesionada' e coa
BNG arrinca a súa precampaña como unha organización 'sólida e cohesionada' e coa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Xabrega

Hai que estar moi cegos pra non ver a cantidade de xente que reune o bloque en cada acto e a simpatía que esperta entre o electorado máis novo. Súmenlle os decepcionados cos experimentos varios da esquerda e verán porqué o bng sube nas enquisas e acadará representación (iso seguro).

2 Guillerme Gintonic

Son moitos os decepcionados, pero decepcionados co BNG

1 Gon Than

Volveuche facer mal o Gin (supoño que o tonic non) Guillerme, e mira que aínda tiveras algún acerto ultimamente.

1 Caneda

Decepcionados vai a haber moitos o luns seguinte ás eleccións xerais despois de que o BNG se volva a esfuciñar tras unha campaña cos vividores dos seus lideres vendendo o fumo de que "el bloque va a volver". Pero esta liberada eterna non dimitirá malia levar ao BNG aos seus piores resultados desde 1989.

1 Martinho das Calzas

Con quen non imos estar decepcionados é con unidas-podemos, con podemos-unidas-en marea, con enmarea-unidas-podemos, con enmarea-podemos-unidas, con unidas-enmarea-podemos,... todo alegrías e boas novas para o país... xa se viu!! que siga a festa!!

2 Desfeita

Se mesturas En Marea con Unidas Podemos, non te laies de que alguén confunda o BNG con Andecha Astur.

3 Sentidiño

Desfeita: "En Común-Unidas Podemos (Podemos-EU-Mareas en Común-Equo) é a denominación da coalición que encabezan en Galicia os deputados na última lexislatura Yolanda Díaz --Pontevedra-- e Antón Gómez-Reino"

4 Desfeita

Sentidiño: Obrigado por contarme o que xa sei. Quizá serva para que outros se enteiren. Na denominación da súa candidatura, Unidas Podemos introduciu "Mareas en común" (non "En Marea", como dicía o comentario ao que respondin) para confundir e tentar obter os previlexios de ser considerados herdeiros de En Marea.