Arquivada a investigación por suposta prevaricación aberta a concelleiras de Sarria

A xuíza chamara a declarar a varios concelleiros de Sarria por un acordo de pleno de 2016, polo que fixaron a retribución dunha traballadora municipal, a quen unha sentenza recoñeceu posteriormente unha suba salarial.

Por E.P. | LUGO | 16/04/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Sarria decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións nas que se investigaba varios concelleiros deste municipio lucense por un posible delito de prevaricación administrativa, por rexeitar nun pleno a subida de soldo proposta para a directora do Centro Municipal de Atención á Muller.

A xuíza explica no auto que non resultou "debidamente acreditada" a comisión dos delitos inicialmente denunciados polo Ministerio Fiscal, quen tamén solicitou o sobresemento da causa tras analizar as probas documentais, as declaracións dos investigados e o contido da sentenza do Xulgado do Social número 3 de Lugo, que condena ao Concello de Sarria a abonar á traballadora municipal as retribucións correspondentes a un funcionario interino da súa categoría.

"Non pode apreciarse, de conformidade coa proba practicada, no proceder dos investigados ningún comportamento doloso", sinala a xuíza, quen destaca que a sentenza do Xulgado do Social non determina "a cantidade concreta do complemento específico, sendo necesaria a súa fixación polo Concello", polo que entende "razoables" as discrepancias manifestadas polos investigados.

A xuíza chamara a declarar a varios concelleiros do Concello de Sarria por un acordo de pleno de 2016, no que fixaron a retribución dunha traballadora municipal, á cal unha sentenza recoñeceu posteriormente unha subida salarial e o cobro de atrasos de cinco anos.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta