Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 14:06
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, manifestou este xoves que "non está previsto" que se converta o Servizo Galego de Saúde "nun laboratorio fabricante" de medicamentos fronte ás situacións de desabastecemento de fármacos.
Así o sinalou en resposta a unha pregunta da deputada de En Marea Eva Solla en comisión parlamentaria sobre as medidas e xestións levadas a cabo polo Goberno galego en relación co desabastecemento e dificultades de subministración de determinados medicamentos a oficinas de farmacia.
"Non coñecemos ningún país do mundo que o faga", explicou o xerente do Sergas en relación á formulación de Eva Solla sobre a "necesidade de retomar o debate de produción pública de medicamentos". "Deberíase de estudar", reivindicou porque, advertiu sobre cuestións de desabastecemento, que "hai un problema que se está cronificando".
Neste sentido, a parlamentaria de En Marea cre "imprescindible debater" porque "cada vez hai máis desabastecemento". "Non entendemos como podendo producir fórmulas maxistrais, ter produción interna, hai un rexeitamento a debater esta cuestión", abundou Eva Solla.
Para o xerente do Sergas "non é un tema sinxelo" polo que, en canto á "fabricación" en centros propios do Servizo Galego de Saúde (Sergas) reiterou que "non existe ningún" na actualidade noutro país "que se dedique á fabricación masiva de medicamentos".
VIXILANCIA E CONTROL
Campa lembrou que as competencias da Comunidade galega céntranse en labores de "control, información e vixilancia" sobre medicamentos, xa que as actuacións fronte ao desabastecemento de fármacos compete á Axencia Española do Medicamento.
"Cónstanos que (a Axencia) traballa en plans de garantías de abastecemento", afirmou o xerente do Sergas, para incidir en que Galicia realiza "tarefas de control" para "detectar e comunicar" incidencias sobre posibles casos de desabastecemento.
Con todo, o xerente do Sergas resaltou que Galicia, ademais de en labores de control e información sobre a situación de abastecemento de fármacos, traballa en "actuacións de vixilancia na distribución de medicamentos e sancionar tráfico inverso de medicamentos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.