Científicos galegos revolucionan a investigación da quimioterapia en cancro de mama

Atopan un biomarcador que predí a resposta ao tratamento do cancro. Permitirá tamén identificar con máis precisión ás pacientes que poidan recaer na enfermidade, para dirixilas a outras terapias.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 02/04/2019 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) descubriron un biomarcador epixenético que predí a resposta ao tratamento de quimioterapia en cancro de mama tripla negativo, caracterizado pola súa elevada agresividade e mal prognóstico, que presenta unha alta incidencia e supón un 15% do total de casos diagnosticados de cancro de mama.

Investigadores galegos achan un biomarcador que predí a resposta ao tratam. IDIS
Investigadores galegos achan un biomarcador que predí a resposta ao tratam. IDIS | Fonte: Europa Press

O traballo foi publicado na revista Clinical Epigenetics e asinado como co-primeiro autor por Ángel Díaz-Lagares, o co-director da Unidade de Epixenómica do IDIS e membro do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional.

Nel descríbese o descubrimento dunha firma xenética formada por dous xens que permite identificar a pacientes con cancro de mama tripla negativo que van responder de forma favorable ao tratamento con quimioterapia neoadxuvante (antes de realizar a cirurxía do tumor), segundo explicou o IDIS nun comunicado.

Ademais, permitirá identificar con maior precisión ás pacientes que poden recaer tras o tratamento, podendo así dirixilas a terapias potencialmente "máis adecuadas" ou en fase de desenvolvemento en ensaios clínicos.

15% DOS CASOS

Tal como lembrou o IDIS, o cancro de mama tripla negativo representa aproximadamente o 15% de todos os casos diagnosticados deste tipo de patoloxía. Recibe este nome porque carece de tres moléculas ou receptores, que adoitan estar presentes noutros subtipos de tumores de mama.

"O cancro de mama tripla negativo non se pode tratar con terapias dirixidas contra estes receptores e hai que tratalos con quimioterapia. Cando é posible este tipo de tratamento, adóitase administrar de maneira neoadxuvante, é dicir, con anterioridade a realizar a cirurxía do tumor", explicou o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Neste estudo participaron 54 pacientes diagnosticadas con cancro de mama tripla negativo, das cales se obtiveron mostras tumorais mediante unha biopsia do tumor, procedemento que se utiliza de forma rutineira para o diagnóstico da enfermidade. A partir desas mostras, obtívose o ADN, onde se analizaron en múltiples xenes os niveis de metilación do ADN, que é unha das principais marcas epigenéticas.

"Estas marcas controlan o funcionamento dos nosos xenes actuando como interruptores capaces de acender ou apagar os nosos xenes", destacou Ángel Díaz-Lagares, que explicou que "poden condicionar o desenvolvemento do cancro e ser útiles como biomarcadores da correcta resposta á terapia".

Este descubrimento deu lugar á xeración dunha patente como método para predicir a resposta á quimioterapia en cancro de mama tripla negativo. Con todo, o IDIS subliñou que este traballo foi realizado nun número "limitado" de pacientes, "polo que sería conveniente ampliar o estudo con máis individuos para confirmar os resultados obtidos".

"Sería interesante tamén nun futuro poder estender o estudo desta firma epigenética á análise do ADN que circula no sangue, que se denomina biopsia líquida, para comprobar se é posible predicir de maneira non invasiva cunha análise de sangue a resposta ao tratamento quimioterápico neste tipo de tumor", sentenciou Díaz-Lagares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta