Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/12/2011 | Actualizada ás 15:24
"Hai moita xente dentro do BNG que non pertence a ningunha corrente. Eu mesmo, por exemplo. Ás veces teño que dicir cousas que son obvias". Guillerme Váquez, actual voceiro nacionalista, dixo este venres o que é unha realidade no BNG; que hai moitos militantes que non son afiliados ou integrantes de ningún dos grandes colectivos e partidos do BNG -UPG, Máis Galiza e Encontro Irmandiño--, nin tampouco dos pequenos como MGS ou PNG-PG, entre outros.
E o dixo para respostar a unha pregunta moi concreta: "fala vostede de que a asemblea será un proceso democrático e libre e que a decisión última a tomarán os afiliados. Entón, está de acordo coa proposta de EI e Máis Galiza de crear unha comisión organizadora da asemblea na que participen todos os colectivos?".
"Decidiremos todos democráticamente, sen apriorismos e as opinións dos demais son libres. Cada quen fará propostas e sairán aprobadas ou non. Cada un pode mirar as cousas como as queira ver. Pero hai unha afirmación que está aí e é que o conxunto da militancia decidirá", dixo para acto seguido puntualizar que hai moitos integrantes do BNG que son "independentes". Moitos destes "independentes", como o propio Vázquez, concurriron na pasada asemblea en distintas listas promovidas polas principais correntes do BNG.
Membros de todas as correntes
Nos últimos días, EI e Encontro Irmandiño chegaron a un acordo para crear unha comisión organizadora do proceso asembleario. Este órgano garantiría "a limpeza" do proceso, e terá "capacidade de dar instrucións" aos servizos administrativos do BNG. Estaría integrado por membros do Consello Nacional e a Executiva e tería membros de todas as correntes.
Segundo fontes da dirección consultadas por GC, tanto a UPG coma Guillerme Vázquez e Montse Prado puxeron "peros" a esta proposta cando foi debatida nos órganos de dirección. Sen embargo, Francisco Rodríguez, líder da UPG, non se opuxo abertamente a apoiala no Consello Nacional deste sábado. En todo caso, e tal e como puntualizou Guillerme Vázquez, este punto será debatido e ratificado ou non nesa xuntanza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.