Os espazos urbanos preservan mellor que os rurais o equilibrio entre galego e castelán, segundo a Física

Un equipo de catro físicos aplicou un modelo matemático que analiza a velocidade coa que varía o número de falantes de galego e castelán en Galicia desde hai un século.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

Os espazos urbanos galegos preservan mellor que os rurais o equilibrio no número de falantes de dúas linguas, segundo determinou un equipo de catro físicos, tres deles da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Físicos que participaron no estudo
Físicos que participaron no estudo | Fonte: Europa Press

Mariamo Mussa e Alberto Pérez Muñuzuri, da área de Física da Materia Condensada e da agrupación estratéxica CRETUS da USC; Luís F. Seoane, da Universitat Pompeu Fabra e do IFISC-CSIC de Mallorca, e Jorge Mira, do departamento de Física Aplicada e da agrupación AeMAT da USC, presentaron o estudo nun artigo publicado este xoves en 'Nature Communications'.

Os catro físicos aplicaron un modelo matemático que analiza a velocidade coa que varía o número de falantes de galego e castelán en Galicia desde hai un século.

O estudo divide Galicia en 20 áreas xeográficas e compara como é a velocidade de variación, en función do grao de urbanización de cada zona. Unha variación que "non implica necesariamente unha perda de falantes de galego", aclaran os investigadores.

En base a unha serie de ecuacións, o equipo retrata a evolución do número de falantes de galego e castelán e das persoas bilingües.

Como conclusión, determinan que "en Vigo e A Coruña, as dúas maiores cidades galegas, a velocidade dese cambio prodúcese máis lentamente que en zonas rurais de, por exemplo, Ourense ou Lugo".

Na súa opinión, esta evidencia experimental "mostra que o efecto globalizador da contorna urbana, lonxe de inducir a unha hipotética e teórica homoxenización, pode ter o efecto contrario".

En paralelo, o estudo deste equipo de físicos identifica a existencia doutro mecanismo por enriba da dinámica interna dos núcleos individuais de poboación e que se basea nas relacións entre as diferentes zonas do territorio.

Deste xeito, os investigadores miden o grao de conexión entre núcleos de poboación de grandes masas humanas a nivel xeral e conclúen que "as diferentes zonas de Galicia están bastante desconectadas unhas das outras". Os autores estiman que os mecanismos de globalización, "interno e global", operan "de forma distinta e poden competir entre si".

Galicia, sosteñen, debido á súa realidade lingüística e a súa distribución demográfica convértese nun "laboratorio social de enorme importancia", ao conter máis da metade dos núcleos de poboación de España.

Os científicos sinalan, a modo de exemplo, a particular distribución territorial de Galicia porque "ofrece moitas configuracións de poboación que van desde aldeas de menos de dez residentes ata grandes concentracións urbanas con centos de miles de habitantes", como as áreas de Vigo e A Coruña.

Ademais das tendencias constatadas no estudo, o equipo propón estratexias para desacelerar as dinámicas lingüísticas. Entre elas, expoñen "aumentar a influencia dos nodos rurais nos urbanos".

"Se os principais nodos de poboación estivesen máis conectados coa súa contorna, a rapidez do cambio lingüístico do rural retardaríase", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Mimá, físicos metidos a sociolingüistas, o que hai que facer para chupar cámara...