En liberdade o home que apuñalou a outro que lle vendeu cocaína falsa coa condición de que se desintoxique

Rebaixan a pena de prisión a catro anos e tres meses por delito de asasinato en grao de tentativa

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

O home acusado de delito de asasinato en grao de tentativa, por propinarlle varias puñaladas a outro individuo que lle vendeu cocaína falsa na Pobra do Caramiñal (A Coruña) en 2018, foi condenado a unha pena de prisión de 4 anos e 3 meses, aínda que quedará en liberdade condicionada a que acuda ao programa de desintoxicación e non volva delinquir durante un período de cinco anos.

Na vista xudicial celebrada este xoves na sección sexta da Audiencia Provincial en Santiago, a Defensa alcanzou un acordo coa Fiscalía polo que se rebaixa a pena inicial solicitada de 9 anos de prisión a 4 anos e 3 meses por tentativa asasinato.

Para esta redución, aplícanse dúas atenuantes, a drogadicción que sufría o acusado, con dependencia de cocaína durante "varios anos" e a reparación de danos, ao abonar xa á vítima a cantidade de 5.000 euros que a Fiscalía lle solicitaba en concepto de indemnización. O avogado defensor, Diego Reboredo, explicou ao termo da vista que a petición de condena por delito de asasinato en tentativa rebaixouse ao repararse " o dano, indemnizando ao prexudicado, e ao acreditarse unha toxicomanía".

"A toxicomanía xa se daba no feito, porque había unha transacción de droga, que estaba moi adulterada, e o meu cliente que é adicto a esa sustancia reaccionou como reaccionou, polo que cremos que está acreditada a dependencia que esta persoa tiña", explicou. Ademais da pena imposta, que se rebaixou a 4 anos e 3 meses de prisión, prohíbeselle achegarse ou comunicarse coa vítima a menos de 300 metros durante este período.

O tribunal tamén acordou a suspensión desta pena privativa de liberdade coa condición de que o acusado acuda ao programa de tratamento de desintoxicación e non volva delinquir durante cinco anos.

O acusado, D.S.O. xa comezara a acudir a tratamento para a súa dependencia á cocaína en prisión e agora terá que continuar co programa nun centro, que remitirá informes mensuais.No caso de que haxa un resultado positivo en tóxicos ou se ausente das citas programadas poderíaselle revogar a liberdade e tería que cumprir a pena de prisión imposta.

FEITOS

Os feitos producíronse o 8 de abril de 2018, preto do nove da noite na Pobra do Caramiñal. O acusado, D.S.O., déralle 15 euros á vítima a cambio do que cría que era cocaína. Tras darse conta de que a sustancia non se trataba desta droga, regresou a por o vendedor á rúa Gavoteira, abordándolle por detrás e propinándolle varias puñaladas mentres o agarraba polo pescozo.

Posteriormente, tras lograr que a vítima lle devolvese a contía, marchouse do lugar da agresión abandonando ao ferido, que foi auxiliado por axentes policiais tras o aviso dunha persoa que vira a D.S.O. camiñando pola rúa e sangrando. A vítima necesitou atención hospitalaria urxente e, de non ser atendido a tempo, perdese a vida. O acusado estivo en prisión provisional desde o 10 de abril de 2018.

Tribunais.- Liberdade con compromiso de desintoxicación para o home que apuñalou a outro que lle vendeu cocaína falsa
Tribunais.- Liberdade con compromiso de desintoxicación para o home que apuñalou a outro que lle vendeu cocaína falsa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta