Monedero chama á mobilización o vindeiro domingo para evitar que os "camiñantes brancos" gobernen España

Teorizou sobre os perigos da extrema dereita nun mitin na Facultade de Políticas da USC.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O profesor universitario e cofundador de Podemos Juan Carlos Monedero chamou á mobilización o vindeiro domingo para evitar que España sexa gobernada por "os camiñantes brancos", en referencia aos personaxes da serie televisiva Xogo de Tronos.

Por segunda vez esta semana, Monedero arroupou aos candidatos de En Común Unidas Podemos. Fíxoo este venres, último día da campaña, nun mitin celebrado na Facultade de Ciencias Políticas, onde o profesor exhortou a "parar o golpe de estado brando" que, di, impoñen os poderes económicos desde o estalido da crise e que converten estas xerais nunhas eleccións de carácter "constituínte".

Ante un auditorio conformado por 200 persoas, a maior parte delas estudantes de Ciencias Políticas, ámbito no que desempeña o seu labor docente, Monedero falou durante case unha hora na que converteu o mitin nunha das súas clases da Complutense.

O cofundador de Podemos, apartado desde hai anos da vida orgánica do partido, teorizou coa "acción - reacción" que se produciu ao longo da historia entre unha "revolución da esquerda" e a posterior "reacción da dereita".

Unha realidade que considera que se está producindo nestes momentos "co auxe da extrema dereita" despois da "impugnación aos alicerces do Estado" que provocou o 15M tras a crise económica de 2008. "Cando o capitalismo está en crise, o plan B sempre é o fascismo", aseverou.

Yolanda Díaz, Monedero e Antón Gómez-Reino
Yolanda Díaz, Monedero e Antón Gómez-Reino | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta