Radiografía do machismo na política municipal galega

117 localidades galegas (37,4%) contan con só homes como candidatos á alcaldía. Tan só 318 das 1.247 candidaturas están encabezadas por mulleres. En Muros, Moeche, Allariz, Oimbra e Vilariño de Conso todas as listas están encabezadas por candidatas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

As mulleres galegas seguen tendo unha menor presencia que os homes nas candidaturas ás alcaldías galegas presentadas para as próximas eleccións do 26 de maio. En concreto, das 1.247 rexistradas, só 318 están encabezadas por mulleres, o que supón só un 25,5% do total. Ademais, ata 117 localidades galegas contan con só homes como candidatos á alcaldía --un 37,4% do total de concellos--, fronte a cinco concellos --1,6%-- no que todas as persoas que compiten como 'cabezas de lista' son mulleres.

Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da área metropolitana da Coruña
Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da área metropolitana da Coruña | Fonte: Concello da Coruña.

Deste xeito, segundo os datos dos boletíns provinciais, a provincia na que porcentualmente máis mulleres encabezan listas é a de Pontevedra aínda que as cifras entre sexos difiren amplamente.

En concreto, só o 28,8% dos alcaldables son mulleres --85 dun total de 294-- mentres que hai 209 candidatos homes, o 71%. Ademais, en 14 municipios pontevedreses non se presenta ningunha muller como candidata. De feito, o caso máis significativo é o da capital de provincia, tendo en conta que as nove listas que se presentan á Alcaldía de Pontevedra están encabezadas por homes.

Así mesmo, en Baiona, de oito listas só unha muller encabeza unha das candidaturas --a de Vox--. Con todo, no municipio de Sanxenxo, de oito listas presentadas, ata seis están lideradas por unha muller.

MÁIS CANDIDATAS

Aínda que a porcentaxe é inferior a Pontevedra, A Coruña é a provincia na que hai máis candidatas á alcaldía. Un total de 97 mulleres optan a converterse en rexedoras do seu municipio, o que supón o 24,5% do total de cabezas de lista na provincia --396 nos 93 concellos coruñeses--.

Así, nun 33,5% da provincia coruñesa --33 concellos-- os veciños só dispoñen de opcións masculinas entre os candidatos á alcaldía, mentres que en cinco --Monfero, Oza-Cesuras, Camariñas, Boimorto e Sada-- hai máis mulleres que homes á fronte dunha lista.

Nas provincias de Ourense e Lugo, a porcentaxe de municipios nos que non hai mulleres entre os candidatos a facerse co bastón de mando achégase ao 50 por cento. En Lugo, en 28 dos 67 concellos da provincia só hai cabezas de lista homes --41,8%--, mentres que en Ourense a porcentaxe se eleva ao 45,6% --42 de 92 municipios--.

Na provincia ourensá, das 317 persoas que se postulan a alcalde só 69 son mulleres, o que representa unha porcentaxe do 21,7%. Lugo presenta unhas cifras similares. Unicamente o 22,1% das 240 candidaturas rexistradas na provincia están lideradas por mulleres, 67 en total.

En Lugo existen nove concellos con maior número de mulleres que homes aspirando a converterse en rexedora --Carballedo, Friol, Guntín de Pallares, O Páramo, Burela, Mondoñedo, Monforte, Begonte e Cospeito--, mentres que en Ourense isto ocorre noutros catro municipios --Barbadás, A Bola, Porqueira e Vilamarín--.

TODAS CANDIDATAS

A pesar destas cifras, hai cinco concellos galegos nos que a persoa que ostente o bastón do mando será si ou si unha muller, xa que todas as listas están lideradas por mulleres. Este é o caso de Moeche e Muros, na Coruña; así como Allariz, Vilariño de Conso e Oímbra en Ourense.

Concretamente, segundo os datos dos boletíns provinciais, no municipio coruñés de Muros, catro mulleres aspiran a facerse coa Alcaldía. Trátase de Caridade González Cerviño (PSdeG), María Inés Monteagudo (PP), María Lago Lestón (BNG), así como María Xosé Alfonso (CxG).

No caso de Moeche, dúas candidatas encabezan as únicas dúas listas que compiten pola alcaldía. É o caso da María Beatriz Bascoy, que lidera o BNG desta localidade coruñesa e de María del Mar Méndez, que capitanea o proxecto do Partido Popular.

ALCALDESAS EN OURENSE

A pesar de ser a provincia con menor porcentaxe de mulleres optando a unha Alcaldía, unha muller gañará as eleccións en tres municipios de Ourense pase o que pase o 26 de maio. Un deles será Allariz, onde Luz Doporto (PP) e Zaida Rodríguez (PSOE) aspiran romper coa hexemonía do BNG nun dos bastións do nacionalismo galego.

Tratará de evitalo Cristina Cid (BNG), que asumiu o bastón de mando en xuño do pasado ano tras a renuncia de Francisco García, quen permanecía no cargo desde o ano 2000, cando sucedeu ao ex-vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, que regresa á política para ocupar o simbólico último lugar da lista frontista para o 26 de maio.

Tamén sairá vencedora unha muller en Oímbra, municipio da comarca de Verín, e onde se repite o mesmo esquema do tripartidismo --PP, PSdeG e BNG-- que caracterizou a política galega ata a irrupción das 'mareas'. A popular Ana María Villarino opta á reelección e pugnará coa socialista Marta Arias e a nacionalista Perfecta Losada.

O último dos municipios ourensáns nos que só hai candidatas femininas é Vilariño de Conso. Neste concello da comarca de Viana só haberá dúas papeletas e ambas estarán encabezadas por mulleres: a actual alcaldesa Melissa Macía (PP) e María Esther Alonso (Agrupación Independente de Vilariño de Conso).

LISTAS FEMININAS

De cara a estes comicios de maio, a xunta electoral de zona de Ourense anulou unha lista que incluía só mulleres en Xinzo de Limia --Xuntas por Xinzo--. Segundo fontes xudiciais, a candidatura foi suspendida por non cumprir a paridade que esixe a Lei de réxime electoral xeneral, é dicir, tiña que incluír homes.

Con todo, en Sober (Lugo), si quedou validada outra candidatura integrada unicamente por mulleres --Agroma Sober-- e que encabeza a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao. A diferenza entre ambas radica, no entanto, en que neste caso se inclúen nomes de homes na listaxe de suplentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

imos ver. Unha cousa é o " machismo" e outra que os candidatos municiapais non sexan maioritarimente femeninas. Seica que se non hai paridade nas listas municipais eso xa é " machismo". A tolemia feminista. ¿ E por qué nopn protestan porque non haxa paridade na xente que está nos andamios ou na pesca do Gran Sol? Ai non, que eso non interesa.

1 vieiras de trapo

o canditado jacome "io jacome" de demodesgracia ourensa CASA JACOME, outro ególatra e mitomaniaco... acaba de por na rua a concelleira LAURA por machorrero, por machismo e todo nun pleno onde un concelleiro de demodesgracia ourensa dixolle a LAURA - QUE SE CALASE A BOCA, e o outro o jacome vai e o desculpa, namentras o alcalde de Ourense entraba no medio do trapo, nun deses plenos do concello de ourense