Luís Villares reivindica a defensa de Alcoa e responsabiliza ao PP e ao PSOE da "morte industrial da Mariña"

Propón unha reforma "integral" do sector eléctrico que permita abaratar os prezos da luz e a viabilidade das electrointensivas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2019 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou este sábado a defensa de Alcoa e asegurou que a súa organización política "traballará para que as factorías da compañía continúen funcionando e mantendo a totalidade dos postos de traballo", fronte ao Partido Popular e Partido Socialista, aos que ha responsabilidade da "morte da Mariña" lucense.

Neste sentido, nun acto na localidade lucense de Viveiro, Villares denunciou a "nefasta xestión" do PP e do PSOE que, ao seu xuízo, durante anos "priorizaron os intereses persoais en detrimento de toda a cidadanía".

"Estamos aquí para defender Alcoa, para defender a industria e a todos os cidadáns da estafa da luz. Votar a En Marea é votar futuro, é votar polo fin das estafas. Votar polo PP, igual que polo PSOE, é votar pola morte industrial da Mariña de Lugo", asegurou Villares, segundo recolle En Marea nun comunicado.

No evento, onde tamén estiveron presentes as candidatas para o Congreso e o Senado Cristina Pérez Herraiz, Vitoria Esteban e Manuel Germade, o portavoz de En Marea animou ao expresidente Mariano Rajoy (que participou este mesmo sábado nun acto electoral do PP) a dar explicacións sobre a situación da Mariña.

"É unha boa oportunidade para pedirlle contas a quen é responsable dun dos maiores desastres que se están producindo na Mariña nestes momentos. En relación ao tren, A Mariña perdeu unha oportunidade de futuro, por non contar cunha aposta desde o Estado durante os anos nos que Rajoy foi presidente. Que o explique", subliñou Villares.

ESTAFA POLÍTICA

Así mesmo, engadiu que a posibilidade de peche de Alcoa é "consecuencia dunha estafa política e dun caso de corrupción institucional promovido polo propio Mariano Rajoy e polo Goberno do Partido Popular", indicou Villares. Ademais, destacou que En Marea se sitúa á beira da cidadanía, "fronte aos que apostan polas portas giratorias".

"Desde En Marea propomos unha reforma integral do sector eléctrico que permita abaratar os prezos da luz e que supoña a viabilidade das empresas electrointensivas como Alcoa. Pero tamén o final da estafa mensual que os recibos da luz supoñan para todos os fogares", afirmou o portavoz.

A aposta de En Marea pasa tamén por garantir que todas as empresas electrointensivas que reciban subvencións teñan a obrigación de investir na modernización das súas instalacións e garantir os postos de traballo, así como prohibir as chamadas portas giratorias "como medida esencial de hixiene democrática, para que persoas como Felipe González, José María Aznar, e quen sabe se pronto tamén Mariano Rajoy non acaben nas empresas eléctricas que se benefician desta estafa cidadá".

Luís Villares reivindica a defensa de Alcoa 'fronte aos que permiten a morte industrial da Mariña'. EN MAREA
Luís Villares reivindica a defensa de Alcoa 'fronte aos que permiten a morte industrial da Mariña'. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta