A Xunta, a grande ausente na loita contra as velutinas

Representantes das asociacións de apicultores cren que o protocolo vixente é insuficiente e reclaman unha renovación do mesmo. O investigador Xesús Feás considera que é indispensable aumentar a formación dos traballadores que retiran niños de velutina. Tamén se reclaman máis datos para actuar con maior precisión.

Por Brais Nogueira | Santiago de Compostela | 12/04/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Desde hai uns anos, o maior perigo para o sector apícola ten nome propio: vespa velutina. É considerada unha ameaza pola perda de competitividade que supón a nivel económico e leva incluso mortes humanas ás súas costas. Dende a Xunta de Galicia aprobouse un protocolo que as asociacións consideran insuficiente por non ser efectivo.

Vespa Velutina
Vespa Velutina | Fonte: ANECPLA

Xesús Asorey, membro da Asociación Galega de Apicultores (AGA), e unha referencia no coñecemento deste campo, opina que o problema fundamental é “que non se recollen datos” e polo tanto as referencias coas que se traballan son cifras estranxeiras. “Segundo Portugal, quitar cada niño custa 100 euros; se o ano pasado, como di a administración, foron eliminados 25.000 niños, o gasto público chega aos dous millóns de euros”, exemplifica.

O investigador Xesús Feás, do Departamento de Química Órgánica da Facultade de Ciencias no campus de Lugo, tampouco está satisfeito coa implicación da Administración neste asunto. Chega a denunciar incluso as condicións de traballo que viven os bombeiros. “Fai falta un traxe novo, porque o que existe é dunha marca comercial e é inviable traballar en verán con el” e “a seguridade dos traballadores é importante”.

Opina que por un “déficit de formación” non se toman as precaucións adecuadas. “Eu vin bombeiros aos que lle metían veleno nos ollos por non protexelos”, lembra. Tamén se queixa de que “a ningún dos traballadores se lles fixo ningunha proba de alerxia”, ao sinalar que publicacións científicas desvelaron casos de persoas non alérxicas ás abellas que si o son ás velutinas.

UN PROTOCOLO QUE NON FUNCIONA

Unha das formas de loita máis utilizadas contra a velutina é o trampeo primaveral. En Galicia, a Consellería de Medio Rural distribúe as trampas entre os apicultores directamente. Noutros lugares do Estado como Cantabria, existe un orzamento a dispor dos concellos que sexan afectados por esta problemática. “Deste xeito, todo é moito máis efectivo e produtivo”, sinala Asorey. O protocolo vixente adoita cumprirse, pero “é necesario cambialo”, continúa.

Vespa velutina
Vespa velutina | Fonte: CARLES LOPEZ BUSTINS

Para o membro da AGA, o trampeo é unha ferramenta válida pero, de novo, considera insuficiente a xestión da Xunta neste asunto: “Non existen unhas directrices claras de como utilizalas. O único que se nos di é que máis ou menos unha trampa mata velutinas nun radio de 300 metros”, laméntase. Para el, estes son uns datos insuficientes. “Deste xeito, é como intentar baleirar o Océano Atlántico a caldeiros”, quéixase.

IMPOSIBLE SEN A AXUDA DA ADMINISTRACIÓN

Román Cid, membro da Asociación Abellas Nais, unha agrupación orientada á profesionalización dos seus membros dentro do sector, ve que o máis necesario neste asunto é “protexer a abella autóctona de especies invasoras”. Respecto ás vías para solucionalo, é contundente: “Se a ciencia non o soluciona, estamos daquela maneira, pero se non se implica a Administración estamos fodidos”.

Asorey indica que a Xunta ten “alerxia” a reunirse cos afectados. Porque “incumpre o seu protocolo no punto de incluírnos na comisión de investigación a pesar dos nosos intentos de entrar”.

Para Antonio Crespo, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias Galicia, o importante é que todos os damnificados estean xuntos para estar en disposición de reclamar cousas. “Sexa da cor que sexa, un Goberno no pode dar as costas a un sector unido”, insiste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta