Galicia, un 'verxel' de vivendas abandonadas e sen ocupar

A taxa de vivendas baleiras nas vilas galegas é, en xeral, un 20% superior á ‘normal', segundo un estudo que cualifica o caso galego como "único" polo número de inmobles antigos e de recente construción desocupados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de C0mpostela | 02/05/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O territorio galego é un verxel de vivendas e edificios abandonados. Un problema que se acentúa en vilas, aldeas e parroquias. “Nas pequenas cidades de Galicia […] a taxa de desocupación é xeralmente un 20% superior á ‘normal’ […], entre un 6% e un 8%”, tanto “en residencias antigas como abandonadas e tamén de nova construción”. Esta é a principal conclusión dun estudo asinado por Quentin Brouard Sala, Philippe Madeline e Maxime Marie, da Universidade de Caen (Francia), e Rubén Lois González, profesor do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela.

Abandono no rural, na contorna de Vigo
Abandono no rural, na contorna de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

O caso de Galicia é “único”, segundo este estudo, que o coloca como paradigma do fenómeno das viviendas baleiras, por ter un gran número de dous tipos de inmobles desocupados: vivendas de recente construción, principalmente nas zonas de maior desenvolvemento urbanístico e na franxa atlántica, e vivendas antigas, especialmente no interior, en zonas rurais.

O aumento das vivendas desocupadas en Galicia é, segundo este estudo, resultado de dous procesos: por un lado, o “abandono do espazo rural e a desaparición das súas unidades familiares”; en segundo lugar, a “sobrevaloración da nova construción e espazos urbanos”, que foi decisiva para “acentuar o despoboamento de moitos núcleos tradicionais”.

Datos analizados polos expertos, referidos ao ano 2011, indican que as vivendas desocupadas en Galicia alcanzaban “un nivel significativo”, até un 18%, mentres que as residencias secundarias representaban o 15%. Unha residencia é considerada desocupada cando non está a ser utilizada durante a totalidade ou parte do ano, nin como primeira residencia nin como residencia secundaria. En 2011, segundo os datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) recollidos neste estudo, as vivendas baleiras en Galicia eran ao redor de 300.000.

Trátase, principalmente, de vivendas antigas, construídas maiormente antes de 1950, algunhas delas antes de 1900. Residencias que foron abandonadas nun amplo número entre os anos 2001 e 2011, isto é, desde que se acelerou a burbulla inmobiliaria en España, até que esta estoupou e chegou a gran recesión económica.

Abandono no rural, na contorna de Vigo
Abandono no rural, na contorna de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

Pero ao mesmo tempo “aumentou de maneira importante” a taxa de vivendas de construción recente tamén baleiras, é dicir, as construídas despois de 2000, principalmente pola “intensidade da construción” que se fixo en España durante os anos previos á crise económica.

En 2012, a maioría dos municipios galegos tiña unha taxa de vivendas desocupadas por enriba do 12%, unha porcentaxe “moito máis alta do que se considera unha taxa normal”, destacan os autores do estudo.

“En Galicia e, en xeral, en España, a construción foi tan intensa na década de 2000, que se abandonaron numerosas vivendas antigas. Ademais, o feito de que as casas antigas en áreas rurais e vilas non se volveron ocupar despois da morte dos seus habitantes foi outra causa notable do declive demográfico nestas áreas. O aumento no número de vivendas baleiras construídas recentemente explícase pola crise da propiedade de 2008, que obrigou a numerosos propietarios a abandonar as casas que construíran ou estaban en proceso de construción”, explícase no traballo.

“O fenómeno do abandono é ben claro na Galicia rural e interior”, afírmase no estudo, no que se salienta o feito de que as áreas con menor crecemento demográfico, ou en declive, son máis propensas a un aumento no número de vivendas baleiras, ao contrario do que acontece nas grandes áreas urbanas, máis atractivas para atraer poboación e onde hai menos vivendas  baleiras, aínda que tamén existen polas expectativas xeradas e a especulación inmobiliaria.

As áreas coa menor taxa de desocupación sitúanse no eixo atántico galego (vertebrado pola autoestrada AP-9, que conecta as grandes áreas metropolitanas), máis “algúns municipios que limitan con Lugo”. Con todo, as residencias baleiras consideradas secundarias concéntranse precisamente nas zonas costeiras.

“De feito, durante a crise inmobiliaria de 2008, numerosos galegos construíron unha, dúas ou mesmo máis residencias secundarias, especialmente preto da costa”, engaden os autores do estudo.

Pero o conxunto das vivendas baleiras tamén inclúe as áreas periféricas do país, “especialmente ao norte e ao leste de Lugo, ao leste e ao sur de Ourense e entre Ourense e Lalín”.

En moitos municipios destas áreas, “a taxa supera o 20%”, unha porcentaxe moi por enriba da media. O fenómeno, segundo os expertos, “explícase en primeiro lugar polo éxodo masivo de habitantes desde a década de 1960 debido a unha estrutura económica que aínda estaba firmemente ancorada na agricultura e, en segundo lugar, ao fracaso da vivenda para satisfacer as aspiracións dos habitantes”.

Este é o caso de 84 municipios de “comunidades de montaña”, que perderon máis do 50% dos seus habitantes despois de 1960. Así, poñen como exemplos vilas como Vilalba, A Fonsagrada, Becerreá e Sarria, na contorna de Lugo, ou Castro Caldelas, Maceda, Allariz e Xinzo de Limia, na de Ourense, que “se viron particularmente afectadas”.

NÚCLEOS COMPLETAMENTE ABANDONADOS

O estudo centrouse nas vivendas antigas baleiras, que se atopan sobre todo nas zonas rurais e vilas do país. Cun traballo de campo, observouse que nestas zonas a porcentaxe de vivendas baleiras que datan de antes de 1950 é superior ao 20%. A zona leste de Galicia é “a máis afectada”, até o punto de que “algúns núcleos foron completamente abandonados e están desertos”.

Nas provincias de Lugo e Ourense danse as taxas máis altas de vivendas baleiras antigas, chegando a superar o 60% en amplas zonas, sendo na maioría dos concellos vivendas antigas sen comodidades para ser habitadas.

No conxunto de Galicia, o 40% deste tipo de edificacións está en malas condicións, superando o 60% na maioría das comunidades rurais.

A investigación analizou en profundidade a situación particular de catro vilas en 2016 e 2017: A Fonsagrada (Lugo), Monterroso (Lugo), Maceda (Ourense) e Santa Comba (A Coruña).

As análises deron como resultado que a alta taxa de vivendas antigas baleiras se debe a dúas razóns: o declive demográfico das zonas rurais e vilas de Galicia e o impulso para a construción de novas vivendas. Pero os expertos consideran que “estes dous elementos non son suficientes para explicar por que as vivendas tradicionais foron abandonadas por novas casas”.

De feito, din, unha “característica particular das rexións atlánticas de España, incluída Galicia, é o efecto social das clases populares que imitan a certas elites locais cando constrúen casas novas”. Neste sentido, apuntan que “despois da alta emigración galega a América do Sur a principios do século XX, un gran número de migrantes regresaron ao país desde os anos cincuenta e sesenta” e “tiveron unha grande influencia na vivenda, xa que construíron enormes mansións que os galegos chaman ‘casas de indianos’”.

“Estas prestixiosas casas, cun forte valor simbólico e monetario, agora están ocupadas pola burguesía local (ás veces, aínda por indianos) e tamén polas clases altas de Madrid cun forte capital cultural. Estas casas eran unha fonte de envexa para a poboación local, que quería imitalas”, proseguen os autores.

Para non sentirse inferiores, moitos nativos abandonaron as súas antigas casas de pedra tradicionais e construíron novas residencias de cemento e ladrillo, a partir da segunda metade do século XX, imitando as construcións urbanas.

O despoboamento xerou o fenómeno da vivenda baleira, que, segundo os autores do estudo, non se resolve co regreso dos que se foron ou coa chegada de familias doutros lugares, os cales preferiron construír novas casas, seguindo a lóxica do crecemento urbano nas contornas das cidades, nas vilas e nas aldeas.

"As casas antigas [nas zonas rurais e de interior] deterioráronse e perderon o seu valor real e simbólico, a diferenza dos procesos de construción especulativa, nas contornas das cidades e en edificios máis altos. Esta dinámica está xeneralizada e estase comezando a corrixir nalgúns casos, onde a conservación dos plans urbanos e a delimitación das áeas de rehabilitación integrada permiten a recuperación dun número significativo de casas baleiras. Isto determinouse no exemplo de Rianxo, que responde máis á tipoloxía de vila costeira e pesqueira, que á dos núcleos rurais", describen os investigadores.

Nalgúns núcleos, os plans locais de rehabilitación, á parte dos fondos de desenvolvemento rural, comezaron a recuperar vivendas baleiras. "Pero, polo momento, só nos centros tradicionais, históricos, das vilas". Trátase, din, "dun proceso inicial [...] que nin sequera se estende ao resto do territorio municipal. Con todo, pódense aprender leccións para o futuro con respecto a un mellor uso do patrimonio construído", indican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

e se temos 200.000 vivendas baleiras como é posible se os alugueres suban e suban...? A única persoa que tiña as cousas claras foi expulsada da política institucional (Alexandra Kollontai) http://parte.gal/2019/02/18/o-treme...