Noruega volve dicir non... de momento

A sentenza do Tribunal de Apelación noruegués nega que o estado escandinavo teña que abonar ningún tipo de pensión de retiro aos mariñeiros españois que traballaron na mercante dese país.Non obstante, a plataforma Long Hope anunciou que acudirán ao Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo se é necesario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Tribunal de Apelación de Noruega con data de sete de marzo de 2019, pronunciouse sobre o recurso presentado por mariñeiros españois reclamando o dereito a pensión de retiro por teren traballado na mercante norueguesa. Finalmente o fallo do Tribunal deixa absolto ao estado noruegués, concretamente ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, ante as demandas dos cidadáns españois. Por outra banda, o mesmo tribunal ordena que a parte demandante pague os custos do xuízo cifrados en 87.000 coroas norueguesas, algo máis de 9.000 euros.

Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega
Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega | Fonte: Long Hope

A cuestión é que tanto os mariñeiros como a súa representación legal non desisten. O pasado 8 de abril presentaron diante do Tribunal Supremo de Noruega un recurso contra esta última sentenza. A base xurídica para este novo recurso é que “o Tribunal de Apelación concluiu que a aplicación da lei desde o Tribunal de Apelacións da Seguridade Social (norueguesa) dentro do seu fallo é correcta, aínda que, en parte, expoña outra xustificación”. De teren outra resolución negativa, os mariñeiros españois, moitos deles galegos, recorrerán ao Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

A SENTENZA

Lonxe de querer estudar toda a sentenza, brevemente exponse que a orixe deste último xuízo está na reclamación de pensións de retiro para mariñeiros que traballaron na mariña mercante de Noruega ata o ano 1994, cando este país asinou o acordo do Espazo Económico Europeo (EEE) que o obrigaba a recoñer os mesmos dereitos laborais e por tanto, de retiro, aos cidadáns tanto da Unión Europea como dos outros países europeos asinantes.

A mesma sentenza pon en antecedentes o caso, citando a creación do sistema de Seguridade Social en Noruega nos anos 50 do século XX. Logo menciona a reforma de 1966 para acoller a colectivos que residían fóra de Noruega: “cidadáns noruegueses que traballaban en buques noruegueses pero non residían en Noruega”. Os mariñeiros estranxeiros quedarían fóra de cobertura para a pensión polos “problemas prácticos” que implicaría introducir os tripulantes estranxeiros no sistema de Seguridade Social. 

Xuízo de Long Hope en Noruega. CEDIDA
Xuízo de Long Hope en Noruega. CEDIDA | Fonte: Long Hope

Por outra parte, as reclamacións fixéronse tamén en base ao posible incumprimento por parte norueguesa das convencións e tratados internacionais sobre dereitos humanos e sobre os dereitos de traballadores estranxeiros noutros países. Neste caso, o Tribunal de Apelación lembra que a Carta Europea de Dereitos Humanos, CEDH, tería prevalencia sobre a lexislación de Noruega e que será o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, en Estrasburgo, o que aplicaría a Convención Europea. Non obstante, no documento que elabora o Tribunal de Apelación en Oslo, dise que cada país ten o suficiente coñecemento da súa sociedade para aplicar o sistema de Seguridade Social que mellor lle conveña.

A sentenza sinala tamén que o Tribunal de Segunda Instancia en Noruega, apuntaba con anterioridade á anterior sentenza, que os mariñeiros españois “probablemente foron conscientes de que non recibirían pensión de Noruega”. Isto en base á lexislación internacional e en base á interpretación que fai da mesma o tribunal escandinavo. Para xustificaren o seu fallo, botan man de diversas sentenzas de diferentes países semellantes á do Tribunal de Apelación de Oslo. Tamén sinala que o vínculo que poderían ter estes mariñeiros con Noruega era moi débil con respecto aos nacionais ou cos residentes.

O artigo 98 da Constitución de Noruega di que ninguén debe ser discriminado de maneira irrazonable ou desproporcionada. O Tribunal de Apelación conclúe que “tal e como o presente caso se presenta, non hai nada que indique que os demandantes teñan maiores dereitos en virtude ao artigo 98 da Constitución".  O Tribunal de Segunda Instancia considera que a prohibición de discriminación no  art. 98 da Constitución non se infrinxiu. "Os demandantes non foron obxecto de discriminación en virtude ao  art. 98 da Constitución”. Por último, o Estado noruegués queda absolto e os demandantes deberán pagar os custos do xuízo.

RECURSO E VALORACIÓN

A sentenza non quita que os demandantes recorran agora ao Tribunal Supremo noruegués. Logo dunha análise do documento emitido polo Tribunal de Apelación, os representantes legais dos mariñeiros españois, alegan para recorrer que:
“1.As resolucións do Tribunal de Apelacións do Seguro Nacional  de 10.11.17 no caso 17/02851, caso 17/02854 e caso 17/02860 son inválidas.
2.O Estado a través do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é xulgado a pagar os custos procesuais no Tribunal de Segunda Instancia e no Tribunal Supremo das partes  apelantes e  coadxuvantes”.

Xosé Manuel Carril Vázquez, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña sinala que a sentenza é “unha argumentación xurídica que está ao servizo única e exclusivamente dos intereses do Estado de Noruega, na medida en que non se xulgou coa  rectitude e imparcialidade debidas”. Por outra banda, Carril sinala ademais que “Noruega tiña que informar expresamente a todos e a cada un dos mariñeiros que os postos de traballo non implicaban protección de seguridade social (para que, con toda a información dispoñible, os mariñeiros puidesen elixir con pleno coñecemento), pero, como recoñece o propio Tribunal de Apelación, é algo que Noruega non fixo”.

Sobre a interpretación de “relación débil” co estado noruegués destes mariñeiros, Carril apunta “si había expectativas lexítimas porque os nosos demandantes xa eran parcialmente membros da Seguridade Social de Noruega”. E un dos últimos puntos, a existencia de discriminación entre noruegueses e estranxeiros si existía. “Si hai diferenza de trato e si hai situacións comparables: a comparación soamente é cos nacionais noruegueses que traballaban a bordo de buques noruegueses e non tiñan residencia en Noruega”.

Finalmente, os mariñeiros que reclamaron o seu dereito a pensión en Noruega e por tanto o dereito a cobrala, ante esta nova sentenza desfavorable enviaron un comunicado onde expoñen a súa disposición a recorrer ao TEDH en Estrasburgo para reclamar a pensión por anos traballados no país nórdico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta