Radiografía do futuro e as perspectivas laborais dun opositor en Galicia

As oposicións son un sistema de acceso a un posto de traballo que pode resultar para toda a vida laboral da persoa que acceda. Miles de persoas preparan os temas para superar as probras que lles permita entrar nunha praza de sanidade, servizos de mantenemento, educación, lexislación, facenda etc.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A perspectiva dun futuro laboral incerto é unha das razóns máis poderosas para que unha persoa decida presentarse ás probas de acceso ao sistema público tanto administrativo, educativo, xudicial, etc. Tamén persoas cunha preparación académica específica que buscan exercer determinadas responsabilidades desde unha posición consolidada como pode ser xuíces, ou funcionariado de categoría A.

Oposicións para a Xunta en Silleda
Oposicións para a Xunta en Silleda | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

As Ofertas Públicas de Emprego (OPE), teñen un camiño previo que maioritariamente necesitan dun percorrido que, para algúns e algunhas, é frustrante pois hai casos para os que a preparación do exame precisa de moito tempo, unha dedicación exclusiva e sobre todo moito autocontrol e autodisciplina. Mais tamén hai factores como estar traballando ou non, ter carga familiar ou non e outros puntos que condicionan fortemente a tarefa de poder estudar os temarios.

UNHA VISIÓN XERAL

A convocatoria e os temas que se escollen para a mesma dependen de quen convoca as probas” di Antonio Sánchez preparador dunha das academias en Santiago de Compostela que máis opositores reúne. “Cada consellería e departamento ten os seus criterios para a selección de temas e tipos de exame, en calquera caso, serían cuestións relacionadas directamente cos Recursos Humanos,mais en todo caso son criterios que se descoñecen” di Sánchez.

A periodicidade ou as datas de convocatoria son un elemento tamén decisivo no caso de querer presentarse a unha destas probas. A maioría de convocatorias non teñen unhas datas ou épocas relativamente fixas para seren convocadas. “As únicas que poden ter unha certa regularidade nas súas convocatorias serían as probas para Educación, as oposicións para Ensino que vai haber agora en xuño de 2019, o anuncio fíxose en outubro novembro”. A convocatoria destas oposicións á ensino faise normalmente despois da Semana Santa e os exames ou probas son habitualmente sobre as datas do San Xoán. “Co resto das oposicións as datas son aleatorias e non hai un calendario unívoco de probas” sinala Sánchez.

Con todo, hai quen é suspicaz e considera que moitas probas de acceso á función pública son convocadas por intereses determinados. “Máis ou menos intúo que cando se convocan oposicións, hai unha data electoral cerca, aí é cando seguramente xa teñamos datas de exames e todo” di Carlos, un traballador nuns grandes almacéns que prepara oposicións precisamente para Educación. É isto así? As convocatorias poden ser unha maneira de mellorar a posición dun partido ou executivo concreto diante da sociedade e potenciais votantes? Hai épocas específicas para convocar as oposicións que non sexan as de Educación? “Sinceramente non, houbos anos en que as OPE foron anunciados a final de ano, outros en que se anuncian ao comezo, pero normalmente non hai criterio fixo” afirma Antonio Sánchez.

OPOSITORES E OPOSITORAS

Quen se presenta ás oposicións? Existe un perfil de opositor ou opositora? “O ideal sería unha persoa con tempo para preparalas, pero depende tamén do nivel ao que quere optar, canto máis alto pois máis esixe, os niveis máis altos piden que unha persoa teña cargas laborais as mínimas e o mesmo con cargas familiares, a maior esixencia, menos cargas se poderían ter”.

“No meu caso as oposicións son para buscar un plan B de cara o mercado laboral” di Marta, que está preparando oposicións a secundaria. Preguntada sobre cuestións que lle dificultan prepararse adecuadamente responde que “falta de motivación e ver que é un sistema inxusto porque nos meten no mesmo saco aos que teñen experiencia e as persoas que non, e para valorar a experiencia a uns prexudican as persoas que se licenciaron hai pouco”.

Julio, traballador do sector editorial, explica os seus motivos para presentarse a oposicións como que “é o traballo que me interesa, gústame dar aulas, gústame a función pública, non quero traballar na empresa privada por cuestións persoais e porque consideron que son unha persoa acaída para ese traballo e porque me gusta”.

Por outra banda, tamén se debera ter en conta a que tipo de proba se presenta unha persoa, concurso oposición e libre acceso, pois non é estraño que haxa confusión entre as dúas. “O concurso oposición ten como característica básica que computa o tempo traballado nun posto de traballo igual ou da área á praza que se quere acceder, mentres a de acceso libre, a persoa vai ás probas, saca unha nota e esa nota colócaa nunha listaxe en mellor ou peor posición para ter praza” explica Sánchez.

DATAS LÍMITE, SON AS IDÓNEAS?

Existe tamén un momento idóneo para preparar oposicións? “Todo o mundo quere comezar no mellor momento, e ninguén sabe cando” di Antonio Sánchez, mais a cuestión tamén depende de calendarios. “Se vas a unhas probas como son as de ensino, que teñen máis regularidade, é doado, empeza en función do tempo que teñas sabendo que os exames son en xuño, así que podes comezar en setembro”. As de secundaria pola súa parte, son máis difíciles de preparar, por iso se pode comezar a preparar desde setembro e que o obxectivo sexa o xuño de dous anos despois, por exemplo, comezar a preparar en 2019 e presentarse ás probas de 2021. Isto sobre ensino, sobre outro tipo de oposicións, a recomendación é preparar todo un ano antes da celebración dos exames.

Existe tempo suficiente para prepararse entre as datas de anuncio e as datas das probas? Para Julio está claro que “non, pero porque creo que todo o sistema de oposicións está mal preparado neste país, porque non se debera facer cadrando co final do curso, contrarreloxo e obrigando a tribunais pequenos unha cantidade inxente de exames”. Para este opositor a acumulación de feitos como son a repetición de temas, a corrección con plantillas e outros elementos fan que se acumule “moitísmo estrés e é todo moi aleatorio, inxusto e opaco, as plantillas de corrección non son xustas e nada transparentes”.

Sobre se é recomendable prepararse un mesmo, sen titorías, hai xente que prefire esta vía. “Estou convencido de que a mellor preparación é a que fai un mesmo, pero se o vas facer así, en vez dun ano de preparación pode levarche cinco anos” responde Sánchez. Todo por xuntarse coñecer o panorama, a selección de exames, as estratexias para responder tests e casos prácticos, leva tempo, por iso recomendan a primeira vez a orientación e titorías. Non obstante, outra recomendación é que se alguén quere presentarse a oposicións é ter horarios realistas en función das súas capacidades para poder estudar.

Marta sobre este punto responde que para ella “o ideal sería dedicarlle seis ou oito horas por día, mais eu  non o podo facer porque ao mesmo tempo estou traballando e cando volvo para casa, estou moi cansa para estudar”. Ademais diso engade que “eu comecei tarde a preparación, mais quen xa leva tempo seguramente comezou ao mesmo tempo que comezaba o curso académico, mais aínda así non vexo que sexa tempo dabondo”. “Eu son partidario de preparalo por un mesmo, mais así non se sacan, é difícil porque finalmente as academias e xente que prepara opositores son xente que teñen contactos e que estiveron en tribunais que che ensinan a facer os exames como queren os tribunais” di Julio.

En tal caso, as oposicións son o recurso que moitas persoas queren recorrer para asegurar un posto de traballo con estilidade, fronte ao inseguro mercado laboral do ámbito privado. Mais con todo, se houbese necesidade de cambios neste tipo de probas só o futuro pode dicilo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta